fbpx
EntrevistasGalicia

Bordando historias con María Viqueira

Por Rebeca Munín

María Viqueira, na galería do Hotel Costa Vella. Foto: Iván Barreiro
María Viqueira, na galería do Hotel Costa Vella. Foto: Iván Barreiro

Di María Viqueira que o bonito da vida é “coser soños, bordar historias e poder desatar os nós dos nosos días”. E niso está. Facendo realidade os seus devezos. Arriscándose a montar a súa propia firma. Respectando as súas raíces e traballando arreo por ter un nome no mundo da moda.

A afección pola costura venlle de moi preto. Na casa todos cosían. A nai, as avoas… “As miñas tías son modistas e eu ía desde pequena á súa fábrica, porque en Ordes antes había moito textil”, recorda. Alí, na súa vila comezou o seu amor polas agullas. E xa de moza decidiu estudar Deseño de Moda na Coruña. “Despois das prácticas nunha empresa da cidade, comecei en Roberto Verino. Facía colección de cabaleiro pero non me convencía de todo e decidín establecerme por min mesma”, explica.

Pero María non se lanzou á aventura ao tolo. Os seus deseños despuntaron desde o principio. “Cando estudaba sempre me presentaba a todos os concursos, festivais e showrooms que podía”, conta. E pronto chegaron os recoñecementos. En 2011 participou na xa desaparecida Galicia Fashión Week e conseguiu o premio ao Mellor Estilismo grazas ao deseño ‘Lonxano Oriente’. Co que, meses despois, quedou finalista no concurso ‘Talentos Desing’ da Fundación Banco Santander e que levou o seu traballo ao Museo do Traxe de Madrid.

O premio á Mellor Colección da Galicia Fashion Week conseguiuno ao ano seguinte, grazas a ‘Lavandeira’. Galardón que lle permitiu participar na Semana da Moda de Madrid do 2013.

Costumes ancestrais

Esas dúas primeiras coleccións permítennos observar o estilo de María, que aposta sempre por prendas moi elaboradas, bordadas a man, inspiradas en costumes ancestrais fusionados cun patronaxe vangardista.

A súa principal inspiración chégalle da terra. De aí tamén a colección ‘Alborada’, feita a partir do traxe tradicional galego e que presentou no Festival Madrid Folk no Círculo de Belas Artes de Madrid. “A miña casa tamén estivo sempre moi vinculada ao folk. Sobre todo por parte do meu pai, que é un apaixoado dos traxes galegos. Toca a pandeireta e está nun grupo pero de xeito afeccionado”, apunta a ordense.

Pero María non só utiliza a nosa tradición. Ten tamén deseños inspirados na Provenza francesa – gañador do premio ao Mellor Estilismo na pasarela PONMO -, o mundo oriental ou o incluso o dos touros. “Al-Andalus fíxeno porque me gusta moito o traxe de luces dos toreiros. Non me gusta o mundo dos touros pero o traxe paréceme espectacular”, aclara cun sorriso.

Venda por encarga

María ten un estudo na súa casa, aínda que soña con ter pronto a súa propia tenda. Cada prenda leva moitos días de traballo, algo que non sempre se valora como é debido. Os seus traxes véndense por encarga a través da páxina web mariaviqueira.com

Tamén fai camisetas, tanto para home como para muller, inspiradas en personaxes e palabras galegas, películas, grupos musicais… Estas si que se poden adquirir en dous establecementos, un en Noia, e en De Cotío, en Santiago. Os seus prezos rondan entre os 35 e os 60 euros.

Para ela a moda é unha arte. “Pero depende de cal. Non toda!”, matiza. E pese a que asegura que é un sector que ten moitas saídas en Galicia, manter o seu propio proxecto non é tan doado. “Aínda así, paga a pena”, afirma rotunda, mentres nos adianta que xa está a traballar nunha nova colección. “De novo terá moito que ver coa nosa tradición”, desvela. De que xeito? De momento é segredo, pero promete avisarnos cando a presente. Grazas, María, en Pincha estaremos ben atentos!

Fotos : Pablo Senra e Daniel Sambad 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.