fbpx

Axenda

Abr
5
Mér
Delas Fest
Abr 5 – Set 14 all-day
Presentación do Delas Fest. Foto: Concello de Santiago

As artistas urbanas Eloise Gillow, Amaia Arrazola, Julieta XLF e Doa Oa serán as encargadas de realizar os catro novos murais do festival feminista de arte urbana e contextual que, nesta edición especial, contará con obradoiros para familias, roteiros, coloquios e proxeccións, entre outras actividades. Nos meses de xuño e xullo, o Delas Fest concentrará a súa actividade en Compostela, cunha xuntanza entre as artistas convidadas e a veciñanza, un roteiro feminista de arte urbana e celebración do FAMILIA DELAS FEST!

O primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, o Delas Fest, volve por quinto ano consecutivo a encher de cores e historia os muros da comarca de Compostela. Co seu espírito intacto a pesar dos anos, o festival renova a súa aposta pola visibilización e dignificación do traballo das artistas urbanas, imprescindibles para rachar cos estereotipos de xénero que aínda perviven no espazo público. O Delas Fest foi presentado no Pazo de Raxoi pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada das concelleiras de Cultura e Igualdade de Teo, María López; e de Patrimonio e Turismo de Brión, Yolanda Bouzas; e Clara R. Cordeiro, socia de 7H Cooperativa Cultural.

Esta quinta edición do festival, que marca un fito na historia do proxecto, está deseñada desde o desexo de celebrar e destacar a importancia e o valor de que as mulleres ocupen artísticamente, durante todo o ano, o espazo público. Para iso, a súa programación, condensada habitualmente nunhas poucas semanas, esténdese desde o simbólico mes de marzo -cando se lanzou unha nova convocatoria de Muros en Man Común- e amplíase con distintas actividades ata o mes de setembro, momento no que se realizarán as catro novas intervencións murais de gran formato.

O proxecto, organizado por 7H Cooperativa Cultural desde o ano 2019, celebra na comarca de Compostela unha nova edición coa reivindicación da igualdade, a democratización da expresión artística no espazo público e o apego ao territorio, como sinais de identidade. Cita de referencia de arte urbana no circuíto estatal, este ano o programa é posible grazas aos concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión, á liña de subvencións da Deputación da Coruña e ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor e Gadis, así como á colaboración de Cafés Candelas, Daveiga e LoxamHune.

Na rolda de prensa, Mercedes Rosón salientou a importancia deste proxecto xa que “integra a perspectiva de xénero, tan necesaria neste momento, e tamén nos achega disciplinas artísticas en auxe pero aínda moi descoñecidas, máis cando as creadoras son mulleres”. A edila congratulouse da excelente colaboración que se veu desenvolvendo nos últimos anos entre o Concello de Santiago e os de Ames, Brión e Teo, que fixo do Delas Fest, un proxecto colectivo “cun magnífico resultado de anteriores edicións” e que contribúe a “converter o noso territorio nun referente da arte urbana feminista e contextual a nivel internacional”.

Programa V aniversario

O cartel desta edición, novamente integrado únicamente por mulleres que desenvolven o seu traballo na rúa desde unha perspectiva feminista, incorpora no seu deseño á ilustradora María Montes (Pontevedra, 1987) quen, co seu característico e minucioso traballo, amosa unha persoal reinterpretación do espírito do festival, continuando a labor iniciada co cartel da edición anterior pola tamén ilustradora Maru Astray.

Este ano, as encargadas de realizar as obras de gran formato son a muralista e ilustradora vasca Amaia Arrazola (Gasteiz, 1984), quen pintará no Concello de Brión; a artista visual e muralista galega Doa Oa (Sober, 1986), quen creará no Concello de Teo, a muralista e artista visual británica Eloise Gillow (Oxford, 1993), quen levará a arte urbana ao Concello de Santiago; e a ilustradora e muralista valenciana Julieta Silla (Valencia, 1982), conocida artísticamente como Julieta XLF, quen creará a súa peza no Concello de Ames.

Para definir as temáticas e enfoques das súas obras, as convidadas contarán desde o mes de abril coa colaboración da comunidade, que volverá ter un rol destacado nos procesos creativos. A través da convocatoria Anfitriónate!, a veciñanza ten a oportunidade de coñecer ás artistas e de trasladarlles información, coñecementos e vivencias que inspiren as súas intervencións, converténdoas en reflexo da identidade e a idiosincrasia do territorio que as acolle.

