Mar
26
mar
Elas, retrato dun mercado @ Casa do Cabido
Mar 26 – May 1 todo el día

A Casa do Cabido acolle a exposición Elas, retrato dun mercado, que reúne instantáneas realizadas polo fotógrafo Manuel Blanco ás mulleres do Mercado de Abastos de Santiago. A mostra está impulsada polo Consorcio de Santiago e as concellarías de Acción Cultural e Mercados do Concello de Santiago.

Esta mostra aglutina un total de 40 fotografías, dúas delas en branco e negro e as demais en cor. O fotoxornalista compostelán Manuel Blanco foinas captando ao longo de dezaoito anos. Comezou este proxecto en 2001 e durante todo este tempo logrou reunir unha boa cantidade de material que logo seleccionou “dun xeito natural, sen metodoloxía definida máis aló do instinto e a necesidade de perpetuar un legado primitivo de beleza”. Así, manifesta que “o propósito principal desta exposición é poñer en valor á muller tradicional galega, tomando como referente ás mulleres que venden os seus produtos no Mercado de Abastos de Compostela”.

Tal como indica o autor das instantáneas, “estas imaxes compoñen un álbum familiar, unha galería de emocións que sorrín nun mesmo lugar. Cada unha delas mostra un retrato instrumentado desde a complicidade entre un espazo, un fotógrafo e elas, as grandes protagonistas”. A exposición amósanos, en palabras da xerente do Consorcio, Belén Hernández, “miradas curiosas que nos descobren cousas novas”.

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata principios do vindeiro mes de maio. Poderá visitarse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas (o 2 de abril comeza o horario de verán: de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas); e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns, a Casa do Cabido está pechada ao público.