fbpx
CompostelaCulturaGaliciaNovas

Chévere percorrerá Galicia cos seus espectáculos en outono para celebrar o seu 35 aniversario

Presentación do ‘Desembarco Chévere’. Foto: Concello de Santiago

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada polo director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e os compoñentes da compañía Chévere, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García e Arantxa Villar, presentou o ciclo de espectáculos “Desembarco Chévere” que se desenvolverá ao longo deste outono con motivo do 35 aniversario da mítica compañía. A concelleira parabenizou a Chévere “por estes 35 anos de traballo, coherencia e reflexión de compromiso total e absoluto coa nosa sociedade”.

Con motivo deste aniversario, a compañía lanza o “Desembarco Chévere”, un xeito de celebrar en ruta os 35 anos sobre os escenarios e que se desenvolverá desde o mes de setembro ata o mes de decembro percorrendo Galicia con diversas actuacións. Tamén verá a luz un libro autobiográfico e unha exposición sobre a historia da compañía.

En Santiago, o Auditorio de Galicia acollerá os días 4 e 5 de novembro o espectáculo CURVA ESPAÑA e os días 11, 12, 13 do mesmo mes, ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E coincidindo coas datas do 20 aniversario do afundimento do Prestige. Ademais, de ambos espectáculos tamén se fará unha versión dirixida a estudantes de ESO e Bacharelato, dentro do programa didáctico. Será os días 7 e 8 para CURVA ESPAÑA e o 10 e 11 para ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E.’.

Ademais, tras catro anos, Chévere recupera unha nova edición da Ultranoite, o seu formato marca e un dos espectáculos máis queridos polo público na que sería a súa edición número 111. Desta volta farase no Liceo de Noia, e porase á disposición de todos os que queiran asistir, un Ultrabús que sairá desde Santiago, con parada en Bertamiráns. Este espectáculo, un fenómeno único na historia recente da producción cultural galega, mestura xéneros teatrais populares como o cabaré e o teatro de variedades, o vodevil e o café teatro, o music hall e a revista.

“Desembarco Chévere” tamén programará unha mostra de todos os espectáculos que Chévere ten en xira neste momento, entre os que se contan, ademais das anteditas N.E.V.E.R.M.O.R.E. e CURVA ESPAÑA, As Fillas Bravas de Momán, As Fillas Bravas e O mito de Casandra.

Ademais, entre o 13 de outubro e o 13 de novembro ofrecerase a mostra “Sala NASA 1992-2022” sobre a traxectoria da compañía na Zona C da praza de Cervantes. E, coincidindo co aniversario da compañía, a Editorial Kalandraka porá en circulación o libro Autobiografía Chévere 1987-2022.

Calendario completo de actividades

Setembro 2022

• ULTRANOITE #111
Venres 23 e sábado 24- 22.00 h no Liceo de Noia

Entrada: 20€ + comisión
Entrada + autobús: 25€ + comisión. O Ultrabús sairá ás 21h. da Rúa da Rosa, en Santiago, do mesmo sitio onde saen os buses para Milladoiro. Fará unha parada en Bertamiráns, na Praza da Mahía, con saída ás 21,20h. Dez minutos despois de rematada a Ultranoite, o Ultrabús sairá de Noia de volta para Santiago, con parada en Bertamiráns e chegada á rúa da Rosa.

Outubro 2022

• As Fillas Bravas de Momán – 7 e 8 outubro na Sala Ártika Vigo
• As Fillas Bravas e o Mito de Casandra – 9 outubro na Sala Ártika Vigo

• Exposición SALA NASA 1992-2022- do 13 outubro ao13 novembro na Zona C Compostela

Novembro 2022

• CURVA ESPAÑA
4, 5 novembro Auditorio de Galicia Compostela
7, 8 novembro Programa Didáctico Auditorio de Galicia

• N.E.V.E.R.M.O.R.E. no 20 aniversario do Prestige
10, 11 novembro Programa Didáctico Auditorio de Galicia
11, 12, 13 novembro no Auditorio de Galicia Compostela
19 novembro no Auditorio Vimianzo

• LIBRO Autobiografía Chévere 1987-2022 por Ed. Kalandraka

Decembro 2022

• CURVA ESPAÑA
7 a 18 decembro no Teatre Lliure Barcelona
29 decembro no Teatro Rosalía de Castro A Coruña

• N.E.V.E.R.M.O.R.E.
28 decembro Teatro Rosalía Castro A Coruña no 20 aniversario do Velorio do Mar e da morte de MAN

A compañía

Chévere é unha compañía de axitación teatral con 35 anos de traballo ao lombo, que soubo manter con naturalidade unha proposta de creación propia tan irreverente como xenuína. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Teatro, polo seu compromiso social e cultural e pola súa coherente traxectoria de creación colectiva, transgresión de xéneros e conexión crítica coa realidade.

Desde 1987 Chévere actuou en centos de aldeas, vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Fixo espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e traballou en espazos pouco convencionais: na rúa, en barcos, aeroportos, carpas de circo, escaparates, ríos, portos, radios, bares, aulas… Usando o humor como filosofía, a risa como expresión e o pensamento crítico como ferramenta, as súas obras confrontan no palco os debates do presente coa memoria dun pasado recente que nos afecta, documentándoo escénicamente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos deste modus operandi foron traballos como N.E.V.E.R.M.O.R.E. (2021), As Fillas Bravas e o Mito de Casandra (2020), Curva España (2019), Eroski Paraíso (2016), As Fillas Bravas de Momán (2014), Ultranoite no País dos Ananos (2014), Eurozone (2013), a triloxía Citizen (2010-2011) ou Testosterona (2009).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.