Oct
13
sáb
XXIII Festival Galicreques @ Teatro Principal, Fundación SGAE, Praza do Toural, Alameda, centros socioculturais
Oct 13 – Oct 21 todo el día

O Festival Internacional de Títeres Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde, celebrará a súa 23ª edición entre o 13 e 21 de outubro de 2018 cunha ampla programación que, con máis de 50 funcións repartidas pola cidade, contará cun marcado carácter internacional ao traer a Santiago de Compostela un total de 23 compañías procedentes de Arxentina, Brasil, Portugal ou Venezuela, ademais de formacións galegas e do resto do estado.

A programación incluirá este ano tres estreas absolutas, ademais de trece obras nunca vistas antes no estado, e que máis de 1.200 rapaces acudirán un ano máis cos seus centros de ensino á programación dedicada ao público escolar. As obras que se estrearán nesta edición serán Viaje a un país de…, coprodución de Títeres Cachirulo, Tres Tigres Teatro e Chachakün; Cantamos?, de Luis Vallecillo (o martes 18 ás 18.30 no CSC Santa Marta); e Home, dos madrileños Mazzú Teatro (o xoves 18 ás 20.30 h. no Teatro Principal).

O programa deste ano inclúe un total de 23 compañías, das cales seis son galegas (Títeres Cachirulo, Títeres Brincadeira, Luís Vallecillo, Os Monicreques de Kukas, Fantoches Baj e Art-Monium). Do resto de España, chegarán compañías de Madrid (Mazzú Teatro), Valencia (Xarop Teatre) ou Aragón (Teatro de Medianoche e Teatro Arbolé). Do panorama internacional, Galicreques contará con formacións de Arxentina (Chachakün, Tres Tigres Teatro, Ulularia Teatro), Ecuador (Titiritainas), Brasil (Sobrevento), México (Mano y Contramano), Colombia ( Arlequín y los Juglares) ou Venezuela (La pareja).

Xornada inaugural
O XXIII Galicreques comezará o sábado cun total de cinco funcións repartidas en diferentes espazos. Así, a programación dará inicio o sábado ás 17.00 horas no Teatro Principal coa función inaugural, que correrá a cargo da compañía ecuatoriana Titiritainas, que presentará o seu espectáculo El alguacil Buñuelo. Nese mesmo escenario, ás 20.30 horas, terá lugar a primeira das estreas: Viaje a un país de…, coprodución galego-arxentina das compañías Títeres Cachirulo (Galicia), Tres Tigres e Chachakün (Arxentina). Pola súa banda, a Fundación SGAE, acollerá o sábado ás 18.00 horas a montaxe For+, dos valencianos de Xarop Teatre. A Praza do Toural albergará a esa mesma hora o espectáculo Alforria, dos portugueses de Boca de Câo. Esta mesma compañía ofrecerá o mesmo sábado ás 13.00 h. un percorrido polas rúas da zona vella para anunciarlle ao público o comezo do festival. A súa ruada principiará na Alameda para desprazarse despois ás prazas do Toural, Praterías e Mazarelos.

DESCENTRALIZACIÓN
Unha das novidades desta vixésimo terceira edición do Galicreques é a súa vontade de espallar a súa programación por toda a cidade, dedicando especial atención aos diferentes barrios composteláns e a distintos lugares de encontro co público. Deste xeito, ás sedes habituais do Galicreques como son a Fundación SGAE, o Teatro Principal ou o Centro Sociocultural de Santa Marta, hai que unirlles os Centros Socioculturais da Trisca, Vite, O Ensanche, Fontiñas, Conxo e O Castiñeiriño. Todos estes centros de xestión municipal acollerán funcións de diferentes compañías, realizando un exercicio de proximidade e de integración cultural dos barrios.

Por outra banda, a descentralización desta edición incluirá a intención de levar o xénero escénico dos títeres ao público en diferentes espazos de encontro. Galicreques estenderá as súas funcións ás prazas Roxa e Praterías e á Alameda, que un ano máis acollerá a Carpa do Galicreques, escenario que contará entre o xoves 18 e o domingo 21 cun total de 12 funcións.

Ademais, este ano o Centro Dramático Galego une a súa colaboración ao Galicreques, xa que o Salón Teatro acollerá a función de clausura o domingo 21 de outubro ás 18.30 horas. A despedida correrá a cargo da compañía mexicana Mano y Contramano e o seu espectáculo El oso que no lo era.

CONSULTA AQUÍ O PROGRAMA COMPLETO