Black Eyed Peas, Iggy Pop e David Guetta, na segunda edición do festival O Son do Camiño

Iggy Pop.

O Monte do Gozo volverá acoller este verán o festival O Son do Camiño, que desta vez traerá ata Compostela a recoñecidos artistas e bandas de música de primeiro nivel como Black Eyed Peas, Iggy Pop, David Guetta, Die Antwoord, Rosalía, Bastille, Richard Ashcroft e Bloc Party, entre outros.

A gran cita musical coa que a Xunta de Galicia está a promover o Xacobeo 21 celebrarase os días 13, 14 e 15 de xuño. O cartel intégrano tamén Vetusta Morla, The Hives, Dimitri Vegas & Like Mike, W&W, Beret, Ayax y Prok, Graveyard, Royal Republic, Bad Gyal, Second, Varry Brava, Elyella, Full, Shinova, The Zombie Kids, Molina Molina, Kitai, Alice Wonder e Cariño.

Ademais, tamén nesta segunda edición haberá unha nutrida representación de grupos galegos como Igloo, Hard Gz, Iván Ferreiro, Familia Caamagno, Marem Ladson, Baiuca, O.R.T.I.G.A., Moderm e Eme DJ. Deste xeito, das 36 actuacións que haberá no festival, o 25% serán de bandas ou cantantes galegos. Haberá igualmente unha ampla representación feminina, con dez concertos ao longo dos tres días de festival.

Os abonos poranse á venda a partir do vindeiro mércores 27 de febreiro, a partir das 12,00 horas, na web oficial do festivale en www.eventbrite.es, as canles autorizadas para iso. Sairán á venda cun prezo especial de lanzamento de 49 euros máis gastos de xestión.

O Son do Camiño contará con dous escenarios, área de restauración, zona VIP e zona de descanso. As reservas deste servizo, que contará con duchas, cafetería, consigna, seguridade ou puntos de recarga de dispositivos móbiles, activarase nos próximos días.

O Son do Camiño, que na súa primeira edición reuniu a 84.000 asistentes, é unha iniciativa da U.T.E. formada polas empresas galegas Old Navy Port Producciones, S.L. e Esmerarte Industrias Creativas, S.L., patrocinada pola Xunta de Galicia e coa colaboración de Estrella Galicia. Trátase dun festival sustentable e respectuoso co medio ambiente, adaptado aos recursos sociais, económico e ambientais dispoñibles.