Case setenta concertos para encher de música a Cidade Histórica en agosto grazas ao Feito a Man

Na presentación do Feito a Man 2018 actuou o trío compostelán Handle with Swing. Foto: Concello

Na presentación do Feito a Man 2018 actuou o trío compostelán Handle with Swing. Foto: Concello

Esta semana dá comezo a décimo quinta edición do Feito a Man, o festival de rúa organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella, que terá lugar do 1 ao 26 de agosto. En total, sesenta e sete espectáculos e 57 bandas e/ou artistas volverán encher as rúas e prazas da Cidade Vella compostelá.

O programa foi presentado esta mañá, coa presenza do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado por Manu Rodríguez e Ánxeles Porto, por parte da organización, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

Entre as propostas artísticas que pasarán este ano polo Feito a Man atopamos diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, hip hop, música tradicional galega… Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez, tamén haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario ou Cervantes.

Cartel do Feito a Man 2018.

Cartel do Feito a Man 2018.

Bandas locais e internacionais
Nestes 26 días de programación continuada, con dous ou tres concertos diarios en diferentes puntos da cidade, poderemos ver concertos de moitos xéneros musicais e tamén de distintas procedencias. Tal e como é sinal de identidade dende o comezo da propia existencia deste festival, continúase a promover a escena local cunha programación na que se prima o talento de proximidade. Así, poderemos escoitar bandas como Som do Galpóm, The Show Bass, Alejandro Vargas Quinteto, Loiros, Soulwide, Talabarte, Nastasia Zürcher, Quarks, Os Barbitúricos, Habelas Hainas, Oîma, Mad Martin Trio ou The Fabulous Resaca Brothers.

Alén disto, tamén se poderán ver bandas internacionais como Napalma (Brasil), Senza, María Reis (Portugal), Pedro Luis Ferrer & Lena Ferrer (Cuba) e Harmonica Creams (Xapón).

App do festival
Por segundo ano consecutivo, o Feito a Man conta unha app móbil, tanto para móbiles Android como iOS, que se pode descargar de forma gratuíta. Este festival, organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella, está apoiado polo Concello de Santiago e pola Deputación da Coruña, ademais de patrocinado por Estrella Galicia.

CONSULTA AQUÍ O PROGRAMA COMPLETO