O Centro Dramático Galego presenta unha programación integradora e plural na que Chévere adaptará o Divinas Palabras de Valle-Inclán

Foto de familia trala presentación da programación no Salón Teatro.

‘Xa non hai que dicir que chove’. Ese é o lema do Centro Dramático Galego (CDG) para o 2018 e así o presentaron hoxe en rolda de prensa. A súa directora, Fefa Noia, explicou que a programación deste novo ano busca romper con esas verdades que se din desde fan tempo e que igual non o son tanto e por apostar pola nosa propia identidade. Nese contexto, a institución pública conta con Xesús Ron, da compañía Chévere, para dirixir a primeira versión en galego da obra de Valle-Inclán Divinas palabras. A adaptación, que se estreará no Salón Teatro o 12 de abril, será protagonizada por outros dous artistas desta agrupación: Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés.

Esta será a segunda ocasión, tras case trinta anos, na que Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, colabore co CDG. Pero por que agora? Ron sinalou que, despois de moito tempo de desinterese por ambas partes, era o momento de que os seus camiños se cruzasen. Por unha banda, para eles é “un reto” adaptar a un autor que lles queda tan lonxano como Valle-Inclán, pero prometen “ser honestos” e apropiarse desta obra “con todas as consecuencias”. “Seguramente fagamos unha barbaridade”, apuntou entre risos. Por outro lado, Xesús afirmou que aceptaron o encargo pola necesidade de inaugurar unha nova etapa na que o Centro, unha institución que cren “moi debilitada”, e que debería ter unha “capacidade de produción e ambición que nos equipare aos grandes teatros europeos”. Ao tempo, coa produción de Divinas palabras sáldase unha débeda pendente xa que, no momento da fundación da compañía institucional en 1984, non se puido levar a cabo ao non dispoñer dos dereitos para a súa tradución ao galego. Ademais de na nosa comunidade, a obra poderá verse no Teatro Español de Madrid durante 10 días do mes de maio.

Programación integradora e plural

Respecto ao resto das propostas que se desenvolverán durante esta temporada, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, gabou o esforzo da dirección do CDG por “levar adiante unha programación integradora e plural e a súa apertura de portas a colaborar e estreitar lazos co sector”.

Neste sentido, reforza o seu programa de coproducións con catro montaxes xunto a outras tantas compañías galegas: #camiños (ButacaZero), escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida Xavier Castiñeira; o espectáculo de circo Arnoia, Arnoia (Pistacatro), con dirección de Quico Cadaval a partir do texto de Xosé Luís Méndez Ferrín; a creación de Pablo Fidalgo Anarquismos, con implicación doutras entidades culturais da península; e a xa estreada Elisa e Marcela, de A Panadaría.

Na mesma liña de colaboración directa coa escena galega, a compañía pública avanza noutros dous programas claves. Dunha banda, ao abeiro de Dramaturxente –iniciativa para o apoio, fomento e promoción da dramaturxia galega contemporánea– porase en marcha o grupo de traballo DramaturXA, que será dirixido por Manuel Lourenzo e para o que se seleccionarán dez autores e autoras co fin de reflexionar sobre a identidade galega e de escribir cadansúa peza teatral. De entre todas elas, elixiranse tres para seren levadas a escena conxuntamente como nova produción propia do CDG. Teatrhoxe, Lanzadeira e o Taller de Dramaturxia son outras das novas propostas que botarán a andar na temporada dentro deste programa.

Doutra banda, En Residencia continúa ofrecéndolles o Salón Teatro e a asistencia técnica do equipo do CDG a diferentes compañías galegas para ultimar ou perfeccionar as súas propostas, incluíndo as catro realizadas en coprodución. Polo seu escenario pasaron xa desde setembro Feira do Leste, Javier Martín, Anómico Teatro e Inversa Teatro e nos próximos meses farano Voadora con Garaxe e A Feroz con Afterparty.

Exhibición no Salón Teatro

O público pode gozar de todas elas dentro do programa de exhibición do Salón Teatro, que acollerá igualmente dous novos títulos do ciclo Teatro Ob-Sceno para propostas en pequeno formato que se desenvolven fóra do escenario (Amor, de Helen Bertels, e Deixa de tocala, Sam, de Avelina Pérez), e as últimas achegas de Os Monicreques de Kukas, CAIR Compañía de Circo, Aporía Escénica e Xarope Tulú.

A actividade formativa e a edición de Divinas palabras dentro da colección O papel do teatro completan esta programación, que poderá consultarse en detalle no web www.centrodramatico.gal