fbpx
CompostelaNovas

Chega a gran papatoria! 109 tapas para probar nunha nova edición do Santiago(é)Tapas

Sindo Guinarte e Lois Lopes, co símbolo do Santiago(é)Tapas 2019. Foto: Concello de Santiago

Xa está todo listo para que este xoves, día 14, arranque a XII edición do Santiago(é)Tapas e a I edición do Santiago(é)Coctel. Un total de 77 locais – a cifra máis alta desde que comezou o concurso – competirán por facerse cos premios ás mellores tapas e cócteles da capital galega. Todos eles poden consultarse na páxina web santiagoetapas.gal, así como na app quedamosdetapas.

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e o directivo da Asociación Hostelería Compostela e coordinador da organización dos eventos, Lois Lopes, indicaron en rolda de prensa que estes establecementos hostaleiros servirán 109 tapas e 25 cócteles entre o 14 de novembro e o 1 de decembro. No caso dos petiscos, celebrarase ademais unha final do 6 ao 8 de decembro con dez propostas finalistas.

Sindo Guinarte destacou que, segundo o Centro de Estudos Turísticos, “comer nun restaurante” é a segunda actividade que máis fan as persoas que visitan Santiago, só tras visitar a Catedral e o seu entorno. O 93,6% das persoas que visitaron a cidade no 2018 comeron nalgún restaurante de Compostela, polo que o sector da restauración é un beneficiario directo do incremento nas cifras de turistas, peregrinos e visitantes que se están producindo en Santiago.

Lopes quixo agradecer na súa intervención o esforzo de todos e cada un dos participantes nestes concursos. “Valoramos moito a implicación dos hostaleiros e hostaleiras desta cidade, que presentan nesta edición un gran número de tapas e cócteles con moita calidade.  Moi por enriba doutros concursos similares da contorna, ou incluso de toda Galicia”, opinou.  

O XII Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago, é un evento organizado pola Asociación Hostelería Compostela, promovido por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación de A Coruña, e o patrocinio de Mahou. Tamén colaboran Cash Record, Coca Cola, Finca Viñoa e Aceites Abril; así como o festival de cine Cineuropa, a Asociación de Celíacos de Galicia, o movemento Slow Food e Utimaq. O I Santiago(é)Cóctel é un concurso organizado pola Asociación Hostelería Compostela.

8 (é)Tapas e moitos premios

Nesta XII edición do Santiago(é)Tapas participarán 53 tapas na modalidade tradicional (cun prezo de entre 1 e 2 euros) e 56 tapas na modalidade creativa (de entre 2 e 3,50 euros). Co fin de fomentar o uso de produtos autóctonos e de proximidade, todas elas inclúen, cando menos, un produto pertencente a algunha das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas de Galicia.

No que se refiere ao Santiago(é)Cóctel participarán 13 Cócteles clásicos (cun prezo de 5 euros) e 12 Cócteles creativos (cun prezo de 6 euros).

 O público poderá votar polas tapas e cócteles a través dos pousavasos oficiais que atoparán nos locais participantes, depositando o seu voto nas urnas correspondentes.

Para percorrer os distintos locais participantes elaborouse un Tapasporte dividido en 8 (é)Tapas e unha ruta de cócteles. O Tapasporte estará dispoñible a partir de mañá, 13 de novembro, na Oficina de Turismo de Santiago (Rúa do Vilar, 63) e na sede da Asociación Hostelería Compostela (Rúa Salvadas, 29). Tamén poderá descargarse da páxina web santiagoetapas.gal 

O locais deberán selar o Tapasporte a todos os clientes que consuman as tapas, puidendo así optar a numerosos premios por completar as diferentes (é)tapas. Galardóns que inclúen desde entradas para Cineuropa, viaxes no tren turístico ou vales de compra no Mercado de Abastos; ata ceas para dúas persoas, noites de hotel e un voo en ultralixeiro pola Costa da Morte. (Os premios poden consultarse na páxina web).

Gañadores
Todos os establecementos inscritos optarán aos premios do público outorgados a partir das votacións dos consumidores emitidas durante os días de celebración dos concursos Santiago(é)Tapas e Santiago(é)Cóctel do 14 de novembro ao 1 de decembro. Haberá un premio do público á tapa creativa e un premio do público á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un. Así mesmo, premiaranse dous cócteles, un creativo e un clásico, con 500 euros cada un.

Ademais, un xurado profesional seleccionará as dez tapas finalistas dos premios Santiago(é)Tapas, que competirán de novo na final do 6 ao 8 de decembro. A elección das tapas gañadoras dos premios Santiago(é)Tapas 2019 entre as finalistas farase mediante a ponderación da valoración do xurado profesional e a puntuación media obtida dos votos populares. Outorgaran un primeiro e un segundo premio á tapa creativa, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente; un primeiro e un segundo premio á tapa tradicional, tamén con 1.000 e 500 euros; e un premio maridaxe Mahou, con 500 euros en producto e un showcooking nun evento Mahou.

O gañador do premio Santiago(é)Tapas que obteña unha maior puntuación do voto ponderado do xurado e do público representará a Santiago no concurso autonómico ‘De tapas por Galicia’, organizado por Turismo de Galicia.