fbpx
#apaparCompostela

Bufete libre na Cafetería Lasso

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_o escollendo o seu prato. Foto: Iván Barreiro
@JuanEAT_o escollendo o seu prato. Foto: Iván Barreiro

Hai que empezar ben o ano e por iso neste número fomos gozar da comida no bufete libre do restaurante Lasso, afincado no Auditorio de Galicia.

O enclave é marabilloso para comer. Tes vistas ao lago do Parque da Música de Compostela e se o día é soleado, rematar a papatoria cun café na súa galería é o mellor dos finais.

Pero centrémonos na comida. A elección queda nas túas mans, xa que o bufete do Lasso ofrece moitas posibilidades. Cada día hai algo novo no menú e así podes ir toda a semana e desfrutar dunha proposta diferente en cada ocasión.

Eu empecei cunha ensalada con millo, queixo fresco e tomatiño cherry. Pero tamén tes a opción de escoller unha ensalada de pasta con olivas e quizais noces, feita a medida! Ou ao mellor algo máis quente coma lentellas ou crema de cabaza. Eu tomei esta última e, aínda que non son moito destas texturas, debo dicir que estaba moi saborosa. Como complemento, decanteime por un anaco de pizza con verduras, moi rica ademais de sa, a verdade. 

De segundo… ben, é un falar porque se fas coma min, repites varias veces! É o bo de ser un bufete libre de autoservizo. Podes comer todo o que queiras! Un paraíso! JAdemais, no menú sempre hai tanto carne como peixe.  

Desta vez eu escollín o bacallau, do que tiña boas referencias. Estaba bo. Non moi salgado e no seu punto. Acompañeino dun arroz en branco, coa boa soltura, como a min me gusta! Quédame agora por saber con que me sorprenderán a seguinte vez que os visite. Mentres tanto, feliz Aninovo a todos e todas! Esperemos que este 2019 sexa polo menos como o ano anterior, xa non digo mellor. E que sigamos saíndo todos #apapar coma tolos! hahaha

DATOS

Lugar: Lasso Cafetería do Auditorio de Galicia

Prato: Bufete libre

Prezo: 10 €  (7 € para menores de 10 anos)

Valoración: 8 estrelas

Fotografía: Iván Barreiro