fbpx
#apaparCompostela

Cachucha de porco celta con navallas e verduras en O Ferro

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_o, en O Ferro. Foto: Iván Barreiro
@JuanEAT_o, en O Ferro. Foto: Iván Barreiro

Desta vez os de Pincha leváronme #apapar a un restaurante alonxado do centro da cidade pero para o que paga a pena desprazarse de cando en vez. En O Ferro atopei un local grande pola súa cociña, nas mans do chef José Antonio Brenlla, que nos últimos anos obtivo diversos premios en concursos gastronómicos composteláns.

Gustaríame comezar esta crítica recalcando a visualidade do prato. A verdade, e como podemos comprobar na fotografía que fixo o meu compañeiro Iván Barreiro, chama moito a atención a súa presentación. É unha proposta colorida, cunha coidada colocación de cada un dos elementos. Todo parece estar posto no seu sitio. Aínda que a priori puidera semellar pouca cantidade, asegúrovos que é un prato contundente (Claro está, no meu caso, para tomar despois duns entrantes! hehehe).

Pero falemos dos produtos. A protagonista é a cachucha de porco celta, que é unha carne parecida á do porco ibérico. Comín orella, morro e papada. A preparación das pezas con esa confitura penso que é o punto forte desta proposta. Dálle unha consistencia a carne, a cal estaba no seu punto, e a graxa desfacíase na boca, podendo así gozar dun intenso sabor. Todo ía acompañado de navallas, aínda que contou José Antonio que dependendo da tempada, pode facelo con zamburiñas. Leva ademais algunhas verduras, das que destacaría o punto que poñía o mini allo porro e o pak choi, unha verza asiática. O kimchi debaixo das pezas de carne tamén lle daba un toque exótico.     

Estando en época de cocidos, a verdade é que foi unha grata sorpresa poder gozar dunha maneira diferente dunha comida de sempre. Recomendo que o probedes e vos deixedes levar tanto coma min.

DATOS

Lugar: O Ferro (Rúa de Sempre en Galiza, 1 – Santiago)

Prato: Cachucha de porco celta con navallas e verduras

Prezo: 14 €

Valoración: 8 estrelas

Foto: Iván Barreiro