fbpx
A CoruñaCulturaGastronomíaNovas

8M / Coruñesas na gastronomía e a cultura: a chef Iria Espinosa e a actriz Luisa Merelas

Iria Espinosa e Luisa Merelas, no restaurante da primeira, Árbore da Veira. Foto: Iván Barreiro

A piques de chegar o Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo, quixemos falar con dúas profesionais das dúas temáticas que sempre tratamos en Pincha, a gastronomía e a cultura, de como evolucionou o papel das mulleres nestes dous sectores.

Para iso, convidamos á actriz Luisa Merelas, coñecida polos seus traballos en teatro, cine e televisión, a visitar o único restaurante que conta actualmente cunha Estrela Michelín na cidade herculina, Árbore da Veira; que rexenta, xunto co seu socio Luis Veira, a chef Iria Espinosa.

As dúas naceron na Coruña, aínda que épocas moi diferentes. A Luisa, con case 65 anos, tocoulle vivir nun país con moitas menos liberdades para as mulleres. A reali- dade de Iria, con 36, foi ben diferente, pero aínda así non exenta do machismo e o patriarcado que segue sendo unha eiva na nosa sociedade.

O ano pasado, o Centro Municipal de Información á Muller (CIM) da cidade atendeu a 863 usuarias sobre distintos aspectos relacionados coa violencia de xénero. “Trátase dunha cifra que se mantén estable nos últimos anos e iso obríganos a non baixar a garda”, explica a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Nei- ra. “Que non haxa un aumento acusado de mulleres que veñen en busca de informa- ción non quere dicir que sexa menos preocupante. O problema segue aí e é terrible”, subliña.

Unha das solucións pasa precisamente por alzar a voz, por denunciar o que pasa, por educar en igualdade... Desde o Concello destacan tamén que no 2022 realizáronse un total de 283 actividades para colectivos de todas as idades e en distintos sitios (na rúa, nos colexios, en eventos, na Universidade) polos que pasaron 13.441 persoas. Tanto o incremento de actividades como de participantes creceu máis dun 300% con respecto a 2021, ano no que houbo 70 actividades e 3284 participantes. Sigamos nese camiño. Non calemos. Estamos a tempo. 

Luisa Merelas: “Sufrín unha violación e non o denunciei. Naquela época non se facía”

Luisa Merelas leva máis de 50 anos facendo teatro, cine e televisión. Foto: Iván Barreiro

A Luisa Merelas (A Coruña, 1958) estamos moi afeitos a vela en papeis de “mala”. Como esa Dona Carme da televisiva ‘Matalobos’ ou o seu máis recente éxito no teatro, ‘Bernarda’, da compañía Malasombra. “A min custábame ás veces traballo dicir aquelas frases que tiña que dicir na serie! (risos) Tiña que atoparlle xustificación dentro da maldade. Eu non creo que ninguén sexa moi bo, moi bo na súa vida ou moi malo, moi malo. Todos temos matices na nosa personalidade. E os personaxes tamén”, explica. 

Que a encadren nese tipo de papeis non lle preocupa: “A min o que me importaba máis era ter emprego, poder pagar as facturas. Na pandemia pasei un ano sen traballar e decidín xubilarme anticipadamente. Agora intento coñecer outras cousas, ser feliz, gústame moito a natureza, teño unha horta na que paso moitos momentos, cultivo tomates, leitugas, remolachas... É marabilloso! E só acepto traballos se me gustan e me compensan economicamente”. Porque tal e como recoñece Luisa a súa profesión é moi inestable, e moito máis se es muller. “Sempre houbo máis papeis para actores que para actrices. Nas series, nas películas... Hai unha maior porcentaxe de homes que de mulleres. Por que? Porque as historias están escritas a maior parte por eles”. 

