Cachopo-coulant ibérico en La Radio de Pepe Solla

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_o, na entrada de La Radio de Pepe Solla. Foto: Iván Barreiro

Arracamos ano en Pincha e nesta nova andaina pola oferta gastronómica santiaguesa fun probar o que ofrece un recén chegado á cidade. No antigo café-pub La Radio atopamos agora La Radio de Pepe Solla, un dos cociñeiros referentes na restauración galega de hoxe en día.

Se coñeciades este lugar, vaivos sorprender o cambio radical que se levou a cabo. É un local moi luminoso, con cociña aberta e barra baixa ao estilo xaponés para comer gozando do espectáculo culinario e, por que non, quizais facer novos amigos 😉

Pero falemos do que máis nos importa: a papatoria.

Que pensariades se vos digo ‘Cachopo-coulant’? Pois xa volo digo eu: unha versión do clásico cachopo asturiano excelente. Contounos David, o xefe de cociña do restaurante, que leva lomo ibérico Joselito picado e mesturado con papada feita a baixa temperatura, adobado e recheo con crema de queixo do país. Despois pasa por tempura e friteno. Para completar o prato, utilizan un pouco de rúcula e unha vinagreta de licuado de cogollo, kimchi, vinagre de Xerez e zume de lima.

Para servilo, párteno ao medio deixando saír o seu interior coma se dun coulant de chocolate se tratase. Que gozo ver caer ese queixo quentiño! Facíaseme a boca auga. E con razón. A textura do seu interior é fantástica. Os ingredientes están moi ben ligados obtendo como resultado un sabor suave e moi moi rico. Destaca tamén a fritura, feita no seu punto xa que non se aprecia nin gota de aceite e a textura está perfecta, crocante por fóra pero tenro por dentro. Unha delicia que, sen dúbida, téñovos que recomendar.

DATOS

Lugar: Praza de San Fiz de Solovio, 2 (Santiago)

Prato: Cachopo-Coulant ibérico

Prezo: 17 €

Valoración: 9 estrelas

Fotografía: Iván Barreiro