Feb
15
vie
Valor e mestría. Galicia como fútbol
Feb 15 – Sep 1 todo el día

Valor e mestría. Galicia como fútbol é a exposición máis ambiciosa sobre o fenómeno do fútbol na nosa comunidade, tanto en percorrido histórico como en número de pezas: 300, das cales 200 son orixinais.

A mostra arranca en 1876, ano no que se data a primeira referencia o xogo do foot-ball en Galicia —e que algúns historiadores consideran que tamén en España— ata o gol do celtista Iago Aspas no recente Mundial de Rusia.

Ao longo destes 143 anos o fútbol galego foi protagonista en numerosos momentos estelares. Así, a escolma de pezas desta exposición devólvenos as xestas de equipos como o Racing subcampión da Copa de España, o Pontevedra do Hai que roelo, o Súper Dépor ou do Celta que brillou en Europa; de adestradores como Moncho Encinas, Arsenio Iglesias ou Carriega; e de xogadores como os olímpicos galegos de 1920, Luis Suárez, Amancio, Marcelino, Fran, Borja Oubiña, Iago Aspas, Lucas Vázquez ou Lucas Pérez; ou da nosa futbolista máis internacional, Verónica Boquete, o nome máis representativo da explosión que está a vivir o fútbol feminino galego e que tivo á porteira Irene como pioneira a principios do século pasado.

Facerse eco de todos eles é o principal obxectivo de Valor e mestría. Galicia como fútbol, a exposición que se vai desenvolver o próximo ano no segundo andar da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Organizada pola Xunta de Galicia —coa colaboración da Federación Galega de Fútbol e LaLiga Santader—, conta con dos expertos en fútbol galego Xosé Antón Castro Fernández e Rubén Ventureira Novo como comisarios da exposición.
A mostra reunirá trofeos, medallas, carteis, bandeirolas, bufandas, camisetas, botas, fotografías, vídeos e outro tipo de obxectos. As pezas que compoñerán a exposición serán achegadas por diferentes coleccionistas públicos (30) e privados (60). Así, requiriuse a colaboración dos principais clubs da comunidade –así como da federacións galega– e tamén dos xogadores máis relevantes da historia do noso fútbol ou ben dos seus herdeiros.
O papel dos galegos na selección española será destacado especialmente. Haberá tamén apartados específicos para as distintas etapas da selección galega e para os adestradores máis sobresalientes. Non se obviará neste percorrido histórico a relación do fútbol galego coa cultura, especialmente coa literatura ou a pintura. Precisamente, o nome do título da exposición vén da descrición que deste deporte fixo o intelectual e escritor ourensán Eduardo Blanco Amor, mentres que a imaxe gráfica principal da mostra tamén é autoría doutro artista ouresán Antón Pulido.
A ampla duración da exhibición obedece a que é a primeira vez se que celebra unha mostra destas características, o que obrigou a un inxente traballo de recompilación de datos, documentación e pezas, traballo que merece ser plasmado con xenerosidade temporal.
Abr
12
vie
‘Pensar coas mans’
Abr 12 – Sep 8 todo el día

A Cidade da Cultura acollerá desde o 12 de abril e ata o 8 de setembro a exposición, Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia. 

Así, o Museo Centro Gaiás propón unha ambiciosa e completa viaxe no tempo pola artesanía de Galicia, da actualidade ás orixes, centrándose nas especialidades do ‘feito a man’ como a cestería, cerámica e xoiería. Para facer este percorrido, fíxose unha escolma de 250 pezas provenientes de 65 artesáns, (24 xoieiros, 17 ceramistas, 13 artistas de cerámica e 8 cesteiros),  14 museos e 10 coleccionistas privados, así como creacións do alumnado das escolas de Arte e Superior e Deseño ‘Mestre Mateo’ de Santiago de Compostela e a ‘Ramón Falcón’ de Lugo e contouse tamén coa colaboración da Fundación Pública Artesanía de Galicia, que pertence á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artesáns e artesás de renome internacional

Sobre os artesáns e artesás participantes nesta escola,  Pensar coas mans permitirá admirar xuntas no Museo Centro Gaiás pezas de autores/a ou talleres de gran renome internacional como é Idoia Cuesta, cuxa innovación na cestería espertou o interese de firmas como Loewe, coa que colaborou; ou de Ojea Studio e Cerámica Suve, cuxas vaixelas son empregadas na alta cociña de chefs como Pepe Solla, Pepe Vieira ou Carme Ruscalleda; ou Madriguera Workshop, que vén de participar na Maison & Objet de París, feira internacional no eido da decoración.

