fbpx
EntrevistasGalicia

César Varela: “O rock é unha actitude, unha forma de vida, un sentimento”

Por Rebeca Munín

César, con algúns dos seus vinilos favoritos. Foto: Iván Barreiro
César, con algúns dos seus vinilos favoritos. Foto: Iván Barreiro

Locutor de radio e crítico musical, César Varela prepara o libro ‘Historia do Rock Compostelán (1974-2017)’, corenta anos de rock na nosa cidade, enlatados nun libro-cd-dvd que espera que vexa a luz en dous anos. Cóntanolo para a reportaxe sobre o Rock & Roll na nosa cidade que podes ler en #pincha4 Aquí, a nosa conversa completa.

De onde vén o teu amor pola música?

Meu irmán, que morreu hai uns anos dun accidente de coche, foi un dos culpables de meterme neste mundillo. Levábame un ano e medio. E foi o que me descubriu Radio3, a través del coñecín Radio Medellín… E logo el quedou estancado e aprendía el de min (sorrí). A miña nai sempre me dicía: “Estudia! Págoche eu a carreira”, pero eu para estudar sempre fun moi vago. Lataba a clase para facer radio! (risos)

E por que decides investigar a historia do rock en Compostela?

A verdade é que levo toda a vida investigando nisto. En sétimo de EXB xa estaba na radio, nunha radio pequena que se chamaba Radio Medellín. Alí empecei facendo un programa que se chamaba ‘A Parte de Atrás’, no que falabamos de rock and roll clásico dos anos 50 e 60. Anos máis tarde coñecín o Bar Tolo e tiñan maquetas de grupos de punk e rock and roll e empecei a tirar por ese mundillo. Estiven en Radio Kalimero, RadioVoz, Radio Galega… Trouxen a Compostela o fanzine Subterfuge, empecei a colaborar en revistas e fanzines como Ruta 66, Harlem, Spiral ou Mondo Sonoro… Fixen un programa de radio que se chamaba Plástico Elástico, e anos despois incluso editei un fanzine propio con este nome, pero só editei o número 1 porque era moi difícil de manter. E como non continuei pensei en facer un libro con todo o material.

Que nos contarás nel?

Estouno facendo desde o ano 1974, porque foi o ano no que nacín eu, ata a actualidade. Aínda estou escribindo porque dá moito traballo. Quero facelo con calma, non apurarme. Pero creo que en dous anos podería estar. Falo de moitísimos grupos. Non sabería dicir cantos. Uns se separan, outros volven… nunca acaba. Vou falar de biografías, discografías, algunhas anécdotas… A idea tamén é incluso facer un documental, que vaia co libro. E un CD ou singles…

Que é para ti o rock?

O rock é unha actitude en si. Unha forma de vida, un sentimento. É como o amor. O amor que sinto pola miña muller, pola miña familia, polo meu gato… o rock é algo que levo aí. Xa de pequeno tiña ese verme pululando. E eu no rock englobo todo. Rock psicodélico, rockabilly… Incluso blues ou rap! Escoito Malandrómeda e para min é rock and roll.

Como cambiou o mundo do rock en Santiago?

Desde o 1974 houbo unha evolución brutal. Antes os grupos ensaiaban en calquera sitio. Hoxe en día hai diferentes salas para alugar. Antes era en cortellos de vacas, en garaxes, en sótanos de edificios… onde se podía. Antes había máis salas pequenas onde se facían concertos. Hoxe en día poder tocar nunha sala pequena é posible pero aí atrás andaban metendo leña, non se podía tocar. Antes había grandes grupazos que viñan tocar aquí. Los Planetas, por exemplo, presentaron o seu primeiro disco en Santiago. E Los Flechazos igual. Había moitos grupos que viñan de Madrid a tocar en salas pequenas, na Sala Nasa, no Número K, na Nao Berlín… Hoxe en día tamén está ben.  Se queres escoitar rock and roll, vas ao Fraggle Rock, á Reixa… Vas ao Bar Tolo e escoitas punk. Tes a Sala Riquela, a Sala Capitol, a Sala Malatesta…

E conservas moitos discos de hai anos?

Si, teño coleccións, discos descatalogados, maquetas, libros, vinilos… Eu son un Diógenes (risos). Hai grupos que me piden maquetas que xa non teñen! Pero está xenial porque teño ese arquivo e podo utilizalo para o meu libro.