fbpx
CulturaDe librosGaliciaNovas

Berta Dávila: “A casa resignificouse para todo o mundo”

Berta, en A Reixa-Matrioska, tenda compostelá na que realizamos esta entrevista. Foto: Iván Barreiro

Coa súa xuventude, Berta Dávila ten unha ampla traxectoria de premios. Vén de gañar por segunda vez o Premio Narrativa Breve de Repsol por ‘Illa Decepción’. A súa anterior novela, a poética e intimista ‘Carrusel’, recibiu o Premio García Barros e o Premio da Crítica Española en Galego en 2019. Sen embargo, toda cara ten a súa cruz, e a de Berta é atravesares unha longa crise creativa que nos conta en ‘Carrusel’, transida pola perda.

‘Carrusel’ naceu despois dunha crise creativa. Como se supera?

Dentro da propia narrativa do libro, a protagonista fala dunha etapa na que non é moi capaz de escribir e que ten un certo paralelismo cunha etapa máis ou menos longa na que eu como autora estaba en silencio, buscando que quería contar e como quería facelo. Non sei ata que punto é obvio, pero as etapas nas que escribir se volve complicado se solucionan escribindo. Esa é a historia do libro, escribir para alumear ese oco da escritura.

Dis que precisabas facer unha novela para os que se foron...

O final do libro trata de entender as claves dos asuntos da novela, trata de explicar o que se vén de ler. Fala desa dobre explicación cando relata a historia dos que se foron e dos ocos en branco, do que deixamos atrás. O final trata de encapsular todas as cuestións que se trataron antes, enfoca o tema da perda, que é un tema relevante no libro.

Falando de perdas, hai dúas nais co paralelismo de que perden aos seus fillos.

Eu creo que o tema da nai se trata desde ópticas que están moi fóra da experiencia da nai. A min como lectora aliméntame os relatos sobre o que significa a figura da nai. Neste libro quixen incluír dous personaxes, dous momentos de perda e de experiencias de choque frontal entre expectativa e realidade. É a razón dese dobre espello que hai aí.

Con ‘Illa Decepción’ é a segunda vez que gañas o Premio de Narrativa Breve Repsol, como te sentes?

Os premios significan cousas diferentes dependendo do momento no que chegan e os libros que acompañan, pero sempre son unha alegría grande. Neste caso significa a conclusión dunha etapa de escrita intensa e moi próxima no tempo, que remata coa publicación do libro poucos meses despois de rematado, algo que non sempre é habitual pero que neste caso para min é moi grato, porque aínda me sinto moi vencellada a ‘Illa Decepción’.

Que quixeches contar?

É un libro que se escribe a si mesmo, en certa maneira. Eu rematara de escribir máis ou menos en decembro do ano pasado unha novela que falaba do tema das casas que deixamos, dos lugares que habitamos e dos cambios, tamén dos azares e dos encontros entre individuos, e de como condicionan non só a deriva das nosas vidas senón o seu significado. De súpeto, mentres trataba de corrixir esa novela, a cuestión das casas, de permanecer na casa, da casa como símbolo de protección e tamén como o contrario, resignificouse para todo o mundo, daquela a novela incorporou o proceso de corrección, as capas simbólicas que o tempo me ofrecía inevitablemente.

Que destacas dela?

Para min foi retador asumir que o libro se organizase como un díptico, como unha novela que se abre en dúas, e ao mesmo tempo que o plano da estrutura era así, que o discurso fose, non obstante, un fío continuo. Tamén teño moita curiosidade por saber que opinan das sorpresas ou dos xiros que a trama propón nalgún momento. Sería fantástico poder asexar detrás da lectura privada dos demais sobre os libros que unha escribe. 

Que balance fas deste 2020 tan difícil e como ves 2021?

Para min tivo momentos tan complicados como para os demais que foi aceptar que as cousas que tiñas en plan se viñesen abaixo e logo tamén tivo momentos moi chulos -non só recibir premios- senón que tivo unha etapa moi longa na que traballei moi ben e na que fun sacando proxectos nos que levaba tempo querendo traballar. Intento quedarme coas cousas boas e coa sensación de que hai que ir improvisando e refacerse a medida que a situación muda.
En 2021 estou á expectativa do que nos deparará este contexto da COVID. Para o vindeiro ano sae ‘Carrusel’ traducido ao castelán. En xeral, sen poder facer moita previsión, pero intentando traballar, facer o  que se poida.

Carrusel

Editorial: Galaxia

Autora: Berta Dávila

Idioma: Galego

Data Publicación: 2019

Páxinas: 121