Da mesma forma,  a arte e a cerámica terán unha especial presenza na mostra; xa que a escolma das e dos artistas cerámicos estará presidida polo galego Xabier Toubes, un dos seus máximos representantes, quen dirixiu durante anos o European Ceramic Work Centre de Holanda. Así  mesmo, fixo fincapé en que completarán este desfile recoñecidos xoieiros/as como Marta Armada, Susi Gesto ou Noroeste Obradoiro, entre outros.

Intervención de Izaskun Chinchilla

Débese destacar que a exhibición das pezas contemporáneas das tres artesanías estará presente nunha espectacular intervención da recoñecida arquitecta Izaskun Chinchilla, que estará baseada nas 7 lámpadas de arquitectura do teórico da arte e arquitectura John Ruskin. O traballo desta arquitecta, investigadora e docente en diversas universidades europeas, atopa moitos puntos de conexión coa filosofía do “feito artesán”, ao que se achega desde a súa preocupación pola sustentabilidade, a ecoloxía e a socioloxía, en canto a súa atención aos cambios nos modos de vida.

A intervención de Izaskun Chinchilla consiste en sete unidades espaciais de base circular con cúpula en altura, que acollerán ademais obradoiros, charlas-taller, demostracións artesanais, proxeccións audiovisuais, visitas didácticas…

Obradoiros todas as fins de semana

Deste xeito, Pensar coas mans ponse en marcha como unha mostra non só para ver, senón tamén para facer. Cada fin de semana, o Museo Centro Gaiás converterase nun grande obradoiro aberto ao público, onde ‘mestres’ e ‘mestras’ das diferentes especialidades realizarán talleres sobre cerámica, cestería e xoiería, organizados pola Fundación Pública Artesanía de Galicia. O obxectivo é estimular non só o gusto polos obxectos artesáns, senón tamén a práctica destas técnicas tradicionais. Algúns destes obradoiros requiren inscrición previa, xa dispoñibles na páxina web artesaniadegalicia.xunta.gal

Finalmente, a viaxe ao pasado destas tres artesanías chegará ata a Prehistoria, con achados e pezas nos que se amosarán tamén as creacións e tendencias desde a Idade Media ao Barroco, aínda que a atención máis especial desta exposición caerá nas creacións tradicionais en cestería, cerámica e xoiería, co obxectivo de amosar a súa rica e prolífica tipoloxía.

Jul
4
jue
Figurando lembranzas
Jul 4 – Sep 29 todo el día

Nesta exposición exhíbense 17 cadros de grandes figuras galegas que se viron na necesidade de marchar a Latinoamérica como Abreu Bastos, Ángel Botello, Arturo Souto, Castelao, Eugenio Granell, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Maruja Mallo, Luís Seoane, Manuel Pailós e Mario Fernández Granell. Estas obras teñen como fío condutor a paisaxe. Cada unha das pezas reflicte as influenciasque estes artistas recolleron nos países onde vivían, como lles marcou o seu contorno.

Na mostra participan unha serie de institucións, museos e fundacións que aportan as súas obras: Abanca, Afundación, CGAC, CGAI, Fundación Eugenio Granell, Fundación María José Jove, Fundación Luís Seoane, Fundación Otero Pedrayo, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo de Pontevedra, Museo do Pobo Galego, Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León”, Sociedad Filarmónica de Vigo e a Xunta de Galicia.

A exposición permanecerá na Fundación Granell ata finais do vindeiro mes de setembro. Poderávisitarse os martes, mércores e xoves de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; os venres de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e os sábados de 11:00 a 14:00 horas. Os domingos, luns e festivos a Fundación Granell está pechada ao público.

Jul
5
vie
Colectiva dun colectivo
Jul 5 – Sep 1 todo el día

Colectiva dun colectivo é o resultado do proxecto Na varanda, un programa educativo e de creación cuxo obxectivo é o encontro, o diálogo e o achegamento entre o museo e a veciñanza de Santiago de Compostela. A cidadanía eríxese así nun axente máis dos procesos culturais da súa contorna creando contidos que xa forman parte da programación CGAC.

Esta mostra parte dunha selección de obras da Colección CGAC elixidas polo colectivo Na Varanda e artéllase arredor de dous conceptos: o espello e a diferenza. Na cerna mesma do colectivo está a diferenza, xa que está formado por persoas procedentes de ámbitos laborais diversos, non especializadas no mundo da arte, que imprimen unha visión peculiar sobre aquilo que as pezas artísticas poden reflectir. Cada unha de nós implica unha forma de ver, confrontando e compartindo olladas (re)inventamos o noso propio xeito de ver e de mirar.

