Feb
15
Jue
Exposición de Antoni Muntadas @ CGAC
Feb 15 – Jun 17 todo el día

Antoni Muntadas é un artista imprescindible para comprender as paradoxais estruturas que determinan o mundo actual e os seus marcos perceptivos, nos que as condicións sociopolíticas chocan cos aspectos psicolóxicos do individuo. O seu traballo arrinca nos anos setenta como unha reflexión sobre as condicións das estruturas mediáticas e as súas consecuencias políticas e sociais, desde a perspectiva das ferramentas do vídeo e da televisión. Emprega unha metodoloxía que parte da investigación dos fenómenos e nas súas exposicións combina a utilización de fotografía, proxeccións e videoinstalacions que conforman espazos de reflexión ou dispositivos para a experiencia.

A exposición, Estratexias do desprazamento, que cita e remite á idea de deriva dos situacionistas, pode ser percorrida como un experiencia das problemáticas do desprazamento, entre a dimensión sociopolítica e a condición psicolóxica da individualidade.

Mar
16
Vie
‘Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación’ @ Museo Centro Gaiás - Cidade da Cultura
Mar 16 – Oct 14 todo el día

Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación supón a maior exposición de pezas das coleccións privadas de ABANCA e Afundación reunidas ata o momento. Pintura, escultura, fotografías e instalacións compoñen este percorrido por 150 anos de arte galega.

Nela pode contemplarse unha escolma de 192 pezas que abarcan desde o primeiro terzo do XIX ata a actualidade, o que sitúa a Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación como a mostra recente máis ambiciosa sobre a arte galega.

As coleccións de arte galega de ABANCA e Afundación reflicten á perfección os dous factores que marcaron a construción das artes plásticas galegas desde o século XIX: “identidade” e “universalidade”. A través destes conceptos alúdese a dous elementos singulares para entender a nosa arte: a historia da cultura galega e a súa ligazón co contexto internacional.

Por primeira vez, unha mesma mostra reúne 119 dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos, como son Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro, ou Antía Moure, entre outros moitos.

As coleccións ABANCA e Afundación posúen un dos legados máis significativos da arte galega. Por iso, esta exposición conxunta permítenos evidenciar o desenvolvemento das artes plásticas galegas desde a primeira metade do século XIX até comezos do actual, tanto dentro do seu contexto nacional como internacional. Deste xeito, compróbase na mostra como a arte galega non foi allea ás influencias das grandes correntes artísticas do vello continente en cada momento da historia.

Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación estará aberta ao público de martes a domingo, con entrada de balde, e contará cun amplo e variado programa de actividades e visitas guiadas e didácticas co fin de contribuír á difusión das obras, cunha especial atención á comunidade escolar, pero tamén aos amantes da arte, co obxectivo de incrementar a afluencia de turismo cultural.

O atractivo da exposición virá reforzado polo deseño da montaxe, a cargo do recoñecido estudio galego de arquitectura Abalo e Alonso, que desenvolveu un proxecto para realzar o valor singular das pezas e establecer un diálogo harmónico coa potencia visual do Museo Centro Gaiás.

Info práctica

Aberto de martes a domingo (Luns de Pascua estará aberto).

VISITAS COMENTADAS:

  • De martes a venres: 17.30h.
  • Semana Santa, meses de xullo e agosto, sábados, domingos e festivos: 12.30h e 17.30h.
  • De balde. Non é preciso reservar praza.