Belén Tajes: “Cantar e compartir emocións no escenario é unha das cousas que máis feliz me fai, son unha privilexiada”

Belén cantando con Luar na Lubre. Foto: Guido Álvarez

Por Xiana Lastra

Miúda, loura de fermoso cabelo crecho e cun sorriso que non lle colle na cara. Belén Tajes transmite paz, coherencia, personalidade e seguridade desde o primeiro cruce de palabras (e de miradas). É a ‘muller de moda’ da música galega: cantante, compositora, instrumentista… unha MÚSICA (así, en maiúsculas), que desde hai ben pouco é a nova voz do grupo galego Luar na Lubre e que ademais vén de gañar o Premio Martín Códax da Música con outro proxecto no que anda embarcada, Voodoo. O 2017 foi, sen dúbida, o ano desta mulleraza nacida en Bos Aires e afincada en Perillo (Oleiros), polo que é incluso unha obriga que vos deamos a coñecer máis cousas sobre ela e de como vive este marabilloso momento profesional e persoal.

Volviches de Bos Aires con 6 anos. Como lembras esa etapa e a túa chegada a Galicia?
Pois teño pequenos recordos de ver a toda a familia que nos veu recoller ao aeroporto, coñecer a meus primos, empezar a escola… De Bos Aires, fomos vivir directamente á aldea. Medrar alí naquela liberdade foi unha das cousas que máis me marcou, así como tamén o cambio de país; creo que ese cambio fixo de min unha nena máis introvertida e tímida.

Es unha persoa moi versátil. Como foron os teus inicios na música e cales son as túas influencias?
De pequena tiña moitas aptitudes musicais, tiña moi bo oído, tocaba o piano e incluso inventaba instrumentos. Máis tarde meu irmán e eu empezamos a tocar a gaita, (o noso avó materno fora gaiteiro), tamén entramos no conservatorio, el estudaba percusión e eu violoncello. Cos anos comprendín que non era o meu sitio, cando lle chegaba á profesora con cancións que inventaba eu ou algunhas adaptacións doutras que escoitara, dicíame que me deixara de parvadas. Eu adoraba cantar e tocar, e tiña moitísima ilusión por aprender a cantar como miñas avoas. Fun unha adolescente “folqui” e vivín a época dourada do folk galego. Toda esa música marcoume moito.

Mais nótase que bebes doutras augas ademais das da música tradicional.
Dei aulas de voz e comecei a coñecer outros estilos, como o jazz, o soul, a bossanova… Teño moitas influencias e son unha apaixonada da década dos 70 en tódolos estilos musicais (jazz, rock, soul…), pero se tivese que escoller só unha influencia, diría os Beatles.

Como te sentes e como asumiches ser a nova cantante dun grupo de tanta sona como Luar na Lubre?
Aínda o estou asumindo. Luar na Lubre é a banda con maior proxección de Galiza, teñen un nivel alto de concertos e un repertorio moi esixente. Hai cancións que eu cantaba dunha forma na miña casa e agora tiven que reformularme cómo levalas ao directo. Incluso hai outras ás que aínda lles falta o meu selo persoal, ese traballo é o que leva máis tempo.

É o que che aconteceu con Camariñas? Se non me equivoco, antes de vivires na Coruña viviches alí e agora cántala dentro do repertorio de Luar na Lubre. Que significa para ti?
Vivín nunha aldea pequena do concello de Camariñas, Arou. Eu coñecía a versión máis mariñeira do tema desde que era un bebé en Bos Aires. O arranxo de Luar na Lubre é realmente fermoso e a canción medrou moito en emocións. Cantala é trasladarse a aquel tempo no que lla escoitaba cantar á miña avoa e a aquelas xuntanzas de galegxs na Arxentina.

Tedes moitas datas por diante este verán. Que fai Belén Tajes para afrontar o que vén por diante tanto a nivel físico como emocional?
Si, o verán vai ser intenso, toda unha aventura, e é así como me estou formulando esta nova etapa. Cantar e compartir emocións no escenario é unha das cousas que máis feliz me fai, así que son unha privilexiada. Intento manter unhas rutinas de estudio coa voz, facer exercicios de quecemento e beber moitas infusións. Pero case que o máis importante para manter a voz ben é non facer excesos, durmir ben e intentar estar equilibrada emocionalmente; cantar é tamén un gran esforzo mental ás veces.