De forma paralela a todo este traballo, o festival complétase cunha ampla variedade de actividades que arrancan o vindeiro martes 25 de abril ás 16.30h coa proxección, no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, do documental Museo a Ceo Aberto e o posterior coloquio coa súa directora, Marián Fernández, da cooperativa O Cable Inglés.

Nos próximos meses, tamén se celebrarán dous roteiros de descuberta da arte urbana feminista, un no Concello de Brión o sábado 6 de maio e outro no Concello de Santiago durante o mes de xuño. Tamén en Compostela, realizarase un coloquio en torno ao libro Cando elas toman os muros. Feminismo e arte urbana en Galicia, estudo pioneiro que constrúe unha primeira xenealoxía feminista da arte urbana. E nos meses de verán, tanto Ames como Compostela acollerán o I Familia Delas Fest, unha nova proposta de obradoiros participativos especialmente deseñados para a cativada e as súas familias.

MÁIS INFO

Xuñ
1
Xov
Xornadas de Música Contemporánea 2023
Xuñ 1 – Xuñ 27 all-day

Dez propostas achegarán de novo a música dos séculos XX e XXI a Compostela, nunha nova edición que terá lugar do 1 ao 27 de xuño en varios espazos da cidade, con entradas de balde. As XMC están organizadas polo Auditorio de Galicia, a USC (Vicerreitoría de estudantes e cultura) e o Centro Galego de Arte Contemporánea, e contan co apoio económico da Deputación da Coruña.

A concelleira de Acción Cultural en funcións, Mercedes Rosón; o deputado provincial en funcións, Xurxo Couto; a vicerreitora de estudantes e cultura da USC, Pilar Murias; o director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago Olmo xunto ao director -xerente do Auditorio de Galicia Xaquín López, presentaron esta mañá na sala de prensa do concello, unha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea baixo o título ‘A voz a escena’.

10 actividades con 4 estreas absolutas e 2 estreas en España

As xornadas celebraranse do 1 ao 27 de xuño e será a musicóloga Rosa María Fernández a que as inaugure cunha charla sobre ‘As dramaturxias vocais fóra da ópera’ que se completará cunha segunda conferencia o día 14 ‘As dramaturxias vocais na ópera’, ambas terán lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

A voz será o fío condutor dunhas xornadas que no musical serán iniciadas pola Banda de Música Municipal de Santiago, cun concerto ‘Ópera na rúa’ que será na Praza das Pratarías, conta co apoio da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. Lúa Mosquetera e Javier Otero presentarán no cemiterio de Bonaval ‘O poder das palabras’ un proxecto artístico que mestura poesía e música, será o 2 de xuño.

En caso de choiva ambos concertos pasarán a celebrarse no Auditorio de Galicia.

Unha ‘Ópera de peto’ escrita por Francisco Rodríguez, para voz lírica e formación instrumental e interpretada pola BilbaoSinfonietta, entrelazará diferentes historias tradicionais recollidas na antoloxía Euskal Baladak de Jabier Kalzakorta.

Pola súa parte o Trío Preseli, baixo o nome ‘Do mar e a noite’ estrea en España dúas obras do compositor galés Anthony Randal, Three Poems, sobre versos de Geraint Jones e Do Not Go Gentle Into That Good Night o poema de Dylan Thomas, unha obra maestra da lingua inglesa, e presentarán en estrea absoluta ‘Nao de sangue’ unha obra que o Trío lle ten encargado ao compositor galego Fernando Buíde. Os concertos da BilbaoSinfonietta e o Trío Preseli serán na Sala Mozart do Auditorio de Galicia o 9 e 13 de xuño respectivamente.

Tamén no Auditorio de Galicia, no escenario da sala Ángel Brage, Pulso Ensemble presentará ‘Patio de xogos’. Unha gramática do coidado’, estrea absoluta de nova instrumentación e de texto en galego; unha peza participativa de teatro musical para 30 persoas que terá dúas funcións o 16 de xuño ás 17.30 e 19.00 h.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerá o día 20 o concerto de Ensemble Liberdade que nos achegará ao son da música galega de vangarda no século XXI.

