fbpx
CompostelaCulturaNovas

Compostela, referente circense estatal cos programas Circo a escena e D10!

Do 23 de novembro ao 3 de decembro Compostela convértese no referente circense estatal, ofrecendo actividades de exhibición, formación, e un espazo de reflexión, dirixidas a públicos xerais e profesionais. E faino mediante a suma de forzas da programación Circo a Escena co D10!, encontro en formación e innovación en circo. O programa, que tamén contempla sete espectáculos, foi presentado hoxe pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galicia; Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego; e Belém Brandido, de Pistacatro.

A colaboración interinstitucional co sector circense fai posible que se realicen esta xeira de actividades que congregarán en Compostela a públicos e profesionais do circo e que darán boa conta do momento efervescente que esta disciplina está a ter en toda Europa. Esta colaboración recolle apoios do sector privado, con Pistacatro, e do institucional en todos os niveis: do Estado co apoio do INAEM e a Red Nacional de Teatros e Auditorios, do Autonómico co apoio da AGADIC e o Centro Dramático Galego e do local co apoio do Concello de Santiago e do Auditorio de Galicia.

A selección de espectáculos dá boa conta do momento creativo do circo que cada día gaña máis adeptos/as. Unha escolma que nos mostra que esta disciplina non ten límites e que serve tamén como unha potente ferramenta de creación artística sen perder a súa esencia: o risco do máis difícil aínda, o imposible trasladado ás táboas, a beleza do instante previo ao desastre, a gargallada e humor do clown, a música e o baile, o gume dos coitelos que corta respiracións, a superación para lograr superarse e superarnos… e un ollar fantástico sobre a vida e o mundo que nos arrodea e nos dá a benvida ao circo.

Exhibición
O programa contempla un total de sete espectáculos dirixidos a público adulto e a público familiar en diferentes formatos. Son:

-24 de novembro. Salón Teatro: 20:00 h. “Mi nombre es Hor”, da compañía PSIRC (Cataluña). Prezo: 7 €
-25 de novembro. Salón Teatro. 20:00 h. “FIL”, da compañía Madame Madame Gaüc (Cataluña). Prezo: 7 €
-26 de novembro. Salón Teatro. 19:00 h. “Murmullo”, da compañía La Víspera (Andalucía). Prezo: 4 €
-26 de novembro. Teatro Principal. 20:30 h. “Suspensión”, da compañía Nueveuno (Madrid). Prezo: 10 €
-27 de novembro. CGAC. 13:00 ou 13:30 h. “Vértigo”, de Peza de Danza Vertical (Galicia)
-27 de novembro. Auditorio de Galicia. 18:30 h. “Yolo”, da compañía Lucas Escobedo (Valencia). Prezo: 3 €
-28 de novembro. Auditorio de Galicia. 18:30 h. “Deja vú”, da compañía Manolo Alcántara. Premio Nacional de Circo 2021. Prezo: 3 €

Formación. VI edición de D10!
O obxectivo principal cando nace o encontro D10!, ademais de festexar o que xa fora o décimo aniversario da factoría Pistacatro como compañía, produtora e distribuidora, era incidir nun proxecto que versara sobre a produción de coñecemento, abordando o mesmo dende a interacción de tres esferas: información, contexto e experiencia.

Situando cada vez un pouco máis o proxecto no contexto estatal e, sobre todo en Galicia, coa oportunidade que se lle brinda aos profesionais das artes circenses e doutras disciplinas con esta formación e este encontro ao longo destes xa 5 anos, dende Pistacatro estudiaron dar un paso máis no coñecemento e na investigación da incidencia das novas linguaxes nas artes circenses e facelo pouco a pouco máis consistente e máis necesario.

Este circo das tres pistas (esferas) pretende ser un ano máis un encontro de corte reflexivo e formativo para os que integran a gran familia e comunidade de Circo. Ademais, dende a compañía pensan que é o momento oportuno para visibilizar este foro de busca de coñecemento con novas formas e de exhibición doutros formatos circenses aos habituais no mercado convencional. Dende Pistacatro sempre sentiron a necesidade de parar e reflexionar sobre como abordar a escena dende o circo, por e para que, e planificar os vindeiros anos. Abordar o pasado, sementar o futuro sen deixar de vivir plenamente o presente. Máxima que hoxe máis que nunca cobra sentido ante a situación vivida non só no Circo senón nas Artes Escénicas en xeral no último ano e medio.

O D10! funciona, así mesmo, como metáfora colectiva de constante renovación de persoas e ideas, tanto no aspecto artístico coma cultural.

Obradoiro de “Malabares expresivos”, a cargo de Guillaume Martinet, da compañía francesa Defracto os días 25 e 26 de novembro, que terá lugar na Cidade da Cultura. Neste obradoiro de 2 días, o obxectivo é ser capaz de ser físicamente expresivo cos malabares. Guillaume Martinet é un malabarista apaixonado que busca traballar sen xerarquía entre os individuos. O curso é unha experiencia de malabarismo: sempre comprimida entre o control e o deixarse levar. Traballarase sobre unha gama de técnicas precisas e fértiles: Paradas, illamentos, empurres, tiróns, caídas, impulsos, cámara lenta, lanzamentos, recepcións.

Obradoiro de escrita en circo “Escribir o risco”, impartido por Jorge Albuerne, os días 29 e 30 de novembro e 1 de decembro, que terá lugar no CSC do Romaño. Propónselle aos participantes unha práctica de creación de dispositivos de posta en escena baseados no circo (para espazos convencionais ou non) e o seu posterior análise coma escrituras escénicas.

Webinar sobre Seguridade e Prevención de Riscos. Sistemas de Rigging, online, con data no mes de decembro, por determinar.

– Reflexión. No aparado de reflexión, están programadas dúas actividades para o sábado, 27 de novembro:

  • Presentación do lanzamento da Web da APCG (Asociación Profesional de Circo de Galicia).
  • “Reviso o meu festival de circo: cara unhas boas prácticas en paridade”. Presentación dunha guía elaborada este 2021 que pretende ser un referente para programadoras e programadores e profesionais do sector. Trátase dun proxecto impulsado polos Festivais de Circo Circada e Circaire, co apoio da Universidade Internacional de Andalucía, dirixido aos festivais de circo, teatro ou música, ou aos xestores culturais para mellorar, analizar e reflexionar sobre algunhas prácticas habituais de xestión dunha programación artística en termos de igualdade.