fbpx

Axenda

Nov
11
Xov
Outono Códax Festival
Nov 11 – Dec 11 all-day
Judith Hill. Foto: Jeremy Jackson
Judith Hill. Foto: Jeremy Jackson

A cantante estadounidenses Judith Hill, corista de Prince (quen foi tamén produtor do seu primeiro disco), de Stevie Wonder e unha das voces seleccionadas para a xira This is it de Michael Jackson, será a protagonista da primeira cita do Outono Códax Festival 2021, o festival galego de música negra que este ano pon a súa ollada na cidade de Nova Orleans e nas súas músicas a través das bandas presentes nesta edición así coma dos  diversos eventos temáticos programados.

Precisamente dende Nola (acrónimo de Nova Orleans) chegan en exclusiva para o festival Aurora Nealand & The Royal Roses, formación liderada por unha das saxofonistas máis aclamadas da escena musical da cidade, e o seu convidado: o clarinetista e afamado escritor Tom Sancton.

Nova Orleans é a fonte primixenia e fundamental de inspiración do combo madrileño Nola Brass Band ou de Theo Lawrence, un músico, cantante e compositor independiente que representa como poucos o cruzamento de culturas e sonoridades que representa a cidade de Luisiana.

Outros xeneros como o soul ou o blues tamén terán destacada presenza no Outono Códax 2021 da man do carismático bluesman Big Daddy Wilson, músico procedente de Carolina do Norte, e da londinense Izo Fitzroy, unha das voces máis significativas do soul contemporáneo europeo.

A presenza galega no festival confórmana The Carlos Childe Band (con estreitos vínculos con Nova Orleans), Martins Aneiros Band, Pardoe The Allnight Workers, que se reúnen para esta ocasión, nove anos despois da súa disolución, para facer un repertorio que mesturará os seus éxitos con temas escollidos especialmente para esta edición.

Así pois, e un ano máis baixo o patrocinio de Bodegas Martín Códax e coa colaboración de Pousadas de Compostela e Gadis, o festival impulsado por Raíña Productions e A Reixa achegará a Galicia o mellor do xénero con sete citas en Santiago de Compostela (11, 19 e 26 de novembro e 3, 9, 10 e 11 de decembro), nas que volve xuntar os sons máis selectos do soul, jazz, swing ou blues a través dunha coidada programación na que, fiel á súa filosofía, inclúe a participación de artistas de referencia internacional, destacados nomes da escena estatal e algúns dos musicos galegos máis relevantes do panorama actual.

ACTIVIDADES PARALELAS

Como vén sendo habitual dende os seus inicios, o Outono Códax completará a súa proposta musical con distintas actividades paralelas.

Tendo en conta que Nova Orleans é o fío condutor desta edición, o festival inclúe na súa programación, o sábado 11 de decembro no Riquela Club e baixo o título «Walking to New Orleans», unha charla na que participarán os músicos Aurora Nealand, Carlos Childe, o xornalista Jacobo Rivero e o escritor e músico Tom Sancton. A charla estará moderada polo crítico musical do diario El País Fernando Navarro.

Ao seu remate Jacobo Rivero presentará o seu libro «Bulbancha: música, calle y resistencia desde Nueva Orleans», un retrato de Nueva Orleans como espazo de cooperación colectiva e exemplo de rebeldía política e artística.

Tamén Fernando Navarro presentará o seu novo libro. Será no Riquela o venres 10 de decembro. O seu título é «Maneras de vivir», unha obra que relata o percorrido que o escritor e xornalista realizou polas rúas de Madrid durante os meses máis duros da pandemia para descubrir como loitaban por sobrevivir algúns dos locais e personaxes máis xenuínos da cidade, como as salas El Sol, Galileo ou Clamores; a Cuesta de Moyano, o Museo del Prado, os cines de barrio e o Doré, o teatro Pavón e os alternativos de Arganzuela, bares como La Vía Láctea ou o Palermo, librerías familiares, tendas de vinilos, asociacións veciñais, músicos de rúa e un longo etcétera.

Nova Orleans non só estará representada no Outono Códax a través da música. Tamén a súa gastronomía estará presente durante eses días en Compostela. As xornadas gastronómicas «Con NOLA ata na sopa» achegarán a cociña cajún a tres locais da cidade (A Carrilana, Flamingo e Riquela) dende o xoves 9 ao sábado 11 de decembro.

Outras das actividades previstas é o programa «Xoves en branco», no marco do cal realizaranse tres catas de viño. O xoves 18 de novembro no restaurante Benedita Elisa, o 25 de novembro no hotel Virxe da Cerca e o 2 de decembro no restaurante Flamingo. A estas catas poderase acceder por orde de inscrición cando a organización as anuncie en redes sociais, co único requisito de ser posuidor dunha entrada ou abono para o festival.

Como xa é habitual en cada edición do Outono Códax, varios dos concertos terán continuidade con cinco sesións “pinchadas” a cargo de Dj’s como Fran Reixa, Selecta Naranja, Abel Vision, Julián Maeso e Brenda & Javi Savoy.

ENTRADAS E ABONOS

O Outono Códax 2021 ofrece un abono para os tres concertos da sala Capitol a un prezo de 40€ (+gastos) os 100  primeiros e 48€ (+gastos) o resto.

O prezo das entradas soltas tanto para o concerto do Auditorio de Galicia (Judith Hill) como para os da sala Capitol é de 24€ (+gastos) en venda anticipada e 28€ (+gastos) en taquila.

O prezo das entradas para os concertos do Riquela é de 9€ para as persoas que conten co abono e de 14€ para o público en xeral.

O público interesado en adquirir as súas entradas ou o abono en venda anticipada poderá facelo a partir do venres 22 de outubro en A Reixa Tenda-Matrioska (Santiago) e a través da plataforma electrónica www.ataquilla.com.

PROGRAMA

JUDIT HILL | Xoves 11 novembro (Auditorio de Galicia)

IZO FITZROY  | Venres 19 novembro (Sala Capitol)

MARTINS ANEIROS BAND  | Venres 19 novembro (Sala Capitol)

NOLA BRASS BAND  | Venres 26 novembro (Sala Capitol)

THE CARLOS CHILDE BAND  | Venres 26 novembro (Sala Capitol)

THEO LAWRENCE | Venres 3 decembro (Riquela Club)

NÉSTOR PARDO | Xoves 9 decembro (Riquela Club)

AURORA NEALAND & THE ROYAL ROSES  | Venres 10 decembro (Sala Capitol)

TOM SANCTON  | Venres 10 decembro (Sala Capitol)

BIG DADDY WILSON  | Venres 10 decembro (Sala Capitol)

THE ALLNIGHT WORKERS [NOLA ED.] | Sábado 11 decembro (Riquela Club)