Brígida Hermida, xeadeira en Xearte Brigitte: “Aos clientes o que máis lles gusta é a creatividade”

Por Ruth Ríos @ruthrosfernandez

Brígida, no interior da súa xeadería na Rúa de San Pedro. Foto: Iván Barreiro

Brígida, no interior da súa xeadería na Rúa de San Pedro. Foto: Iván Barreiro

Brígida Hermida (Bascuas, Vila de Cruces 1981) é unha enxeñeira agrónoma que un día cambiou o campo pola Rúa de San Pedro, levando os seus coñecementos adquiridos na investigación no sector lácteo aos xeados artesanais. Así, fai cinco anos, e non sen certa oposición da súa contorna polo arriscado que semellaba o negocio nun sitio como Compostela, abriu a xeadería Xearte Brigitte.

Agora ela é un referente en xeado artesán compostelán. Pero non rematan aquí as ganas de avanzar e aprender de Brígida, xa que recentemente uniuse a “20 bajo cero”, grupo de xeadeiros de ámbito nacional onde ela é a única galega dentro dun colectivo dominado pola España sureña. Grazas a Brígida o grupo reunirase por primeira vez en Compostela os días 7 e 8 de novembro de 2019, saíndo do seu hábitat natural. “É un reto. O grupo apórtame moitas cousas a nivel persoal e profesional. Síntome moi orgullosa, pero tamén é moita responsabilidade”, conta a nosa xeadeira.

O grupo ademais está traballando na creación dun selo de calidade para o xeado artesán.

Xeado artesán
Preguntámoslle a Brígida como debe ser un xeado para ser considerado artesán. “Ten que ter tres ingredientes básicos: materia prima de máxima calidade, que non teña aditivos (colorantes, conservantes) e creatividade”. E como se aplica a creatividade ao mundo dos xeados? Como fuxir dos sabores convencionais de toda a vida? “Cada vez o público esixe máis e non podes estar facendo sempre o mesmo. Os sabores clásicos seguen sendo os máis vendidos, pero a xente demanda outras cousas. Cando lanzo un xeado novo, ao cabo duns días os clientes volven preguntar por el”. Hai clientes que esperan un ano enteiro para volver tomar o xeado de flan de queixo, de torta de milfollas ou de castañas.

Porque outra das especiais características das creacións xeadas de Brígida é que adapta os sabores á época do ano. Fai xeados temáticos, por festividades –en San Xoán triunfa o de sardiñas con pan de broa-, e só usa alimentos de tempada, respectando así os ritmos naturais dos cultivos de proximidade, cos que gusta de traballar.

Este uso de produtos de proximidade e coidado cos ingredientes tamén os traslada ao leite. Brígida aposta polo sector lácteo galego e ademais cre que “producimos o mellor leite do estado español. Uso leites da máxima calidade e utilizo en función do sabor do xeado”. Esta influencia do leite no resultado final do xeado aprendeuna na investigación durante un curso de experto xeadeiro, que a levou a gañar un premio. Noutra investigación explorou o uso da espirulina como colorante natural, aínda que ela non usa ningún tipo de colorante senón que deixa que a cor a dea a propia materia prima do xeado.

Tamén ten en conta as preferencias dos clientes segundo a temperatura. “Por exemplo, en verán utilizo máis cítricos, mentres que en outubro apetece máis un xeado de castaña”.

E é que xa pasou a historia iso de que os xeados son para o verán. “Agora a tempada dura de marzo a novembro, en parte porque as temperaturas son cada vez máis altas e tamén porque cada vez se recoñecen máis os seus beneficios nutricionais”. Brígida procura ter propostas saborosas e nutritivas durante todo o ano.

Foto: Iván Barreiro

Foto: Iván Barreiro

Os segredos do éxito
Materia prima, proceso de elaboración e o trato que Brígida dispensa aos seus clientes son os segredos do éxito desta xeadeira do barrio de San Pedro, visitada tanto por turistas como por veciños. Os cociñeiros tamén son os seus clientes, xa que crea postres para restaurantes.

“Aos clientes o que máis lles gusta é a creatividade, que sempre teña algo novo que amosar”, conta Brígida. “Ademais valoran moito que lles explique o proceso de elaboración”.

Se queredes ver como traballa Brígida, só tedes que achegarvos a Xearte Brigitte. Alí ten o seu propio obradoiro á vista do público. “Para min, unha das características que ten que ter o xeado artesán é que o obradoiro estea na propia tenda”, explica.

Para este verán Brígida traenos como novo sabor a “Compostelana”. Ela, que atopa a inspiración en todas partes (datas, flores, a Praza de Abastos…), conta que este xeado “xurdiu un día almorzando. Vin que os peregrinos almorzaban café con leite e tarta de Santiago. Preguntando, entereime de que a xente de Santiago de sempre tamén tomaba esta combinación para almorzar. Así apareceu o xeado”.

Ademais de na Rúa de San Pedro, este verán poderemos atopar a Brígida co “carriño do xeado” na Feira de Artesanía de Agolada (Pontevedra) e no Campionato de Hípica de San Marcos.