Remataremos as xornadas con dous concertos no Teatro Principal o 22 e 27 de xuño: ‘Papagena’ unha ópera electrónica contemporánea do compositor galego Iago Hermo e ‘Insomnia’, estrea absoluta de Vertixe Sonora,cun espectáculo musical, unha ópera contemporánea arredor da nosa actual condición de estar sometidos aos algoritmos (en colaboración con ChatGPT e outras intelixencias artificiais).

As Xornadas de Música Contemporánea están organizadas polo Auditorio de Galicia-Compostela Cultura, Concello de Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Universidade de Santiago de Compostela e contan co apoio económico da Deputación da Coruña.

Todas as actividades son de balde ata completar a capacidade dos espazos

Xuñ
7
Mér
Festival Plataforma
Xuñ 7 – Xuñ 15 all-day

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, os directores do Festival, Mónica Maneiro, Iñaki Antelo e David Barro e o artista Antón Reixa, presentaron a cuarta edición de Plataforma, o Festival de artes performativas de Santiago que terá lugar entre o 7 e o 15 de xuño, cunha proposta multidisciplinar que aposta pola igualdade, o desenvolvemento sustentable e a posta en valor dos espazos da cidade.

Organizado pola Cooperativa Performa co apoio do Concello de Santiago, o Festival Plataforma convértese un ano máis nunha cita anual ineludible para os amantes da cultura e as artes. Achegando diversos públicos coa súa proposta interdisciplinar, o festival dinamizará as rúas e prazas da cidade, como o Cruceiro de San Pedro, as prazas do Obradoiro e a Quintana e os parques de Bonaval e de Belvís, ademáis dos espazos de Fundación DIDAC, a sede de SGAE Sociedad General de Autores e Editores, a Fundación Eugenio Granell, a sala Riquela ou o CGAC, con performances, música, danza, propostas escénicas, encontros, talleres, conferencias performativas e arte contemporánea.

A concelleira Mercedes Rosón salientou “a simbiose entre cidade e arte” como “unha das claves do éxito do festival”, xa que tamén é unha cita “comprometida co urbanismo e a riqueza patrimonial material e inmaterial”, así como coa “diversidade, a igualdade, cunha gran tradición á que se suma a innovación cultural”. Rosón convidou “a todas as veciñas e veciños a ser partícipes desta gran aposta performativa, na que Santiago será, unha vez máis un gran escenario cultural”.

Antón Reixa e a BMS

O popular artista Antón Reixa será o encargado de abrir esta edición do festival en colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela dirixida nesta ocasión por Casiano Mouriño, na tarde do xoves 8 de xuño coa súa performance Un só familiar por paciente (e non viceversa), realizada ex profeso para Plataforma.

Un día antes, o mércores 7, comezarán as actividades na Fundación DIDAC con un taller de performance a cargo da artista Ana Gesto, que se suma a outras propostas educativas como o taller para os máis pequenos dirixido por Alba Cacheda ou o Foro de economía circular en colaboración con Signus Ecovalor e a EASD Mestre Mateo, no Parque de Belvís.

O festival organizado por Cooperativa Performa caracterízase pola deslocalización de espazos, polo que disfrutaremos da súa ampla oferta en múltiples escenarios: no Parque de Bonaval, Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez presentarán Cando marche non vou pechala porta, un espectáculo de danza; e na sede de SGAE, a bailarina e coreógrafa Olga Mesa ofrecerános Una mesa propia (Danza de manos), unha performance audiovisual. Estos son só algúns exemplos da variada oferta cultural que presenta Plataforma, e que se complementará coa exposición de Françoise Vanneraud no espazo da Fundación DIDAC. O festival clausuraráse este ano CGAC coas actuacións de Marc Vives e Cristina Balboa.

Grazas a súa natureza transversal, o Festival Plataforma intégrase á perfección coa programación cultural compostelá, así coma na rede galega de institucións públicas e privadas: o CGAC, a Fundación Eugenio Granell e a EASD Mestre Mateo son algunhas das entidades que colaboran nesta cuarta edición. Plataforma aposta polo talento local e as mulleres artistas, facendo da cultura o eixe integrador do patrimonio compostelá coa inclusión, a accesibilidade e a sustentabilidade como desafíos para esta edición.

