Feb
29
Sáb
Exposición ‘As pequenas cousas’
Feb 29 – Abr 19 todo el día

A exposición ‘As pequenas cousas’ recolle obxectos, documentos, cartas e fotografías de persoas perseguidas e represaliadas polo franquismo, nas que a memoria se puido materializar, e que sobreviviron nas marxes da sociedade. Esta mostra, cuxo núcleo orixinal está formado por doce paneis, incorpora grazas a coordinación técnica de persoal do Museo do Pobo Galego novas achegas procedentes das familias de presos e fusilados galegos, para o que conta coa colaboración de particulares e entidades como O Faiado da Memoria e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH).

‘As pequenas cousas’ poderase visitar de xeito gratuíto ata o 19 de abril no Museo do Pobo Galego.

O listado de obxectos que se poderá ver na exposición é variado nas formas en que recolle a memoria da represión. Entre eles, uns botóns de puño de esmalte que pertenceron a José Rodríguez Silvosa, xastre de Lugo asasinado no ano 1938, extraídos na exhumación de Castroncelos (Pobra do Brollón). Tamén unha reprodución  do retrato que realizou o arquitecto Jordi Tell ao artista Mario Granell no cárcere da Coruña. A lembranza das Marías, iconas da resistencia á represión franquista en Santiago de Compostela, estará tamén presente pola relevancia do proceso de recuperación colectiva da súa figura. Tamén cómpre tamén destacar unha fotografía de Sandalio Alonso de la Riva, membro do Partido Socialista e alcalde de Boñar, quen conseguiu praza no Winnipeg para ir tralo amor de Rosina, filla de Elpidio Villaverde, político de Vilagarcía de Arousa, quen coñecera uns días antes en Bordeos. O barco Winnipeg fletou a máis de 2000 refuxiados españois a Chile grazas á axuda de Rodrigo Soriano (ex-embaixador republicano español) e ao poeta Pablo Neruda.