Budiño: “Fulgor nace da necesidade básica e primitiva de cantar”

Por Xiana Lastra

Budiño e o seu disco Fulgor. Foto: Iván Barreiro

Budiño e o seu disco Fulgor. Foto: Iván Barreiro

Artista polifacético e arriscado, Xosé Manuel Budiño deu o “pelotazo” dende o minuto un co seu primeiro álbum Paralaia(1997), co que gañou varios premios importantes da industria musical e que significou a súa consagración definitiva como artista. A ParalaiaseguíronlleArredor(2000), Zume de Terra(2004), Home(2007), Volta(2010) e Sotaque(2013). O denominador común no seu traballo: a creación e a innovación, o que sen dúbida adquire a súa maior expresión no seu último traballo,Fulgor(2019), que se presentará en directo por primeira vez o vindeiro 15 de marzo na Sala Capitol. O envoltorio, orixinal, coidado, fermoso e sustentable -pois está feito de papel de pedra grazas ao mecenazgo cultural da Adega Ponte da Boga na súa edición, un papel a base de mineral que non usa auga, nin ácidos, nin químicos na súa elaboración-, arroupa o traballo probablemente máis sincero do artista que, por primeira vez, se lanza a cantar e deixa atrás a música instrumental. Quedamos con el no Dezaseis compostelán para que nos conte máis polo miúdo como vive a música e este momento da súa vida.

Comezas a túa carreira en solitario con Paralaiatras comezar como moita outra xente no mundo asociativo da música tradicional. Todo saíu moi ben pero tíñaslle algo de medo? Como viviches ese proceso?

Non era medo por facer un disco en solitario, pero si que me daba un pouco de respecto enfrontarme a un mundo novo e sobre todo con algo que eu tiña moi claro que quería facer, que era compoñer. Non quería facer un disco de música tradicional aínda que eu veño da música tradicional tamén. Paralaianon se fai ata que teño 12 cancións para amosar, aínda que hai tamén algún tema tradicional polo medio. Sentía esa necesidade de sacar o primeiro disco con cancións propias, pero tamén a de prepararme moito de cara á produción. Eu era moi novo, tiña 24 anos, pero tiña moi claro que quería producir ese disco musicalmente, artisticamente, e creo que o conseguín.

E como se aguanta o tirón despois dese éxito? Non se sente presión por conseguir manter “o nivel” nos vindeiros traballos?

En tódolos discos pasoume exactamente o mesmo. Remataba un disco e sentía que non ía poder facer outro. Como vou compoñer 12 cancións orixinais outra vez? Imposible! É algo que sucede de carambola, dicíame. Pero volve suceder con Arredor, e co terceiro, co cuarto, co quinto… Cada un significou dar outra vez o salto ao baleiro e o “non sei que vai pasar”. O único que tiña claro é que cada disco tiña que dar un paso máis e investigar noutros campos que non tiña investigado. E creo que nese senso hai unha evolución lóxica en tódolos meus traballos.

Desde logo, nos teus traballos queda patente que bebes de moitas fontes. Cales eran os teus referentes? Porque supoño que tiveches moitos diferentes.

Si, claro. Empezo na música tradicional pero ao mesmo tempo eu bebía do pop, do rock, do jazz… Hai unha clave antes de comezar Paralaia. Eu estaba estudando na Universidade Popular de Vigo con Antón Corral, e, paralelamente a isto, comezo a estudar na Escola de Jazz de Vigo. Desde aí consigo escribir todo o que tiña na mente, e esa é a clave que a min me permite dar un novo paso. Dicir, vale, entendo a música tradicional, entendo o resto de músicas que a min me gustan, pero preciso poder entender e escribir todo o que eu teño na cabeza, plasmalo nunha partitura. Cando consigo facelo, naceParalaia.  Bebín de moitísimas músicas e todas elas me deron moitas satisfaccións.

Moitos estilos, innovación e creación durante toda a túa carreira, mais dáse sen dúbida en Fulgoro cambio máis radical. Por que agora? Non che dá un pouco de respecto saír da zona de “confort” e ter que explorar outros “mercados” musicais?

Xa perdín todo o medo. Creo que nunca o tiven, porque é unha fórmula que sempre vin repetindo. Cada disco tiña que ser un mundo diferente, colaboracións distintas, composicións distintas… sempre fun bastante inquieto. E Fulgornace dunha necesidade moi básica e moi primitiva que é cantar. Practicamente tódalas melodías que fun facendo ao longo dos anos nacían cantando. Teño a máxima de que, se sabes cantar unha melodía, sabes tocala nun instrumento. Eu, para aprender tódalas melodías da música tradicional ou de calquera outra que escoitase, tiña que cantalas, porque moitas veces non tiñamos partituras e ademais confésome músico de oído de toda a vida. A lectura, o jazz e todo isto veu bastante despois.

Foto: Iván Barreiro

Nos teus discos sempre cantaran as túas cancións outras persoas e agora sentías a necesidade de facelo ti…

Chega o momento no que iso aparece e sentes a necesidade, e era unha cuestión de honestidade. Neste momento apetecíame facer un disco cantado e non instrumental e, como conto habitualmente, hai un momento determinante no que aparece Fulgor, que é con Fran (Narf), nunha viaxe que facemos a Canadá. Quedei precisamente aquí para xantar con el, no Dezaseis, e propúxenlle que viñese comigo a Canadá, coa miña banda, pero tocando temas seus. El quedou sorprendido porque pensou que o chamaba para que tocase a guitarra con nós ou algo así. Empezamos a preparar as cancións e eu comecei a facerlle os coros e, nun determinado momento, estando nunha proba de son nas Cataratas do Niágara, el escoitoume e díxome: temos que facer unha canción xuntos ou algún proxecto. El viu claramente que tiña que cantar e que, se eu quería, el daríame o empurrón para saltar, pero que tiña que estender as ás e empezar a planear.

