Cineuropa traerá a Compostela máis de 260 filmes entre o 7 e o 28 de novembro

Compostela acollerá do 7 ao 28 de novembro a trixésimo primeira edición de Cineuropa. O festival, que volve a dirixir José Luis Losa, proxectará 264 filmes, dos cales 31 serán óperas primas.

O certame ofrecerá unha retrospectiva sobre as obras do cineasta francés Claude Sautet, e as do portugués Pedro Pinho, premio FIPRESCI 2017 da Quincena de Realizadores de Cannes.

Os directores Costa-Gravas, Manuel Martín Cuenca e Carla Simón, así como o actor Leonardo Sbaraglia recibirán os Premios Cineuropa 2017 e protagonizarán varias sesións de proxección con entrada libre previa retirada de invitacións no Teatro Principal. O Salón Teatro, o CGAC, a sede de Afundación, o Auditorio de Galicia, o cinema Numax e os Multicines Compostela serán os outros espazos onde ver as películas.

As entradas – a un prezo de 4 euros por filme- estarán á venda a partir da tarde do venres, día 3, tanto nos despachos de billetes como en Internet.

Entre as novidades deste ano, figura un Xurado Novo, composto por mozos e mozas de entre 18 e 25 anos que entregarán Premios á Mellor Película, Mellor Director, Mellor Guión, Mellor Interpretación Masculina e Mellor Interpretación Feminina.

O 100º aniversario da Revolución de Outubro de 1917 convertirase nunha das chaves da programación da 31ª edición Cineuropa. O festival propón un ciclo temático que, baixo o título Novecento: o século das revolucións, reúne unha ampla escolma de filmes capitais para a unha reflexión crítica do devir internacional do século XX.

Ao longo do mes de novembro, Cineuropa’31 ofrécenos a posibilidade de redescubrir clásicos como O Acorazado Potemkin (1925), de Sergei M. Eisenstein; La Chinoise (1967), de Jean Luc Godard; La Batalla de Chile (1975-79), de Patricio Guzmán, ou Le fond de l’air est rouge (1977), de Chris Marker, pero tamén garda lugar para outro tipo de aproximacións a estes momentos históricos, como a que ofrecen as pezas Nicholas and Alexandra (1971), de Franklin J. Schaffner, ou Marie Antoinette (2006), de Sofia Coppola.

O obxectivo é achegarse ao proceso revolucionario dende perspectivas diversas, ao tempo que reivindicar a dimensión colectiva no cinema, a súa práctica en sociedade, como pracer e como feito subversivo nun momento no que as fórmulas e tendencias de ocio incitan, cada vez máis, ao seu consumo individualizado e acrítico.