PROGRAMA COMPLETO

Xuñ
9
Ven
SELIC Semana do Libro de Compostela
Xuñ 9 – Xuñ 18 all-day

A praza da Quintana acollerá do 9 ao 18 de xuño a programación da SELIC, un festival organizado polo Concello de Santiago que ten a lectura como protagonista. A Semana do Libro de Compostela amplía ademais este ano o seu espazo, que acollerá 26 postos de librarías e editoras. Tamén a programación medra cunha media de seis actividades por xornada, entre as que se inclúe un paseo diario.

A SELIC mantense fiel ao seu concepto: levar o protagonismo do papel ao directo. Autoras e autores galegos xúntanse con nomes internacionais de recoñecido prestixio, como Cristina Morales (Lectura fácil), ou o supervendas italiano Bernardo Zannoni.

SELIC Criminal

Pero a gran novidade desta VII edición é, sen dúbida, a estrea da SELIC Criminal, unha sección coordinada polo profesor e escritor Xaquín Núñez Sabarís, que nace con vontade de ser cita de referencia do xénero en Galicia. Este apartado dedicado ao xénero negro, en toda a súa diversidade, reunirá o máis destacado do panorama ibérico. A autoras e autores galegos como Diego Ameixeiras, Pedro Feijoo ou Patricia A. Janeiro, súmanse nomes como Arantza Portabales ou Lorenzo Silva, así como dous dos principais autores portugueses do xénero, Francisco J. Viegas e Francisco Moita Flores. Procurando ofrecer unha perspectiva heteroxénea, non só a literatura terá presenza, senón que tamén haberá oco para o audiovisual, con convidados como o guionista Pepe Coira.

Máis alá do libro

A SELIC continúa cunha programación que conxuga a lectura con outras disciplinas, principalmente a música, o teatro e o audiovisual. Así, por exemplo, este ano poderemos achegarnos á obra publicada de Chévere a través dunha performance que contará con Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, ou a O lume de David Rubín a través da dramatización de Xosé Barato.

Mención á parte merece a relación de literatura e música, xa moi presente en anteriores edicións. Este ano salientan figuras como a cantautora madrileña Cristina Rosenvinge ou o mozambicano João Afonso. Ademais, un concerto-recital xuntará a Olga Novo e Su Garrido Pombo, nunha actividade desenvolvida a proposta da SELIC.

Sumaranse a todo isto, alén das habituais seccións de diversos xéneros e os cursos, as programacións de librarías e editoras, nas que salientan as múltiplas sinaturas de libros que poñerán en contacto aos autores e autoras co público.

Colaboracións

A SELIC contará nesta edición coa colaboración da Fundación Antonio Pereira e da Fundación Carlos Casares, así como do Festival Internacional de Narración Oral Atlántida, da Biblioteca Ánxel Casal e de Agareso. Igualmente, mantense con forza a liña de traballo a nivel escolar, con visitas de alumnado de cinco centros de ensino (non só de Compostela, senón tamén de Brión ou Fisterra), que gozará de programación específica.

Xuñ
17
Sáb
Prima 23 (programación estendida)
Xuñ 17 all-day

A Festa do Comercio local Prima 23, que se celebrou o 4, 5 e 6 de maio, estivo acompañada pola chuvia, o que obrigou a suspender algunhas das actividades previstas. O Concello recupéraas agora para o venres 2 e os sábado 3 e 17 de xuño. Ademais, debido ao gran éxito que tivo, repetirase a ruleta con agasallos que, nesta ocasión, estará na praza do Toural.

O venres 2 as rúas de Fontiñas e San Pedro acollerán a partir das 18.00 horas un pasarrúas a cargo de Cé Orquestra Pantasma. Baixo este nome agóchase o vigués César Freiría, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais que leva pecorrendo toda a xeografía galega a un ritmo de máis de 150 concertos ao ano. Un proxecto musical, unipersoal e versátil, grazas ao seu amplo e variado repertorio, no que se conxuga á perfección toda unha vida musical.

O sábado 3 será o turno para outros dous pasarrúas: Os Bregadiers, que partirá ás 12.00 h de Cervantes e pasará pola zona da praza de Abastos, Mazarelos e Orfas para acabar no Toural; e The Turre’s Band, que fará o seguinte percorrido: Carreira do Conde – Xeneral Pardiñas – República Arxentina – San Pedro de Mezonzo – Casas de Ramírez – Praza Roxa. A saída será tamén ás 12.00 h.

