fbpx
GaliciaNovas

Case 60 funcións do 11 ao 20 de marzo no festival internacional de narración oral Atlántica

Presentación de Atlántica.

Do 11 ao 20 de marzo celébrase, en nove localidades galegas, a oitava edición do festival internacional de narración oral Atlántica. Durante estes días están programadas case 60 funcións, máis da metade delas en Compostela. Explicouno a directora do festival, Soledad Felloza, na presentación do evento, na que tamén estiveron presentes a concelleira de Acción Cultural do concello de Santiago, Mercedes Rosón; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; e Mayte Argibay Silva, concelleira de Cultura e Educación do concello de Teo.

A gala inaugural terá lugar o 11 de marzo, no Teatro Principal de Santiago, que volverá acoller outra función o día 14. Serán as únicas de pago. Todas as demais son de balde.

O festival tamén chegará a outras partes do concello. Están previstas actuacións no CEI San Paio-Emna, nun espectáculo pensado para o público infantil; no Colexio La Salle; na aula de pediatria do CHUS; nos centros socioculturais de Fontiñas, de Conxo e de Vite; no Centro Xove da Almáciga; na biblioteca Ánxel Casal; na Igrexa da Universidade; no Auditorio de Galicia e na Praza de Cervantes.

Aparte de Compostela, están programadas funcións en Ferrol, Pazos de Borbén, Lalín, Teo, Bertamiráns, A Coruña, Ourense e Vigo. A clausura está prevista para o venres, 20 de marzo, na Cidade da Cultura, coincidindo co día internacional da narración oral.

Artistas
Segundo explicou na presentación Soledad Felloza, “nesta oitava edición contamos cunha fermosa rosa dos ventos en conmemoración dos 500 anos da primeira volta ao mundo. E, como cada ano, chamamos por ventos favorables para que, coa emoción dos descubridores, conquistemos corazóns a través das historias deste ano”.

Historias que serán contadas por máis dunha vintena de artistas, chegados de distintas partes da Península Ibérica e de Sudamérica. Contadores de contos, como Sandra Araguas, de Huesca; Fernando Saldaña, de Salamanca; Aline Cântia e Chicó do Céu, que chega desde Brasil; Carolina Rueda, de Colombia; Noelia Carioca, de Salamanca; José Luis Gutiérrez, de Zamora; Ghaleb Jaler, de Siria, que recompilou os relatos que lle contaba o seu avó nun libro; Sofía Maul, de Madeira, en Portugal; Rubén Martínez, de Venezuela; o músico coruñés Pablo Díaz; e os tamén galegos Marcelo Dobode, Luís Prego, Cris de Caldas, María da Pontragha, Olga Abad, Raquel Queizás, Antonio Reigosa, Ramiro Neira, Charo Pita, Celso F. Sanmartín, Quico Cadaval e Santi Prego, candidato aos Premios Goia. Tamén están previstas actuacións de Dani Blanco, e Lidia Luna.

Ademais están programadas actuacións da directora do festival, a galego-uruguaia, Soledad Felloza; do Grupo de Contadores da Almáciga; e da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, dirixida por Casiano Mouriño.

Na presentación, Soldedad Felloza destacou o evento que terá lugar o 14 de marzo, ás 13:00 h. na Praza de Cervantes e nas rúas da contorna, “Gaita, zumba”, con Luis Prego e Pablo Díaz; ao que se unirán distintos bares da cidade histórica servindo tapas típicas da dieta atlántica.

Obxectivos
Atlántica naceu no ano 2013, cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Trátase dun encontro artístico que xunta en Galicia a un amplo elenco de narradores e narradoras de diferentes países do mundo.

O festival está organizado por un grupo de profesionais do espectáculo e da xestión cultural dirixidos pola actriz e narradora Soledad Felloza. É unha iniciativa con aportes de entidades públicas é privadas, que procura unha programación cultural integradora e de máxima calidade. Ademais de entidades privadas con Atlántica, colaboran a Deputación da Coruña, os concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e a Xunta de

Entre os obxectivos do festival Atlántica figura difundir e preservar a tradición oral galega e de todas as culturas do arco Atlántico; indagar nas raíces colectivas das historias do océano, nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar; ou celebrar a madurez e calidade do movemento da Narración Oral Galega, referente a nivel internacional pola súa identidade de longa tradición.

Tamén procura dar visibilidade ás novas voces da narración oral galega, depositarias das voces antigas e garantes da preservación da memoria e tradición oral; e vencellar o pasado co presente e o futuro que representan os nosos nenos e nenas, vinculeiros do patrimonio inmaterial único que representan os contos.