fbpx
CulturaNovas

Botan a andar os 9º Premios Martín Códax da Música con dúas novas categorías extraordinarias: Artista do Ano e Artista Emerxente

Os Premios Martín Códax da Música arrancan novena edición co seu obxectivo primixenio de recoñecer anualmente a produción musical de Galicia, impregnado de optimismo respecto á recuperación da actividade musical en 2022. Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos galardóns, convocou o luns 4 de xullo a patrocinadores e medios de comunicación no Salón Teatro de Santiago de Compostela para presentar o calendario e novidades da edición, que non son poucas. Unha delas, á incorporación de dúas categorías extraordinarias: Artista do Ano e Artista Emerxente. Para as dezaseis categorías musicais, o periodo de inscricións de proxectos ábrese o 11 de xullo: os procesos de selección e votación posteriores culminarán na gala dos premios o 5 de outubro en Pontevedra.

Dezaseis categorías con tres finalistas cada unha, tres premios Organistrum, un galardón honorífico a toda unha traxectoria e, como novidade, Artista do Ano e Artista Emerxente, dúas categorías extraordinarias. En total, vinte e dous galardóns. Os Premios Martín Códax da Música seguen medrando. En relación ás dezaseis categorías musicais, unha menos que o pasado ano ao fusionar “Músicas do Mundo” e “Reggae, Ska, Mestizaxe” nunha soa, o prazo de inscrición de proxectos vai do 11 ao 31 de xullo a través da web dos premios. Son as seguintes: Pop e Indie, Rock Blues, Funk e Soul, Metal, Canción de Autor/a, Músicas Urbanas, Músicas do Mundo e Mestizaxe Electrónica, Música Clásica e Contemporánea, Jazz e Músicas Improvisadas, Música Tradicional, Música Folk, Música Infantil, Orquestras, Grupos e Música de Verbena, Coros e Grupos Vocais, e Bandas de Música Popular. A votación do xurado profesional, formado por tres representantes da comunicación, da formación e da industria respectivamente e dúas músicas/os, será do 8 de agosto ao 3 de setembro, e a rolda dos socios/as de MAV, do 15 de setembro ao 2 de outubro.

Tal como explicaron na rolda de prensa Nastasia Zürcher, secretaria de Músicas ao Vivo, e Marga Ramos, vogal da entidade, os Premios Organistrum volven á “normalidade” tras concedelos de maneira extraordinaria o pasado ano, pola pandemia, a salas e festivais. Os Organistrum son tres galardóns; medios de comunicación, salas e festivais, para os que tamén se abre en 2022 o proceso de inscrición. Ademais, en cada edición dos Premios Martín Códax da Música é concedido un Premio Honorífico a unha persoa vinculada directamente á música do país, que pola súa traxectoria e dedicación, constitúa un referente para as novas xeracións.

Artista do Ano e Artista Emerxente

Nastasia Zürcher e Marga Ramos comentaron con detalle as dúas novas categorías extraordinarias nesta novena edición. Coa de Artista do Ano, o desexo é abrir o certame á participación do público xeral e incidir na expansión de proxectos e carreiras musicais. A votación será aberta a través da web entre o 15 de setembro e o 2 de outubro. No caso da categoría de Artista Emerxente, será un xurado profesional quen a valore. Os requisitos? Non levar máis de tres anos en activo, ter algún disco, -EP ou álbum-, editado, e non ser proxecto premiado ou finalista en edicións anteriores dos Premios Martín Códax da Música.

Na presentación da 9ª edición dos premios, desde Músicas ao Vivo manifestouse optimismo respecto da actividade musical en 2022 en relación aos dous últimos anos. “Vemos programación estival repleta de alternativas musicais por todo o territorio. Nótase que hai ganas de gozar da música e de todo o que leva asociada. Nese sentido, queremos sumarnos a este carro positivo e queremos festexar”, apuntaba Nastasia Zürcher. Porén, para a entidade organizadora dos premios é importante recalcar o retroceso na valoración da música galega en grandes programacións e festexos, os cachés desaxustados de bandas internacionais que chegan a Galicia ou a falta de diversidade nos carteles dos eventos.

Jorge Pallarés, director de marketing das Bodegas Martín Códax, resaltou na rolda de prensa a relevancia deste patrocinio para a empresa “por formar parte dun proxecto colaborativo e apoiar a cultura, cuestións ambas que van no noso ADN corporativo”. Por parte da Deputación de Pontevedra, a responsable de Cultura, María Victoria Alonso, destacou o esforzo de Músicas ao Vivo por incorporar novidades cada ano aos Premios Martín Códax.

A Xunta de Galicia estivo representada no acto por Jacobo Sutil, director da AGADIC, quen subliñou a capacidade de adaptación do sector musical nos tempos da pandemia e o diálogo permanente da administración autonómica con Músicas ao Vivo na posta en marcha de ideas e proxectos. Eva Vilaverde, concelleira de Espazo Público en Pontevedra, cidade anfitriona da gala, agradeceu ao mundo artístico” que traballen todo o ano para ofrecernos a música, tan necesaria, con nomes novos que entran na palestra e outras que están sendo referentes internacionais”.

Gala en Pontevedra, 5 de outubro

A gala dos premios terá lugar o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra; tres semana antes, o 14 de setembro, daranse a coñecer os proxectos seleccionados na festa de finalistas. Músicas ao Vivo agradece o apoio “imprescindible” dos patrocinadores dos Martín Códax da Música, “unha plataforma onde crear entre todas e todos novas oportunidades de expandir música e artistas da nosa terra tanto dentro como fora de Galicia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.