fbpx

Bares e restaurantes de Compostela participarán no proxecto Café Solidario 360 a favor da Fundación Andrea

O Hostal Parador dos Reis Católicos acolleu esta mañá a presentación do proxecto ‘Café Solidario 360’. Trátase dun proxecto de sensibilización medioambiental e de promoción da Economía 360 a favor da Fundación Andrea.

Na rolda de prensa participaron os promotores desta iniciativa: Óscar de Toro, do Café Venecia, e Miguel Ángel Rodríguez, de Ideas para tu Huerto. Tamén, Bruno Hermida, delegado en Galicia de Cafés Dromedario, patrocinadores do proxecto; Thor Rodríguez, presidente da Asociación Hostalaría Compostela; e Charo Barca, presidenta da Fundación Andrea.

A base do proxecto é a reutilización das borras do café, un residuo rico en nitróxeno como substrato, para o autocultivo de cogomelos, concretamente da variedade Cogomelo Ostra. O establecemento de hostalería colaborador reduce os residuos do café. O cliente final adquire o substrato e pode realizar o autocultivo na súa casa a través duns kits que estarán á venda desde o 16 de maio na web cafesolidario360.com

Este kit inclúe unha bolsa de tea de algodón, unha bolsa de sementes de cogomelos, un folleto coas instrucións para o cultivo na casa e unha bolsa coas borras de café (aproximadamente 3 quilos) recollidas polo establecemento colaborador. O cliente fará a compra online do kit de plantación por un prezo de 15€ e seleccionará o local de hostalaría onde quere recollelo. Finalmente será o establecemento o que se porá en contacto co cliente para determinar a data de recollida do kit.

Todos os beneficios obtidos coa venda dos kits de autocultivo irán destinados integramente á Fundación Andrea, de apoio as familias con fillos con enfermidades de larga duración, crónicas ou terminais.

Locais inscritos

Thor Rodríguez destacou que xa hai varios locais anotados para colaborar con este iniciativa: A Grella, Bar Polígono, Bodeguilla de Santa Marta, Bodeguilla de San Lázaro, Café Bar Vagalume, Café Venecia, O Dezaseis e Restaurante Mera.

Ademais, explicou que aqueles que se queiran seguir sumando poden facelo a través da web cafesolidario360.com ou, no caso dos establecementos asociados a Hostalería Compostela, escribindo ao correo electrónico laboral@santiagohosteleria.org

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.