Case unha vintena de concertos ata maio para o público compostelán dentro da Rede Galega de Música ao Vivo

A Bakin Blues Band.

Compostela é unha das 14 localidades galegas que contan con salas asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo, dentro da que a capital galega acolle 18 concertos ata o mes de maio. Entre eles, o directo que a Bakin Blues Band ofrecerá mañá, xoves día 8, ás 22,00 horas, na Borriquita de Belém, local que programará nove destes directos.

Do circuíto tamén forman parte Moon Music Club, con seis actuacións neste primeira carteleira de 2018, e Casa das Crechas, con tres, así como a Sala Capitol, que programará os seus concertos de rede na segunda metade do ano.

Estes locais composteláns son catro dos 23 seleccionados para a nova etapa da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co fin de contribuír á estabilidade na programación de música en directo en salas privadas, con especial atención aos grupos e artistas galegos.

Cartel 100% galego

De feito, todas as formacións que actuarán en Santiago durante esta primeira metade de 2018 son galegas e dan conta, ao tempo, dun amplo abano de xéneros musicais que van do pop e rock ao jazz, rap, folk ou mesmo flamenco. Na Borriquita de Belém, ademais da devandita Bakin Blues Band e de Factoría de Subsistencia (que tocou o pasado día 30), presentaranse Nani García Trío (27 febreiro), Los Fantásticos del Morrazo (8 marzo), Alberto Vilas Quartet (13 marzo), Silvia Penide (7 abril), David Regueiro Trio ft. Albert Bello (28 abril), Mad Martin Trío (3 maio) e Juyma Estévez Trío (15 maio).

Pola súa banda, a Moon Music Club programará en rede a The Fabulous Resaca Brothers (24 febreiro), Presumido (9 marzo), Kelibén (24 marzo), Victor Aneiros (6 abril), Dakidarría (20 abril) e Los Fantásticos del Morrazo (5 maio). Na Casa das Crechas tivo lugar o pasado día 25 o concerto de Tato Trío, mentres que Aldaolado actuará o 22 de marzo e Mónica de Nut o 29 de marzo.

A programación completa da Rede Galega de Músicas ao Vivo pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.