fbpx
GastronomíaNovasPola gorxa

Cereixo ou lumbrigante

Cantas veces fuches a unha voda e comiches un ‘bogavante’? Ou saíches a cear marisco a un restaurante e escolliches da súa carta o seu arroz con ‘lubrigante’? Seguramente ambos pratos estarían boísimos, pero sabes que estas dúas palabras non existen en lingua galega? Deberías ter pedido lumbrigante (sen esquecer o ‘m’ antes do ‘b’) ou, o que o mesmo, un cereixo.

Segundo a Real Academia Galega o cereixo ou lumbrigante é un crustáceo mariño da familia dos astácidos, semellante á lagosta (langosta tamén é unha palabra admitida no diccionario galego aínda que é unha forma menos recomendable) pero con grandes pinzas no primeiro par de patas e cor violácea, que se pesca en zonas rochosas e é moi apreciado pola súa carne.

Curiosidades

Os cereixos poden chegar a vivir ata 50 anos. Aliméntanse de chocos, polbos, luras, pequenos peixes e moluscos, pero tamén poden ser caníbales. Ese é un dos motivos polo que se lles atan as patas nos viveiros.

O lumbrigante ten dúas fortes pinzas, pero unha (xeralmente a esquerda) é máis potente que a outra. Cando está no seu hábitat, antes de que chegue ás nosas vitrinas, coa pinza esquerda tritura e coa dereita corta con precisión. Con todo, se perdese a pinza grosa, deixaría crecer a dereita como trituradora e sairíalle unha pinza nova na esquerda que sería a do corte preciso.

Hai varios tipos de lumbrigantes: o galego, o británico e o canadense. Mais todos os expertos coinciden en que o noso é o máis saboroso! 😉 Antes de ser cocido ten unha cor mestura de azul escuro e azulina, pero despois de cociñalo convértese nun vermello intenso que convida a ser degustado.

ONDE PROBALO?

Un dos maiores praceres ao sentar nunha mesa en Galicia é gozar dunha boa mariscada. E se inclúe un lumbrigante ou cereixo mellor que mellor! Este crustáceo é o máis consumido en toda Europa pola súa exquisita carne. E o verán é o mellor momento para probalo.

En Santiago as rúas do Franco e da Raíña, na Zona Vella da cidade, están cheas de locais que amosan lumbrigantes e outros mariscos nos seus acuarios, á vista de quen os queira levar ao prato.

O restaurante Mariscomanía, no interior da Nave 5 do Mercado de Abastos, cociña ao momento o marisco que turistas e veciñanza compran nos postos dedicados ao peixe na praza compostelá.

E se queres probar un cereixo máis preto do mar, unha boa oportunidade é durante a Festa do Marisco do Grove (Pontevedra) que se celebra no mes de outubro e que está declarada de Interese Turístico Nacional.