Os Bregadiers, a banda de rúa que leva en marcha por todo o país dende o ano 2016, renóvase para ofrecer unha festa soul-funk coa que non poderemos deixar de movernos. Sonidos Motown, deep-soul e funk revisitados instrumentalmente que deixan lugar á improvisación pero sempre orientados a liberar a mente para que o corpo non poida parar.

Tanto se é enriba dun escenario como en formato pasarrúas a Turre`s band son a alegría da festa. Formación de vento e percusión cun repertorio que bebe do blues, do ska, da verbena, da música balcánica…Máis de 20 anos dando festa e facéndonos vibrar en cada actuación.

Ruleta con agasallos

Unhas das novidades desta edición da Festa do Comercio local foi a ruleta de agasallos que, debido ao éxito acadado en maio, se repetirá de novo esta fin de semana. Se o mes pasado estivo na praza Roxa, nesta ocasión situarase na praza do Toural o sábado 3 de 17.00 h a 20.00 h e acompañarase da actuación do Mago Noel.

Poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que presenten un tícket de compra do comercio de Santiago de importe igual ou superior a 5 euros, realizadas entre o 29 de maio e o 3 de xuño.

Exhibición de ourivería

O programa inicial de Prima 23 recollía tamén a xa tradicional exhibición de ourivería e talla de acibeche por mestres ourives de Compostela. A actividade recupérase tamén pero neste caso celebrarase o sábado 17 de xuño na praza de Cervantes.

A Festa do Comercio local, que neste 2023 celebra a cuarta edición, busca reforzar a aposta do Concello de Santiago polo comercio local e de proximidade, así como dinamizar o consumo á vez que se lle dá unha nota de cor e alegría á cidade coas distintas actuacións e actividades programadas.

Xuñ
30
Ven
XII Millarock
Xuñ 30 @ 9:00 p.m. – 11:30 p.m.

A localidade do Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, que chega á súa duodécima edición. O evento, que está organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, ten como obxectivo promover o rock galego e de impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. A cita musical celebrarase nesta ocasión no mes de xuño, o día 30. Ademais, nesta nova edición cámbiase a localización dos concertos, que pasarán a realizarse no anfiteatro do Milladoiro. Actuarán os grupos A banda da loba, Eladio y los seres queridos, Fillas de Cassandra e Las ninyas del corro, e a entrada será de balde.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación de duodécima edición do festival Millarock, que terá lugar o venres 30 de xuño na localidade, a partir das 21:00 horas. Por primeira vez celebrarase no anfiteatro do Milladoiro (no aparcadoiro da caravanas da avenida do Muíño). Non é a única das novidades que ofrece este ano o evento, que tamén renova a súa imaxe, incorporando un deseño innovador, colorido e novidoso. No acto de presentación participaron a concelleira de Cultura, Natividade González; e a técnica de dito departamento, María Vázquez.

A concelleira de Cultura, Natividade González, comezou a súa intervención afirmando que “Ames medra coa cultura, e o Millarock medra con Ames. Chegamos á edición número doce, unha edición que consolida a este festival como un dos máis esperados da contorna”. “Os tempos medran, e nós medramos e mudamos con eles. Este ano cambiamos a data, e deixamos de ser o pistolazo de saída das festas da Madalena para que o Millarock pase de ser un teloneiro a ser o verdadeiro protagonista. A data sinalada será o 30 de xuño, unha data que sabemos que non compite con outros festivais da contorna, e que nos permite non perder nada da cultura musical que temos no país”, afirmou.

Así mesmo, a concelleira fixo referencia ao cambio de localización do evento musical. “Este ano facemos unha gran aposta, posto que xa estamos a falar dun festival maduro e estable. Queremos poñer en valor, máis ca nunca, ao Milladoiro, e que os nosos veciños e veciñas sigan estando presentes, como todos estes anos, gozando da música que lles gusta. Por iso cambiamos tamén de localización ao anfiteatro, un lugar simbólico para os máis mozos e mozas da vila”.

