fbpx
GastronomíaNovasPola gorxa

Crema de bagazo

Toda boa comida ou cea en Galicia debe rematar con dous produtos: café e algún licor en vaso de chopo, que é como chamamos na nosa lingua a eses recipientes moi pequenos nos que a cantidade de líquido pode beberse dunha vez (un ‘chupito’, en castelán).

Normalmente podemos elixir entre varias opcións, sendo as máis demandadas o licor café, o licor de herbas ou a crema de bagazo (en galego, non existe a palabra ‘oruxo’).

Segundo a Real Academia Galega (RAG), o bagazo é o residuo de certos froitos como a uva ou a oliva, despois de espremelos e sacarlles o líquido. O dicionario galego admite como sinónimos bagaño, bagullo e bullo. Con eles elabórase, por exemplo, o augardente, que definen na RAG como aquela bebida alcohólica obtida ao destilar o bagazo ou outros produtos como froitas ou cereais, despois de fermentaren.

Curiosidades

  • A crema de bagazo é unha bebida elaborada con bagazo de uva e nata ou leite concentrado, cun contido en azucre superior a 250 g/l e unha gradación alcohólica comprendida entre 15° e 18°.
  • O aceite de bagazo é un aceite que se obtén da mestura de aceite de bagazo refinado e aceite de oliva virxe, cunha acidez máxima de 1º.
  • Na páxina web do Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia explican con todo detalle como son as técnicas de destilación que se empregan para elaboralos. A alquitara é o método máis antigo, lento e de menor rendemento, pero que aínda se emprega nalgunhas zonas de Galicia, como en Portomarín (en Lugo) ou Verín (Ourense). Os outros dous sistemas máis utilizados son o alambique e o arrastre por vapor.

ONDE PROBALO?

É raro o local de hostalaría en Galicia que non ofreza algún destilado. Iso si, á hora de consumilos é importante asegurarse de que estean debidamente etiquetados. Hai catro Indicacións Xeográficas (IX) incluídas dentro do Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia: IX Orujo de Galicia, IX Augardente de Herbas de Galicia, IX Licor de Herbas de Galicia e IX Licor Café de Galicia.

Pero se queredes probar o bagazo dun xeito único e orixinal, recomendámosvos visitar o Pub Atlántico, en Santiago de Compostela. Alí podedes pedir que vos sirvan a proposta gañadora na categoría con alcohol na última edición do concurso Santiago(é)Cóctel. Trátase de Bravú, un cóctel co que a súa creadora, Pili Fernández, quixo homenaxear á coñecida corrente musical galega dos anos 90 e que ten como ingrediente principal o bagazo, combinado con notas cítricas e herbas que recordan aos aromas frescos e salinos do mar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.