Maritxinha Gómez e Belén Tajes forman o grupo Voodoo. Foto: Nelson Corsino

Maritxinha Gómez e Belén Tajes forman o grupo Voodoo. Foto: Nelson Corsino

Ademais de Luar na Lubre estás tendo un gran éxito co teu outro proxecto, Voodoo, no que te acompaña Maritxinha Gómez co baixo e co que acabades de gañar o Martín Códax da Música na categoría de blues, funk e soul. Como definirías o que facedes?
Voodoo é un dúo feminino que facemos soul con perspectiva folqui. Soa un pouco raro, pero se escoitades as letras e a música enténdese perfectamente. É un concepto difícil porque non é un dúo típico e esta música está feita para ser vivida en directo, non como música de fondo. Voodoo é onde eu intento expresar e ser.

Falando de expresar… ademais de cantante es compositora. Como vives o proceso de creación?
Custa moito falar e espirse en cancións. Moito. Paréceme unha das cousas máis difíciles para un artista, require valor, xestión das emocións, reflexión, autocrítica… Ás veces penso que facer cancións é o que máis se debe parecer a un parto. Estás aí traballando na música, na letra e tarda o seu tempo en saír, pero cando sae é marabilloso.

Fixécheste coñecida xa antes da túa entrada en Luar na Lubre por saíres nos medios tras denunciar a un centro no que dabas clase de música por non deixarche empregar o galego. Como ves a situación da nosa lingua na música?
Estou pasando unha época un tanto pesimista co tema do galego. Vexo que as persoas que usamos o galego na música somos unha minoría, unha minúscula parte da sociedade que consome música. Moitas veces, dáse a situación de que a música en galego vive dentro dun gueto e duns circuítos pechados que non benefician a ninguén. Ás veces, vense obrigados a crear estes guetos para sobreviviren. Despois están o resto de circuítos musicais onde a música en galego ten unha presenza mínima ou irrisoria. Dá vergonza que concellos importantes que promoven festivais non conten con música en galego. Non é suficientemente boa a música en galego? Non está suficientemente de moda? Non consegue mover masas suficientemente? Temos referencias musicais en Galiza que están á altura sobradamente. Creo que sinxelamente temos un complexo que superar, non se trata de tendencias políticas, trátase de poñer en valor o noso, que xa vai sendo hora.

Moita xente pensa que pecha portas. Ti que cres?
Eu creo que o galego só pode abrir portas. O que pasa é que hai que moverse por outros camiños: poñermos en valor a lingua, movérmonos cara a destinos de linguas irmás, facermos e compartirmos músicas sen complexos. Eu tamén fixen música en inglés e parecíame unha boa forma de esconderme detrás de letras que ninguén entendía, pero despois empecei a reformular o que facía. Onde toco eu habitualmente en Wisconsin ou na Coruña? Quen escoita o que eu quero dicir? Por que poñer trabas á comunicación se a música é unha linguaxe expresiva?

E a pregunta obrigada, que fago en case tódalas entrevistas… Como ves a industria musical galega? Existe? Hai multitude de visións diferentes ao respecto.
Claro que existe pero funciona de forma desigual. Debería ser un bloque fortemente apoiado pola Xunta, a quen lle tería que interesar a promoción da música e da cultura no exterior. Na actualidade, a industria musical galega ten dúas facetas: a autoxestión ou a pequena produtora. Estamos no proceso de construír esa industria no día a día. Creo que desde Músicos ao Vivo se está a facer un traballo extraordinario por darlle visibilidade e valor á industria musical galega, pero queda moito por andar en organización e dereitos. E non nos esquezamos do público, o consumidor último de música, o público ten tamén a responsabilidade de ser crítico co que consome.

Xa para rematar… cóntanos cales son as metas de Belén Tajes a medio-longo prazo?
A min gústame vivir o presente, a longo prazo non teño plans porque é como facer as contas da leiteira. Prefiro centrarme en gozar desta nova etapa e seguir traballando para mellorar. O camiño hai que facelo andando a diario.