Circo, teatro e a música de A Banda da Loba, Treixadura e o Millarock, para pasar o verán no Concello de Ames

Foto: Iván Barreiro

A Banda da Loba actuará o 20 de xullo en Ponte Maceira. Foto: Iván Barreiro

O Concello de Ames ten preparada unha ampla programación cultural para este verán que acabamos de comezar.  Entre outras cousas, poderemos gozar no concello veciño dunha Foliada con Apego; a representación do musical Peter!… Voamos!; un concerto do grupo Treixadura; o espectáculo Cigani, de Pista Catro Produtora de Soños; a actuación de A Banda da Loba nas Noites en Vela; a oitava edición do festival Millarock; o espectáculo A casa do terror, de Xoán Curiel; o espectáculo O Xogueteiro, da Cé Orquestra Pantasma; o espectáculo Avós,de Trinketrinke Teatro; o espectáculo de As aventuras de Gale, da man de A Xanela do Maxín; e mailos obradoiros de lingua e cultura En galego, co teu acento!.

Pero imos por partes!

Para comezar as actividades musicais deste verán este xoves, 28 de xuño, realizarase unha nova Foliada con Apego dinamizada por Pablo Díaz e Olga Kirk, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. A actividade, dirixida tanto a familias con crianzas como a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, busca construír unha espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas. Para participar é preciso inscribirse previamente a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o número de participantes, os seus nome e apelidos, as idades e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo mércores, 27 de xuño.

As actividades musicais continuarán o venres, 29 de xuño, co musical Peter!… Voamos!, baseado na obra de Peter Pan. Será interpretado, no Pazo da Peregrina, ás 22.30 horas, por máis de 50 actrices e actores con discapacidade intelectual pertencentes á Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspas). Para o sábado, 30 de xuño, ás 24.00 horas, está programado un concerto do grupo Treixadura, no campo da festa da parroquia de Bugallido. Treixadura celebra o seu 25 aniversario de traxectoria artística, cun disco que resume a súa extensa carreira e inclúe algunhas pezas inéditas.

Programación cultural para o mes de xullo

A partir do 1 de xullo e ata o próximo 31 de agosto, as actividades de animación á lectura terán lugar nas Bibliopiscinas, localizadas nas piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, así como na praia fluvial de Tapia.

O venres, 13 de xullo, Pista Catro Produtora de Soños chega a Ames co seu espectáculo Cigani. A participación directa do público é esencial neste espectáculo de rúa. O clown, a improvisación, o happening e mailos números cómicos con voluntarios/as fan que cada función sexa diferente e non deixe e sorprender e divertir. Realizarase no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro, ás 20.00 horas. Esta dirixido a un público familiar.

O venres, 20 de xullo, ás 22.00 horas, volven as Noites en Vela da man da Banda da Loba. O escenario, como nas anteriores noites, será a Ponte Maceira, alumeada para a ocasión cun milleiro de candeas. Os Concellos de Ames e Negreira son os organizadores desta iniciativa, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

VIII Millarock

A comezos de agosto, o venres 3, organízase a oitava edición do Millarock, que esta ano conta cun cartel de luxo na que se reforzou a presenza de grupos galegos. Este foi un dos obxectivos cos que naceu este festival, o de promocionar e dar cabida a grupos emerxentes locais e da contorna de Ames. O cartel deste ano conta co grupo The Teta´s Van, unha banda moi divertida e que xa é un referentes dentro do rock feminino. Este grupo abrirá o festival co obxectivo de que as familias poidan ver o seu espectáculo. De seguido, actuará o grupo Supernatural, do que forma parte a amesá Thais Rudiño. Posteriormente subirán ao escenario dous grupos de rock xa consolidados como son Astarot e Ruxe Ruxe.

Esta nova edición do festival Millarock desenvolverase no aparcadoiro da Travesía do Porto, a partir das 21:00 horas. Despois do éxito de público acadado o ano pasado, dende o Concello de Ames convídase a veciñanza a acudir a esta nova edición na que se mestura rock galego, eminentemente feminino e local.

Para pechar a programación musical do mes de agosto, o venres 31, actuará Xoán Curiel co seu espectáculo A casa do terror.Trátase dun espectáculo con cancións, danzas, elementos teatrais ou de clown con moita participación do público asistente. Este espectáculo desenvolverase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas. A entrada será de balde ata completar aforo. A reserva de convites pódese facer a través da Billeteira electrónica. Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia.

Cé Orquestra Pantasma

Nos meses de agosto e setembro tamén estará en Ames a Cé Orquestra Pantasma co espectáculo O Xogueteiro. Trátase dun espazo de xogo, música e creación de xoguetes. “Outro xeito de xogar, bailar, cantar e soñar”. Está dirixido ao público infantil e familiar (os nenos/as que teñen a partir de de 2 anos e ata os 6 anos deberán estar acompañados dunha persoa adulta). Esta actividade desenvolverase os días 29 de agosto e 5 de setembro no parque da Travesía do Porto, no Milladoiro, que está situado ao carón da piscina descuberta municipal. En Bertamiráns realizarase nos xardíns do Pazo da Peregrina os días 30 de agosto e 6 de setembro. En ambas as súas localidades esta actividade desenvolverase de 18.00 a 20.00 horas. En caso de choiva trasladarase a un espazo interior.

O martes 18 e mailo xoves 20 de setembro continúa a programación cultural Verán´18 co espectáculo Avós, de Trinketrinke Teatro,de dinamización con música, teatro e danza. Será ás 17.30 horas nas bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Está dirixido a nenos e nenas de 3 a 8 anos. Os Ratos de Lonxedetodo volven á Biblioteca coa súa artista máis internacional, a gran Lilí Gruyére, para falarnos dos nosos maiores. A ratiña Lilí Gruyére cóntanos como axudou á súa avoa, hai moitos, moitos anos, cando ela era pequena e a súa avoa aínda vivía, a plantar unha maceira. Hoxe, cada vez que come unha mazá, lémbraa. Contaranos contos que ela lle contou e poñeranos a música que a ela lle gustaba.

Para pechar setembro, o venres 28, ás 18.00 horas, representarase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, As aventuras de Gale, da man de A Xanela do Maxín. A reserva de convites pódese facer a través da Billeteira electrónica. Gale conducirá ás nenas e nenos a través da súa historia para que lle axuden a repartir ese gran tesouro que protexe con tanto con mimo: palabras, expresións, dicires e unha maneira única de ser e de descubrir o mundo. Unha historia chea de aventuras e desventurasque nos axudarán a comprender as circunstancias que rodean a Gale no día de hoxe, pero taména gran riqueza que supón contar con música, poemas, libros e canta cultura se creou e creará en galego.

En galego, co teu acento!

Ademais, as concellarías de Normalización Lingüística e de Servizos Sociais porán en marcha unha nova edición dos obradoiros de lingua e cultura En galego, co teu acento!.  O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto do 3 ao 26 de setembro. As inscricións poden facerse tanto presencialmente, no Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e no Servizo de Axuda ao Migrante (SAMI), que está situado nas oficinas municipais do Milladoiro (Rúa de Abaixo, número 10), como a través do teléfono, chamando aos seguintes números: 662 377 215 e 981 525 349. Ditos obradoiros desenvolveranse do 1 ao 29 de outubro, no Pazo da Peregrina, de Bertamiráns, e do 1 ao 28 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro.