fbpx
GaliciaNovasTurismo

Camiños de Auga invita a gozar da natureza e a gastronomía das Terras do Ulla e do Tambre

Un encoro, unha lagoa Reserva da Biosfera, dous ríos e os seus afluentes, sete espectaculares fervenzas, once roteiros de sendeirismo homologadas, cinco variantes do Camiño de Santiago, máis de 1.200 prazas de aloxamento na natureza, exemplos únicos do románico e unha excelente gastronomía de proximidade. Son algúns dos atractivos que ofrecen as Terras do Ulla e do Tambre, territorio localizado na confluencia das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, e que o GDR Ulla Tambre Mandeo está a dar a coñecer na campaña Camiños de Auga, orientada a promover o turismo de natureza nos nove municipios que o integran.

Dirixida ao público galego e do norte de Portugal, esta campaña desenvólvese principalmente no campo dixital desde as redes sociais de Camiños de Auga e, en concreto, nas súas páxinas en Facebook  e Instagram.

A iniciativa compleméntase cun vídeo promocional no que se destacan os principais valores do territorio —mar interior, baños de bosque, reserva da biosfera, gastronomía, contorna segura— e reforzarase con nove pezas audiovisuais de dez segundos para difundir nas redes sociais.

Reencontrarse coa natureza nunha contorna segura é un dos principais reclamos de Camiños de Auga. Polas Terras do Ulla e do Tambre discorren as augas do río Ulla e son berce dos ríos Tambre e o Mandeo. Deixan verdes paisaxes, espectaculares fervenzas, áreas recreativas e zonas de baño, ademais da Lagoa de Sobrado dos Monxes —unha das principais zonas húmidas de Galicia— e o encoro de Portodemouros. Sen esquecer que a Serra do Caréon, incluída na Rede Natura, esconde especies endémicas.

As Terras do Ulla e do Tambre pódense coñecer a pé, en bicicleta e nos roteiros ao volante en coche ou autocaravana. Permitiranlle ao visitante sorprenderse cun conxunto de sobreiras típicas da paisaxe mediterránea a beiras do río, gozar de fervenzas como a de As Hortas ou a do Inferniño ou cruzar o encoro de Portodemouros no único ferri de augas doces de Galicia.

Xunto a varios roteiros de sendeirismo, atravesan a zona cinco variantes da Ruta Xacobea: Camiño Francés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Camiño do Norte Ruta da Costa e o chamado Camiño do Holandés (roteiro cicloturística Eurovelo 3). Trátase dos últimos tramos ás portas de Compostela, municipio limítrofe.

Gastronomía e aloxamento

A produción agrogandeira local marca unha gastronomía de proximidade, natural e de calidade, co queixo da DOP Arzúa-Ulloa e os melindres, ricos e amendoaos de Melide, ou galo Piñeiro e o mel como grandes baluartes. Unha extensa e diversa rede de establecementos de restauración permite degustar os manxares e o bo facer culinario da zona. O descanso está garantido nas máis de 4.000 prazas de aloxamento de todas as tipoloxías. Delas, máis de 1.200 ofrécense en plena natureza.

Os concellos de Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado dos Monxes, Toques, Touro e Vilasantar, que conforman o GRD Ulla Tambre Mandeo, esperan aos visitantes. O presidente do GDR, Manuel Taboada, convídaos “a coñecer as Terras do Ulla e do Tambre, darse baños de bosque ou practicar deportes náuticos, pero, sobre todo, a relaxarse e gozar cos cinco sentidos de todas as experiencias que os esperan nunha contorna segura e amigable”. “A colaboración de todos os empresarios do sector turístico e a súa profesionalidade facilitarán que todas as persoas que visiten este verán os nosos Camiños de Auga gocen dunha experiencia inesquecible”, manifesta.