Jun
18
Lun
II Conecta FICTION @ Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
Jun 18 – Jun 21 todo el día

A segunda edición de Conecta FICTION, que terá lugar en Santiago de Compostela do 18 ao 21 de xuño, incluirá un festival de series aberto ao público xeral, co que se completará a dimensión profesional dun evento que abrangue xa todos os xéneros e etapas da ficción televisiva: xestación, programación, emisión, financiamento e contacto entre socios coprodutores.

Promovido pola Xunta de Galicia xunto con ICEX España Exportación e Inversiones e Fundación SGAE, Conecta FICTION é o único encontro internacional dedicado exclusivamente á coprodución de ficción para televisión entre América Latina, Estados Unidos de fala hispana e Europa. Despois do éxito do pasado ano, a Cidade da Cultura e distintos escenarios da capital de Galicia acollerán unha nova entrega do evento.

A principal novidade será a incorporación do Conecta FICTION FEST, un contedor de series de televisión que relacionará a industria cos espectadores e que colocará a televisión no calendario cultural galego mediante actividades de proxección dirixidas á audiencia xeral. A protagonista do FICTION FEST deste ano será, de forma monográfica, a produción de Movistar+.

Encontro profesional no Gaiás

A parte máis profesional de Conecta FICTION será a que se desenvolva no Gaiás, onde se instalarán catro áreas de actividade diferenciadas: Caixa de Ficción, para reunións acordadas previamente pola plataforma online; Zona Conferencias, dedicada a paneis e casos de estudo; Zona Pitchings, para a celebración dunha sesión internacional con 10 proxectos seleccionados de América e Europa e outra sesión específica sobre o talento español con proxeccións procedentes do laboratorio da Fundación SGAE; e Zona Screenings, na que se ofrecerán proxeccións de series e miniseries con acceso exclusivo para acreditados.