Oct
5
vie
Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra @ Museo Centro Gaiás (Cidade da Cultura de Galicia)
Oct 5 2018 – Mar 3 2019 todo el día

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolle a exposición Castelao maxistral, unha homenaxe ao papel dos mestres e mestras de Galicia e ao importante labor que fixeron —nunha época (1900 -1936) de gran precariedade de medios no ensino e sen material pedagóxico— para intentar mudar esta situación e acadar unha maior alfabetización da poboación e, sobre todo, que as clases sociais máis desfavorecidas tiveran tamén acceso á educación, e en galego.

Deste xeito, este proxecto expositivo — comisariado polo historiador e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane— céntrase, por unha banda, en recrear a situación do ensino en Galicia nesa época —principios do século XX ata 1936— e por outra, en pór en valor os avances que se realizaron grazas ao esforzo e implicación persoal enorme destes docentes para asentar as bases da educación pública tal e como hoxe a coñecemos, cunha transformación con ideas pedagóxicas renovadoras que se viu truncada co estoupido da Guerra Civil.

O eixe desta exposición é a primeira mostra en Galicia da simbólica pintura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, A derradeira leición do mestre (1945), e elixiuse a Cidade da Cultura de Galicia como sede. Esta obra consérvase no Centro Galicia de Buenos Aires, cidade na que foi realizada polo autor, e nunca ata agora tiña saído desta institución. A pintura, de dous metros de altura, baséase na estampa n.º 6 do libro Galicia mártir publicado por Castelao en 1937. O tema é o do mestre asasinado na Guerra Civil española ante uns nenos que se laian conmocionados. Unha escena tráxica chea de tristeza e denuncia. As descricións desta obra apuntaron o paralelismo entre o fusilamento do mestre e o do seu amigo, o intelectual Alexandre Bóveda, o 17 de agosto de 1936.

Oct
27
sáb
Magosto no Gaiás @ Cidade da Cultura de Galicia
Oct 27 a las 7:00 pm – 10:00 pm

A Cidade da Cultura de Galicia festexará a tarde do sábado 27 de outubro o seu xa consolidado ‘Magosto no Gaiás’. Para celebrar esta cita cultural e gastronómica con tanto arraigo na cultura popular galega, non só se contará coas imprescindibles castañas —asadas ou como ingrediente principal en petiscos— senón que se adobiará a festa cos ritmos enxebres e enérxicos de Xosé Lois Romero & Aliboria, tanto no concerto co que se lle porán música a esta cita tradicional do outono, como no obradoiro de percusión con tarrañolas, que impartirá o mesmo músico antes da súa actuación no escenario do Museo Centro Gaiás.

Non hai magosto sen castañas —coas que contará a Cidade da Cultura grazas á colaboración un ano máis da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia— e sen foliada. E para isto último o ‘Magosto no Gaiás’ contará cun músico de raíz con moito prestixio como é Xosé Lois Romero, que vén de presentar o seu último traballo xunto co grupo de percusión Aliboria e grazas ao cal obtivo o Premio Martín Códax da Música 2018 na categoría tradicional e folk.

Obradoiro de tarrañolas

Como novidade este ano, ademais de gozar da música e as castañas, aquelas persoas que lles interese poderán inscribirse nun obradoiro de percusión tradicional, centrado nas tarrañolas, impartido polo propio Xosé Lois Romero. Todos os inscritos nesta actividade —aberta a todos os públicos pero limitada a 15 prazas— levarán una tarrañolas de agasallo, cortesía de Xose Lois Romero, e de recordo deste especial ‘Magosto no Gaiás’ 2018.

O obradoiro terá lugar no Museo Centro Gaiás de 19 a 20 horas, antes de que dea inicio a degustación, e a entrada para esta actividade formativa dará tamén acceso ao magosto coas castañas —asadas ou como ingrediente principal en petiscos (20 horas)— e á actuación musical (a partir das 21 horas).

E para aqueles e aquelas que queiran coñecer mellor a enorme e variada familia de instrumentos de percusión galegos e as súas características, exhibirase no Museo Centro Gaiás unha pequena mostra deles. Deste xeito, o público que asista ao ‘Magosto no Gaiás’ non só poderá velos, senón tamén tocalos.

Entradas

As entradas poden adquirirse xa de forma anticipada no Museo Centro Gaiás e nos puntos de venda físicos de Ataquilla por 5 euros: en  www.Ataquilla.com (+ gastos de xestión); e no mesmo día na billeteira por 6 euros. Para participar no obradoiro —con número de participantes limitados— haberá que mercar a entrada, que dará acceso a todo o festexo posterior: degustación de castañas e concerto de Xosé Lois Romero e Aliboria.