fbpx
CompostelaReportaxes

Compostela ten moito CIRCO

Por Rebeca Munín

No barrio compostelán das Cancelas érguese unha nave chea de talento. Nela ensaian cada día centos de composteláns, profesionais ou amateurs, do novo circo. Circonove é a asociación que xestiona este centro de formación, creación e adestramento circense, único en toda Galicia. Alí podemos atopar pallasos, acróbatas, equilibristas, malabaristas…

Situada pola parte de atrás do campo de fútbol, o primeiro que sorprende cando un chega a esta nave é o trapecio volante que hai na súa entrada, no exterior, sobre o asfalto. “Que perigo!”, coméntolle a José Expósito cando chego. Pero está aí precisamente para protexer aos artistas. “Dentro non podemos facelo. Nin por altura nin por seguridade, porque un peso de 60 quilos movéndose pode chegar aos 250 quilos de forza”, explica. “No circo clásico si que o risco é un componente relevante pero para nós é bastante máis importante o traballo estético. Os nosos trapecistas non é que non se caían. Pode pasar. Pero raras veces teñen accidentes mortais porque van agarrados por unha liña”, engade.

El é xerente de Pista Catro, a compañía que produce os espectáculos de moitos dos artistas que pasan por Circonove. Dentro da nave hai colchóns inchables, telas, aros, trapecios, un mastro chinés, unha barra de pole dance… Polas mañás adestran os profesionais e polas tardes é o turno das clases. E calquera pode aprender! Incluso os máis pequenos. Así os sábados contan con grupos de nenos e nenas desde os tres anos de idade en adiante. “Unha característica fundamental do circo é que sempre fumos bastante integradores. Desde o máis clásico que sempre reuniu a persoas de todo tipo e condición, ata o novo circo no que temos unha forte inclinación polo social. Por iso os nosos prezos son populares”, asegura Expo –que é como lle gusta que lle chamen.

Sobrevivindo

Coas ensinanzas que reciben en Circonove, moitos comezan a traballar nas artes escénicas. A outros sírvelles de trampolín para acceder a algunha das dúas escolas de formación profesional que hai en España: Carampa, en Madrid, e Rogelio Rivel, en Barcelona. Ou, incluso, á Circus Space de Londres, coa que conseguirán un título universitario. “Iso aquí non existe. Aínda que este ano a Carlos III vai a sacar o primeiro curso de experto universitario de circo”, apunta José.

Para eles é imposible ofertar unha formación profesional por falta de apoio institucional. Hai anos contaban coa financiación da Agadic, do Ministerio de Cultura e da Deputación de A Coruña. Tiñan ademais dous convenios, un co Concello de Santiago e outro co de Ames. “Neses momentos eramos un dos proxectos punteiros de circo en España”, recorda. Pero pouco a pouco foron perdendo eses soportes – a excepción da Deputación –, algo que achacan á crise económica e ao cambio nas políticas culturais. “Eu creo que á cultura en xeral e ás artes escénicas en particular non se lles respecta nin se lles valora o suficiente. Pero ademais dentro das artes escénicas, o circo non ten a consideración que teñen outras. Por exemplo, as subvencións sempre son ao teatro e á danza. E nós?”, lamenta.

Vivir do novo circo vólvese cada día máis complicado. Actuar en teatros é difícil porque, entre outras cousas, non todos están preparados para acoller este tipo de espectáculos. A rúa é o escenario escollido entón para poder seguir exercendo a súa profesión. Os meses de verán son os mellores. A asociación organiza unha programación na que, ao finalizar os seus espectáculos, os artistas pasan a gorra. “Para eles é fundamental para sobrevivir o resto do ano”, afirma Expo. Iso sempre que a estación sexa boa. “Se chove, aínda que sexa pouco, suspendemos porque ante todo miramos a seguridade. Se un artista ten un escorregón e ten unha lesión, pode suporlle perder toda unha tempada”, indica.

Dez anos producindo soños

Pista Catro naceu no 2006 co obxectivo de crear e producir os espectáculos individuais ou como compañía dun grupo de actores de teatro, músicos, malabaristas, acróbatas e clowns de Compostela. Ademais de Expo como admistrador e xerente, son socios desta produtora de soños Belém Brandido, Pablo Reboleiro, Manu Lago e Aitor Garuz. Neste tempo teñen impulsado numerosos shows de pequeno, mediano e gran formato. Incluíndo as súas propias creacións. A última é ‘Outono’, coa que renden unha homenaxe ao pallaso clásico. “Reflicte ese momento no que chegamos aos 40 anos e empezan as lesións, o corpo xa non responde coma antes… ten que ver moito co circo clásico porque cando o artista non podía acceder as acrobacias ou a números de exixencia física, pasaba a facer de pallaso”, explica Expo.

Así, ‘Outono’ é un espectáculo de teatro-circo con música en directo, que nos conta a viaxe nostálxica de catro artistas ao seu pasado, unha celebración da amizade e dos fracasos, unha reivindicación de ser idiotas, unha mirada poética ao antigo oficio dos pallasos. Un reencontro cheo de emocións, verdade e humor que levarán en xira despois do verán. Ademais, con esta obra buscan quitarse as máscaras. Esas que todos levamos para ocultar a parte escura que temos. E é que, tal e como din nun parte do show, “o verdadeiro pallaso lévase por dentro… así que, quitádevos todo!”.

Fotos de Iván Barreiro