O seu amor pola actuación comezou sendo unha nena. Tivo a sorte de contar como profesor no seu colexio co recoñecido dramaturgo Manuel Lourenzo. E con 15 anos entrou na súa compañía ‘Teatro independente’. Grazas a el tamén puido examinarse en Barcelona e licenciarse en Arte Dramático. Pero como levaba a súa familia que se dedicara naquel momento ao mundo do espectáculo? “Era unha época de espertar como sociedade. Na miña casa sentín ese apoio porque coñecían ao meu mestre. Non foi como un pai, pero si que sentín o seu respecto. Había esa confianza”, relata. 

Comezou nos 70 unha extensa carreira en montaxes teatrais que continúa ata hoxe en día. Coa chegada da TVG, a mediados dos 80, fixo tamén moita dobraxe. E desde os 90 leva participado en decenas de series de televisión e películas. Unha das últimas, un pequeno papel na premiada ‘As Bestas’, de Rodrigo Sorogoyen. Máis de 50 anos subida aos escenarios que dan para vivir moitos momentos sexistas. “Recordo situacións de ser eles os directores e tratarme coma se fora unha nena. Houbo, por exemplo, unha vez no teatro, nunha obra na que eu era a protagonista, e fixéronse os programas de man co meu apelido mal escrito. O director dixo: “Bueno, pero non pasa nada, non che importa, verdade, Luisa?”. Eu non fun capaz de defenderme. Unha compañeira miña do elenco, Mónica García, foi a que dixo que había que cambialo. Non sei se iso foi un acto machista, pero se fora un home protagonista ao mellor non pasaba. Eu sinto que teño moito que aprender, aínda aos meus anos, teño que saír cara arriba. Teño que conseguir empoderarme”. 

Luisa destaca que grazas aos movementos feministas as cousas están a cambiar, que é moi importante que as mulleres alcemos a voz. E iso mesmo fai ela contando por primeira vez publicamente o que viviu sendo moi nova: “De nena sufrín abuso sexual e con 18 anos, unha violación. Pero non se me ocorreu denuncialo. Naquela época non se facía. Sentíame incluso culpable por confiar naquela persoa. Por irme con alguén que pensei que era amigo das miñas amigas. E non reaccionei. E mira que vexo ao violador de cando en vez e danme ganas aínda hoxe en día de plantarme diante del e...”. Luisa non continúa. Xa é un paso moi grande simplemente verbalizalo. Ao pouco, fai outra importante reflexión: “Eu tiven o meu primeiro fillo aos 21 anos e non tiña claro que o quería ter. Pero como lle ía dicir iso á miña nai! Deixeime levar, non fun capaz de reaccionar. É o machismo que te paraliza. Eu estaba paralizada. Hoxe é moi importante que poidamos ser donas do noso corpo. O machismo está na sociedade, en todas partes. Agora que vou facer 65 anos no mes de abril, con esta perspectiva do tempo, é cando máis o vexo. Aínda hai moito que cambiar, seguen morrendo mulleres a mans dos homes, hai que educar aos fillos desde moi cedo... Como di a escritora Inma López Silva: hai que liberar aos homes do peso do machismo. Será bo para nós e eles tamén se van sentir liberados”.

Iria Espinosa: “Chegar a ser xefa de cociña require moita dedicación e a conciliación é moi difícil”

Iria Espinosa é copropietaria do restaurante Árbore da Veira, cunha Estrela Michelin. Foto: Iván Barreiro

Segundo datos da asociación Hostalaría España a hostalaría é o único sector entre os grandes da nosa economía no que hai máis mulleres que homes (un 53,1% no 2021). Ademais, o 85% da comida é cociñada por mulleres, mais só un 40% dos establecementos están dirixidos por elas. E a porcentaxe é moito menor se falamos de alta cociña. Só o 10% dos restaurantes distinguidos con algún recoñecemento están liderados por unha chef. Por poñer algúns exemplos na nosa terra: o Grupo Nove conta con máis dunha vintena de cociñeiros galegos pero só dúas son mulleres, Beatriz Sotelo e Lucía Freitas; e no colectivo Coruña Cociña, con 21 membros, atopamos só a Alma García e Ángeles Marzoa. 