E finalmente estendíchelas e planeaches.

Si, de repente hai ano e medio, case dous, decido emprender unha viaxe moi en solitario, sen falalo e sen comentarllo a ninguén, nin sequera a miña familia sabía que ía cantar neste disco. Díxenme, quero estar só neste momento, quero estudar moita harmonía, piano e guitarra que tocaba desde hai anos, e sobre todo ir a clases de canto coa miña mestra Mónica de Nut, que me deu moitísima caña e é unha mestra marabillosa. Colocoume o corpo, diafragma, padal, lingua, respiración… (ri), foi clave neste traballo e ademais ía escoitando tódolos borradores que eu tiña e, cada clase, cantabamos unha canción nova, preparabámola, e abriamos o abano das posibilidades que tiña para que eu elixise a que mellor me ía en cada caso. E así foi. Cando chegaba á casa ía probando esas posibilidades que ela me daba e vai nacendo este álbum.

Que dirías que se pode atopar en Fulgor? Porque hai moitísimos estilos diferentes dentro dun mesmo disco. E tamén supuxo o teu comezo como letrista.

Eu vexo moitas das músicas que fun escoitando durante tantos anos, pero non sei como o ve a xente, porque aínda é moi cedo, o disco acaba de saír. Como anécdota dicir que a miña familia acaba de escoitalo, non oíra nada aínda. Entón non son moi consciente das sensacións que esperta. Hai un abano grande de tódalas músicas que me gustan pero ao mesmo tempo quería que fose un disco pouco ecléctico; que si houbese unha gran diversidade de músicas, pero que fose un todo. E creo que o conseguimos.

É un disco desde o primeiro tema ao último cunha banda base con Ton Risco na batería e Fran Sanz no baixo que dan ese peso ao longo de todo o traballo e que logo se van complementando na maioría das cancións con guitarras acústicas que gravan grandes amigos como Jairo Zavala, de Depedro, Xoel López, Luiz Caracol e Antonio Casado. Catro guitarristas fundamentais neste disco. Tato tamén colabora nunha canción. Son guitarristas que eu admiro.

Respecto ás letras, hai unha de Xoel López, unha de Antía Otero e outra de Vega. Quixen que me acompañasen neste primeiro momento de necesidade de comezar a compoñer letras, que sempre me pareceu dificilísimo e non me atrevera ata agora. Necesitaba que alguén me dese unha pequena axuda e esas tres primeiras letras déronme a clave para parar e dicir: xa está, teño tres letras de grandes amigos que escriben como ninguén, teño que lanzarme. E todo saíu moito máis rápido do que pensaba.

Por que Fulgor?

Supoño que por ese brillo, esa iluminación, que é o que busca sempre calquera artista para estar ben consigo mesmo e buscar un traballo novidoso, un traballo que teña solera, con peso. E creo que era o mellor dos títulos que podía atopar. Estaba escribindo a canción que abre o disco e, de repente, saíu esa palabra e foi maxia. Vin que ese tiña que ser o título.

Que poderemos ver nos directos e en concreto o día 15 na Sala Capitol?

Fulgornace coa idea de facer dez cancións que estivesen no directo. Tiña claro que non ía tirar da miña música dos últimos vinte anos porque era música instrumental, entón a idea era clara. Tiñan que poder ser levadas ao directo e da maneira máis achegada ao disco posible. De aí ter a Fran e a Ton facendo a base principal do disco. E aínda que hai diferentes guitarristas no traballo, grandes amigos aos que admiro, necesitaba un guitarrista que cubrira ese campo e, de repente, saltou a chispa. Eu levaba moito tempo seguindo a Brais Morán, un músico excepcional, de primeirísima liña, que compón e ten o seu proxecto en solitario. A idea foi formularlle que escoitase o disco e que el me dixese que quería estar coa nosa familia, non ao revés. Non me parecía o máis lóxico. Ti escoita e, se che gusta, prefiro que ti me digas se che gustaría estar aquí. E así foi. E por outra banda, o disco está cheo de sintes e pianos que eu toco, e necesitaba unha persoa que o reproducise en directo. Para iso sumouse Álex Salgueiro, outro megacrackque levo seguindo desde hai tempo e que toca moito en trío con Ton. Unha banda de cinco músicos que se entenden cunha soa mirada. É moi importante ter unha banda compacta e que creo que vai funcionar moi ben.

Que metas tes con este novo traballo?

É difícil sabelo. É un salto ao baleiro, non hai volta a atrás, non hai plan B… É unha aposta clara. Así que a medio prazo non sei que vai pasar. Espero que á xente lle guste e chegar a vivir cousas como a que me dicía a miña amiga Vega, que un día chegue a un concerto e que a xente que paga por verme cante as miñas cancións. Iso non me pasou nunca na miña vida enriba dun escenario. Non sentín como o público canta unha canción miña. Entón teño moita curiosidade de ver que pasa e que sensacións se teñen.

Onde poderemos escoitar Fulgor proximamente? 

Ademais do concerto do día 15 de marzo na Capitol, estaremos o 23 en Boiro, na Pousada da Galiza Imaxinaria, e o 18 de abril no Auditorio da Illa de Arousa.