fbpx
GaliciaNovas

Cociñeiros e artesáns composteláns, no evento ‘O Corazón da Artesanía’ do 5 ao 7 de xullo en Agolada

Presentación de O Corazón da Artesanía.

‘O Corazón da Artesanía. VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia’, que organiza a Xunta nos Pendellos de Agolada (Pontevedra), do 5 ao 7 de xullo, inclúe un ano máis na súa programación a iniciativa Artesanía no Prato, un proxecto no que a Artesanía de Galicia se une coa cociña galega máis vangardista a través de demostracións gastronómicas de prestixiosos chefs galegos.

Nun espazo único como é o conxunto histórico-artístico dos Pendellos, os asistentes aos showcookings poderán degustar menús elaborados por prestixiosos profesionais da mellor gastronomía galega e servidos en pezas de Artesanía de Galicia. Os cociñeiros do Grupo Nove, a compostelá Lucía Freitas (unha estrela Michelin e un Sol Repsol), Héctor López (dous Soles Repsol) e Javier Rodríguez Ponte “Taky”, así como o chef tamén santiagués Alén Tarrío, realizarán demostracións culinarias durante a próxima fin de semana nas que empregarán pezas de cestería tradicional: de Antonio Suárez Dávila (Vigo); cerámica dos obradoiros de Laura Delgado (Cambre); Ojea Estudio (Vigo); Branqueta (A Coruña); Nacho Porto (Carnota); Regal Cerámica (Viveiro); e Fernando Porto (A Estrada).

Empregaranse tamén cestas elaboradas con corda de algodón do obradoiro Degerónimo (Santiago de Compostela) e encaixes de Concha Canoura (Culleredo). Os cubertos serán de Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada), as pezas de madeira estarán elaboradas por Armaior (Quiroga), Atalanta Madera (A Estrada), Lorenzo Design (Santiago de Compostela) e Ferradáns (A Estrada).

As sesións de showcooking iniciaranse o venres ás 15,00 horas, con Lucía Freitas, do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela). O sábado o cociñeiro Héctor López, do Restaurante España (Lugo), realizará dúas demostracións, ás 13,30 e ás 15,00 horas, mentres que Alén Tarrío, do Pampín Bar (Santiago de Compostela), encargarase da demostración a partir das 20,30 horas. O domingo, será Javier Rodríguez Ponte “Taky”, do Catering Boketé (A Coruña), o que se encargará de realizar dous espectáculos gastronómicos, ás 13,30 horas e ás 15,00 horas.

A programación de Artesanía no Prato completarase con dúas degustacións que terán lugar no mesmo espazo que os showcooking. O venres ás 20,00 horas está previsto realizar unha cata de viños certificados por Galicia Calidade, a cargo da enóloga Cristina Murga e o domingo ás 19,00 horas o barista Óscar de Toro dirixirá o taller Sensacións do Sabor.

Para poder asistir a calquera das actividades de Artesanía no Prato é preciso inscribirse previamente no teléfono 692 843 313 (en horario de 9,00 horas a 14,00 horas) ou no correo electrónico info@comunic-artecomunicacion.com.

Produtos gourmet

Estes showcooking e degustacións forman parte dunha oferta gastronómica que se complementa con 47 expositores de produtos gourmet (14 da provincia da Coruña, 10 de Lugo, 6 de Ourense e 17 de Pontevedra). Haberá postos de viños, licores, proxectos innovadores de conservas, produtos elaborados con castaña, fabas, cervexas artesás, embutidos de porco e galo celta, meles e doces, entre outros, e nas proximidades dos Pendellos estarán a disposición dos visitantes 3 food trucks.

O proxecto Artesanía do Prato foi unha iniciativa que botou a andar na segunda edición do Corazón da Artesanía (en 2013) grazas á colaboración de cociñeiros do Grupo Nove que comezaron a empregar pezas da marca. Esta iniciativa está a medrar co paso de cada edición e permite que talleres de artesanía de diferentes oficios entren en contacto directo con profesionais do sector da gastronomía. Froito destes anos de traballo están a xurdir proxectos de colaboración entre artesáns e cociñeiros que cada vez son máis numerosos.

O Corazón da Artesanía, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades. Ademais dos postos de exposición e venda, cun total de 66 artesáns de 27 oficios diferentes e 47 expositores de produtos de alimentación, durante os tres días que dura o evento os visitantes poderán ver demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros abertos para todos os públicos nos que iniciarse na artesanía.

66 artesáns

‘O Corazón da Artesanía’ contará coa participación de 66 profesionais de Artesanía de Galicia (36 da provincia da Coruña, 6 de Lugo, 2 de Ourense e 22 de Pontevedra) de 27 oficios diferentes como a xoiería e a ourivería, a cestería, a marroquinería, a bixutería, a elaboración de instrumentos musicais, a olería, o téxtil, a tellería, a cerámica, a forxa, as colareiras, a elaboración de zocos, a talla de madeira, os xoguetes, a torneiría e talla de madeira, a ilustración, a zapatería, a elaboración de figuras de pan e a manipulación de papel.

Ademais de percorrer os postos de exposición e venda, durante os tres días que dura o evento os visitantes poderán asistir a demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros gratuítos abertos para todos os públicos, que están programados en horario de 11,30 horas a 14,00 horas e de 16,00 a 21,30 horas. Nesta ocasión, impartirase para adultos e nenos un obradoiro de manipulado de papel, impartido por Mimadriña (Fisterra); outro de creación de cianotipias, a cargo de María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo); un curso de iniciación ao torno cerámico, da man de Susana González (A Coruña), Antón Romar (Gondomar) e Roberto Piñeiro (Vigo); e un obradoiro de pintura sobre tecido, impartido por Como Pez en el Agua (Santiago de Compostela).

Así mesmo, no marco do VIII Corazón da Artesanía, a Fundación Artesanía de Galicia impulsa dous cursos de formación especializada para artesáns: un de complementos zero waste, técnica coa que na confección dunha prenda de moda se aproveita o 100% da superficie da tea, impartido por Aroa Veiga (Gondomar); e outro de cestería de palla con silveira e xesta con vimbio, na que se traballará na evolución da técnica de cosedura en espiral, a cargo de Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén).

O programa complétase con espectáculos e concertos que terán lugar na Praza do Concello. O grupo Baiuca será o encargado de pechar o programa do venres 5 de xullo ás 22,00 horas e a actuación de Fanfarria Taquikardia protagonizará a noite do sábado 6 a partir das 22,30horas. A sesión vermú do sábado estará amenizada polo Dj Moreno Moreno, e a do domingo por Chus Silva Dj. A música tradicional estará representada pola Asociación Folklórica Cultural Xirandaina, de Santiago, que actuará o domingo ás 19,00 horas.