Para rematar, Natividade González quixo mencionar que “traemos un cartel moi fiel á esencia do Millarock, sendo perceptivos aos cambios e ás novas sensibilidades. Seguimos a ter grupos con música en galego, presenza feminina, bandas emerxentes, música reivindicativa… Abandonamos a idea dos festivais homoxéneos para incorporar rock, indie, sons modernos… E por iso queremos invitar a todos os cidadáns de Ames, así como á veciñanza da contorna e a xente chegada de todos os puntos de Galicia”.

Pola súa banda, a técnica de Cultura, María Vázquez, fixo un repaso pola traxectoria do Millarock dende os seus inicios. “A iniciativa comezou como un certame ao que se podían presentar todas as bandas que quixesen, de estilos musicais moi distintos: pop-rock, metal, hip-hop… Na primeira edición actuaron os tres grupos gañadores do certame, e o festival celebrouse na travesía do Porto, onde tamén tivo lugar en anos consecutivos”, recordou. “Posteriormente as bases foron mudando, e pasou a actuar un só gañador do certame cun cabeza de cartel. Anos despois fíxose un pequeno parón, e retomamos o Millarock no 2016, pero xa non como certame, senón como festival. A última das interrupcións foi no 2020, coa chegada da pandemia, aínda que o proxecto se recuperou no 2021 coas medidas sanitarias axeitadas”, resumiu a técnica.

María Vázquez fixo tamén fincapé en que “a traxectoria do Millarock foi mudando ao longo dos anos, e contou con estilos musicais moi variados. Non obstante, os obxectivos estiveron sempre moi claros: impulsar os grupos noveis, combinándoos con outros grupos máis consolidados, co predominio do rock galego, sen esquecer outras propostas. Sempre buscamos atraer a Ames aos amantes da boa música, promover os grupos locais e da comarca e contar cunha ampla presenza feminina dentro das persoas que compoñen as bandas, adaptándonos aos novos tempos como o concello moderno e innovador que somos”.

Nese sentido, a técnica de Cultura quixo destacar a ampla variedade de bandas e artistas que formaron parte do Millarock ao longo dos seus once anos de historia, mencionando a grandes grupos xa consolidados na escena musical, como Heredeiros da Crus, que conta cunha longa traxectoria; ou The Rapants, cuxa carreira se atopa nun momento de ascenso meteórico. Ademais, recordou a outras formacións participantes que naceron á par que se comezaba a desenvolver o festival e que seguen en activo, como Familia Caamagno e Agorafobia.

Programa do Millarock 2023

Coa chegada do Millarock, O Milladoiro volve a reunir a destacadas bandas de rock galego, cun cartel no que se citan os grupos A Banda da Loba, Eladio y los seres queridos e Fillas de Cassandra. Ademais, incorpórase un dúo procedente da escena nacional, Las Ninyas del Corro, que chegarán dende Barcelona.

A Banda da Loba é unha formación integrada por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias para crear un proxecto colectivo. No seu repertorio mesturan, ademais de rock, ritmos de pop, blues e folk, creando sons propios. Na actualidade contan con tres traballos publicados: Bailando as rúas (2017), Fábrica de luz (2019) e o EP Hasme Oír (2021). Ademais, ao longo da súa curta traxectoria recibiron galardóns como o Premio aRi(t)mar 2018.

Por outro lado, Eladio y los seres queridos é unha das bandas máis consolidadas do panorama galego, tras máis de quince anos de carreira, 5 discos e numerosas xiras por todo o país. Os seus temas, escritos por Eladio Santos, líder do grupo, van dende o pop máis clásico ata sons indies, folk, canción de autor, e, por suposto, rock. O seu último traballo, Academia (2020) está composto por catorce temas “honestos, intimistas e transeúntes”.

O dúo Fillas de Cassandra, procedente de Vigo, é un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. O seu primeiro traballo, Acrópole (2023) acaba de ser presentado e colleita xa numerosas críticas positivas. A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica. As súas composicións, sempre creadas dende unha ollada feminista e actual, transitan da emotividade ao desenfado, sen esquecer o activismo.

Por último, Las ninyas del Corro, o dúo catalán, chegará a Ames para ofrecer as súas cancións combativas e mensaxes contundentes, inspiradas no rap underground. A dupla caracterízase polas súas comprometidas letras, nas que teñen cabida o empoderamento, a crítica e as vivencias persoais.