Iria Espinosa (A Coruña, 1986), copropietaria de Árbore da Veira, atribúe esta situación ás dificultades de conciliación que supón un traballo coma o seu. “Eu tíveno fácil porque no meu sector nunca vivín ese machismo de que os homes estiveran por riba. Todos os homes cos que traballei sempre me trataron como unha persoa máis. Pero para chegar a ser xefe de cociña nun restaurante require moita dedicación. As corenta horas é como debería ser pero todos somos conscientes de que non é real. Ao mellor non estás máis tempo na cociña, pero si que estás no ordenador, creando… traballando doutra maneira. Eu acabo de ser nai fai un ano e catro meses e doume de conta de que iso con nenos é moi complicado. E para o meu marido, que tamén é cociñeiro, é igual de complicado que para min conciliar”, explica. 

Precisamente para ter unha mellor calidade de vida, en Árbore da Veira abren só as noites dos venres e sábados. “Así teño todas as tardes para dedicarme á miña filla. Pero se rematas ás 16.00 h e volves a entrar ás 19.00 h… é imposible! Antes na hostalaría librabas un día e traballabas todos os demais mañá e noites. Agora non. Estamos a novas xeracións para cambialo. O meu socio sempre di que eu lle abrín un pouco a mente porque parece que antes todo se baseaba só en traballar”. 

Iria comezou a cociñar coa súa avoa. “Recordo subirme a un banquiño con ela e empezar a mancharme as mans: facer croquetas, albóndegas, a cortar o que me dicía…”,

lembra con nostalxia. Despois estudou un ciclo superior no CIFP Paseo das Pontes. De aí pasou ao mundo do catering xunto a Javier Rodríguez Ponte “Taky” e á cociña do restaurante Alborada. Alí coñeceu ao seu marido, Álvaro, e ao que logo sería seu socio, Luis Veira. E aí, cando só tiña 22 anos, gañaron a primeira Estrela Michelin. A seguinte chegaría no 2013, na primeira etapa de Árbore da Veira na rúa de San Andrés. “Foi emocionante, aínda que o que é verdadeiramente importante é que a xente marche contenta do teu local. Por moitas Estrelas que teñas, quen te premia é o cliente todos os días”, sostén.

No 2018 arrincaron cunha nova aventura. “Tivemos a oportunidade de coller este local no Monte de San Pedro e non o dubidamos. Aquí temos o restaurante onde damos de comer a unhas 30 persoas e tamén un salón para eventos. Ademais na pandemia montamos a taberna Cinco Mares e o mellor é que temos aquí todo xunto e sempre estamos ou Luis ou eu para atendelos”, explica. 

En Árbore da Veira impresionan as vistas do Atlántico, coa Torre de Hércules presidindo a paisaxe. “O que vemos pola ventá todos os días cando chegamos é o mar. Sería absurdo ofrecer outra cousa que non viñese de alí. Entón a nosa é unha cociña baseada no peixe e nos mariscos. E tamén nos recordos. En pratos que nós coñecemos aos que damos unha volta. Por exemplo, o guiso de choupas que facía miña avoa, un guiso mariñeiro que se fai moito na Coruña. E logo é verdade que tratamos de estar ao día nas técnicas novas que poden saír. Nunca deixamos de aprender”, sinala Iria. 

E desde este lugar da cidade, case poderiamos dicir máxico, agardan deixar dentro de pouco de ser o único restaurante coruñés con Estrela Michelin: “Temos un nivel gastronómico moi bo. Moita xente nova que está montando os seus locais, a pesar do difícil que é emprender e de como están os gastos de todo. Sería moi bo para Coruña, como turismo gastronómico, que houbera máis Estrelas; porque ademais témolo todo: o mellor produto, o espazo, etc.”. Benvidas, se chegan!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.