fbpx
#apaparCompostelaGastronomíaNovas

Bocadillo de xamón asado, queixo e tomate no Raíces Galegas

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_, co seu bocadillo na cervexería Raíces Galegas. Foto: Iván Barreiro

O Raíces Galegas é un dos bares que recordo dos meus tempos mozos, cando iamos de troula e para almorzar -despois dunha longa festa por Compostela- parabamos neste mítico local do Ensanche a pedir uns dos bocadillos da súa carta. Que noites!

Así que xa imaxinaredes o contento que fun gozar para a revista Pincha duns daqueles manxares da vella ‘movida’ de Santiago, pois este bocadillo de xamón asado con tomate e queixo que comín leva na carta desta cervexaría desde fai trinta anos cando abriron! Xa case é tan vello coma min! 😉

Empezarei a miña crítica falándovos do pan. Un pan artesán que para min é a elección correcta para este tipo de bocadillos, xa que está realmente rico e aguanta moi ben todo o que queiramos poñer dentro.

Segundo nos contou Óscar Blanco, actualmente á fronte deste local familiar, o xamón asado prepárano na súa cociña durante cinco horas no forno a fogo lento. E nótase. Ben bo que estaba neste bocadillo acompañado dunhas boas pezas de tomate e queixo. Ese tipo de queixo que se derrete para empapar o pan pero sen chegar a desfacerse por completo... Cáeseme a baba só de recordalo!

Este bocadillo de xamón asado, tomate e queixo preséntano pasado pola prancha e cun bo tamaño, como nos teñen acostumados desde sempre nesta cervexería da Rúa Nova de Abaixo. Debaixo do pan, normalmente colocan un pano de mesa de papel que eu quitaría para evitar que se enchoupe con algúns ingredientes como as salsas.

Boa cantidade, elaborado con produtos de calidade e un prezo apto para todos os petos. Para min, este bocadillo ou calquera outro dos da carta do Raíces Galegas é a opción perfecta se queres comer algo rápido e absolutamente apetitoso.

DATOS

Lugar: Raíces Galegas. Rúa Nova de Abaixo, 36 Santiago de Compostela

Prato: Bocadillo de xamón asado, queixo e tomate

Prezo: 3,80 euros

Valoración: 7 estrelas

Óscar Blanco, do Raíces Galegas: “Levamos trinta anos coa mesma carta. Se funciona... para que cambiar?”

Por Rebeca Munín

Óscar e seu pai, Lino, no Raíces Galegas. Foto: Iván Barreiro

Trinta anos facendo os mesmos bocadillos poden ser moitos pero algo terán as propostas do Raíces Galegas cando levan convencendo á clientela durante tanto tempo. A cervexería é coñecida pola súa extensa oferta de bocadillos, destacando entre todos eles o de zorza e tortilla e o de zorza, queixo e ovo.

Ademais do teu negocio, o Raíces Galegas é a túa casa, non si? Aquí creciches...

Si, eu levo na hostalaría desde cativo. Como en todas as familias que teñen un bar na casa, de cando en vez tocaba botar unha man. Sobre todo nos veráns.

O local abriu no 1990 co meu tío Vicente e meu pai, Lino. Tamén traballaba aquí outro tío meu, Pepe. A miña nai é unha das cociñeiras.
Primeiro era un local máis de viños e copas, que era o que pedía naquel momento a Rúa Nova de Abaixo, unha rúa de ‘movida’. Xa neses anos servíanse bocadillos, pero nunha cantidade moito menor a hoxe en día. Cando a ‘movida’ empezou a perderse houbo que tirar moito máis pola liña de tapas, almorzos, viños, cañas...

E agora que estás ti á súa fronte, tocouche vivir o peor ano da historia da hostalaría. Como o levas?

Esperemos que fora o peor, e que non veñan peores! (risos). Para nós foi duro pero tivemos a sorte de pechar por completo só os dous meses de confinamento de marzo a maio do 2020. Despois volvemos e xa non pechamos máis porque comezamos co servizo para levar e recoller no local. E funcionounos moi ben, sobre todo o de recoller no local,porque temos moitos clientes estudantes, obreiros, veciños... O bo é que a xente xa está bastante concienciada coas medidas hixiénicas e de seguridade que temos que ter. Ao principio si que houbo que ‘pelexar’ con algún cliente.

Que futuro auguras ao Raíces Galegas?

Espero que pase pronto a pandemia e poidamos recuperar a barra, porque para un local bastante pequeno como é o noso, supón o 30 ou 40% da facturación. Vennos moi ben, iso si, ter terraza.

Se capeamos ben a situación, non está pensando cambiar nada da filosofía do local. Si que variou a súa estética. Nestas tres décadas tivo catro reformas. Gústanos estar ao día, ir cos tempos. Pero a carta elaborouna meu tío Vicente fai trinta anos e de momento, aí segue. O que funciona... para que cambialo?