fbpx
CompostelaNovas

Cancelacións das actividades culturais en Compostela por mor do coronavirus

O Goberno municipal, reunido para tomar medidas con respecto ao coronavirus. Foto: Concello de Santiago

Co obxectivo de frear o avance do coronavirus e á espera de coñecer os acordos ao respecto do Consello de Ministros e da publicación das instrucións da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago anunciou que interrompe a actividade escénica en todos os seus espazos – Auditorio de Galicia e Teatro Principal– de xeito inmediato, incluídas as representacións previstas para hoxe.

O peche manterase durante os próximos 15 días naturais (a contar dende o xoves, día 12 de marzo de 2020), sen prexuízo das posibles prórrogas que se poidan acordar de aquí en diante polas autoridades sanitarias. Nas próximas horas tentarase en primeiro lugar adiar os eventos e actividades culturais afectadas. De non ser posible por cuestións de calendario e axenda, estas serán suspendidas. A modificación da data ou a suspensión serán comunicadas polas canles habituais.

En canto á devolución das entradas, de ser posible o cambio de data para as funcións, o público poderá manter as súas localidades. En caso de suspensión definitiva dos espectáculos, o reembolso efectuarase de dúas formas. No caso de entradas mercadas a través do portal compostelacultura.gal, e unha vez sexa confirmada e comunicada a suspensión do espectáculo, procederase ao reembolso de forma automática na mesma tarxeta coa que se fixo compra. No caso de entradas mercadas nos despachos de billetes do Teatro Principal,a devolución debe ser realizada de forma presencial neste espazo, unha vez teñan finalizado as medidas de restrición. A través das canles habituais, comunicaranse os días dispostos para as solicitudes de devolución.

Fican tamén suspendidas as actividades realizadas por outras/os axentes nas instalacións municipais. Cada promotor/a deberá informará debidamente do posible cambio de data ou da suspensión do evento concreto.

A modificación ou a extensión destas medidas de restrición, que teñen por fin protexer a saúde da cidadanía, serán tamén notificadas a través das vías de comunicación habituais de Compostela Cultura (web, redes sociais e boletíns.

Quedan tamén en suspenso todas as actividades organizadas nos centros socioculturais dende mañá (programación ‘Imos de excursión’, bailes de maiores, roteiros organizados, etc). Os centros quedarán abertos para ofrecer información, pero prégase facer uso do teléfono antes que achegarse de forma presencial.

Outras cancelacións 

Tamén teñen anunciado a súa cancelación o IV MUFEST (Festival de cine Feito por Mulleres), o Día Internacional do Cocido #CocidoDay previsto para o 21 de marzo ou os concertos do ciclo “Directos Vibra Mahou” en Galicia, que inclúen o de Hinds + Cariño o vindeiro 18 de marzo na Sala Malatesta.

Asimesmo, a dirección da 15 ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico e o Padroado do Museo do Pobo Galego decidiron aprazar a décimo quinta edición da MICE, cuxa celebración estaba prevista do 23 ao 29 de marzo.

Pola súa banda, a Real Filharmonía de Galicia anunciou a cancelación de todos os seus concertos programadas en marzo. Segundo sinalan nun comunicado, unha vez rematadas as medidas de restrición, procederase a contactar con todos os aboados para levar a cabo os reembolsos oportunos.