fbpx

Concurso de disfraces ‘invisibles’ para celebrar o Entroido compostelán

Presentación do concurso «O disfrace invisible». Foto: Concello de Santiago

O Concello de Santiago acolleu hoxe a presentación do concurso fotográfico «O disfrace invisible», na que participaron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o responsable de Festas, Gonzalo Muíños; e o mago Kiko Pastur. Consiste en disfrazarse para camuflarse ou «desaparecer» da imaxe, en lugares recoñecibles de Compostela. O prazo para a presentación das imaxes ábrese hoxe e péchase o 16 de febreiro.

Mercedes Rosón destacou a orixinalidade da iniciativa, que, engadiu, «se adapta totalmente ás actuais restriccións anticovid e permítenos celebrar o entroido doutro xeito». «Ata onde sabemos», continuou, «é a primeira vez que unha cidade acolle unha iniciativa deste tipo», coa cidade como protagonista. «É un xogo con Compostela como escenario, que vai contribuír a visibilizar o noso patrimonio: os nosos monumentos, os nosos parques, as nosas rúas». Tamén destacou a máxia «coa que nace», ao estar organizado polo Museo de Maxia Kiko Pastur, en colaboración con Mery Pais, a Asociación Cidade Vella e o Concello de Santiago, a través das concellarías de Acción Cultural e de Festas.

Na súa intervención, Gonzalo Muiños explicou a dinámica do concurso. Sinalou que se premiará «o enxeño e orixinalidade dos e das participantes, o deseño e fabricación dos traxes, a calidade técnica das fotografías e que os lugares escollidos poñan en valor a propia cidade».

Concederanse tres premios de 1.000 euros, 500, e 300 euros; e dous áccesits de 100 euros para a fotografía máis divertida e máxica, así como para formar parte do álbum que o concello exhibirá coas propostas máis brillantes e máis enxeñosas que se reciban. O concelleiro de Festas recordou que as fotos deben presentarse, unicamente, en formato dixital, e non poden ser alteradas nin manipuladas.

Cada concursante poderá presentar o número de obras fotográficas que queira, aínda que só poderá optar a un premio no caso de que presente varias. As obras fotográficas enviaranse, ata o 16 de febreiro incluido, ao correo electrónico odisfraceinvisible@gmail.com, nos formatos standard JPEG, TIFF, BMP, PNG ou RAW; ou a través da web https://odisfraceinvisible.com/

Kiko Pastur destacou o fomento do enxeño e a creatividade deste concurso a nivel individual, e «na parte social», a exposición das 25 mellores fotografías, que percorrerá os Centros Socioculturais da cidade. E sinalou que camuflarse coa contorna «non é algo novidoso», o que é novidoso é vinculalo, engadiu, ao entroido.

Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños e Kiko Pastur animaron á cidadanía a presentarse ao concurso, «a xogar con este reto creativo» a ilusionarse «con este entroido tan atípico que nos toca vivir este ano».