Nun mundo en continua transformación temos que tomar partido por algún dos múltiples e fragmentados reflexos que fan que nos movamos sen mapa no labirinto. A diferenza, como transmisora da tensión xerada entre a esencia irracional do ser humano e as súas pautas sociais, chéganos a través de distintos soportes (medios de comunicación, publicidade, arte, redes sociais…), por ser un espello/reflexo da complicidade irónica co sistema. A percepción das pezas desde puntos de vista diferentes modifica tanto o obxecto artístico como o proceso de creación en por si. Nós, como colectivo e como público, formamos parte dunha sociedade cunha serie de normas e a arte abre a visión das nosas realidades subxectivas e efémeras.

O espello como obxecto mediador do (auto)coñecemento permítenos vérmonos como individuos e, así mesmo, ver e sentir as distintas visións da realidade. Semella complexo harmonizar tan diferentes reflexos dun mesmo. Preguntámonos se eses reflexos son a realidade ou unha realidade diferente, ilusoria e paralela. O mundo das imaxes reflectidas fala de nós, coma se estas nos devolvesen interrogantes.

Jul
11
jue
A paisaxe e a súa pegada
Jul 11 – Sep 30 todo el día

“A paisaxe e a súa pegada I” é a primeira parte dunha exposición que terá continuidade cunha segunda mostra que arrancará nos últimos meses do ano. Trátase da visión que catro fotógrafos teñen da paisaxe ligada a Compostela como meta e ao Camiño de Santiago: Alberte Peiteavel, Javier Teniente, Sheila Pazos e Tino Viz.

Nas súas intervencións os fotógrafos Alberte Peiteavel, Javier Teniente, Sheila Pazos e Tino Viznon se deteñen unicamente na parte máis descritiva do territorio, senón que achegan o rumbo creativo da fotografía con recursos expresivos, enfoques e fusión de técnicas que fan visible o invisible. Os relatos fotográficos rastrexan a atemporalidade da luz sobre o horizonte, a fraxilidade dunha flor ou o latexo do silencio nun bosque, salientan a beleza e potencia da pedra en Compostela ou fabulan con total liberdade coa contorna, imaxinando escenarios máxicos que vulneran as leis da propia realidade.

Ademais, xogando coa transversalidade da arte, fotografía e poesía fúndense nunha aventura común. Así, os versos de Antonio Gamoneda, Pura Vázquez, Olalla Cociña e Rafa Vilar ispen a vida deses momentos vitais que están máis aló da cámara.

Esta mostra terá una segunda parte de outubro a decembro baixo o título A paisaxe e a súa pegada II. Nesta ocasión participarán os fotógrafos Xoán Soler, Andrea Costas, Eva Díez e Denís Estévez. Cada un deles ofrecerá a súa visión particular da paisaxe do Camiño de Santiago e da cidade. 

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata o vindeiro mes de outubro. Poderávisitarse de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.

Jul
12
vie
Zážitky/ Vivencias
Jul 12 – Sep 15 todo el día

A mostra fotográfica “Zážitky/ Vivencias”, da fotógrafa eslovaca Lea Tyrallová. Zážitky, indaga no xeito de entender as imaxes, interpela ao espectador na súa interpretación emocional e inmediata. O uso da cor -ou a súa ausencia- establece unha lectura baseada na intuición e a percepción entre o cálido e o frío, entre o familiar e o descoñecido. O emotivo equilíbrase cando a experiencia e as vivencias de cada ser humano crean e orixinan un significado.

Lea Tyrallová nace en Nitra (Eslovaquia) no 1984. Despois dos seus estudos de Filoloxía Portuguesa na Universidade de Masaryk República Checa) trasládase a España onde fixa a súa residencia permanente desde 2009, e cursa estudios de Fotografía no Institut d’Estudis Fotogràfics de Catalunya. No 2012 gaña o primeiro premio no Concurso de Fotoxornalismo CLIC que inclúe a exposición do Proxecto Lucas dentro do marco do Festival OFF de Visa pour L’Image en Perpiñán, Francia. No 2013 expón, conxuntamente coa fotógrafa Montse López, as súas series «Micropoemas e Poesías», na Galería II Mondo de Barcelona. Coa serie en soporte polaroid titulada «No llames a casa», participa na mostra colectiva Barcelona mira en negre, na Galería Valid Foto Bcn, coma parte do Festival BCNegra. No centro do seu proceso creativo atópase a investigación visual previa ao traballo de campo, o uso do arquivo e a indagación sobre o tema da memoria e o desenvolvemento dunha linguaxe fotográfica propia.

Jul
19
vie
Festas do Apóstolo 2019
Jul 19 – Jul 31 todo el día

Presentación Festas do Apóstolo 2019.

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou este venres o programa das festas do Apóstolo, que este ano se celebrarán do 19 ao 31 de xullo. O actor compostelán Luís Zahera será o encargado dun pregón que abrirá trece días de festas con importantes nomes do panorama musical, como Xoel López, Chico César, La Casa Azul ou La M.O.D.A, e con propostas para todos os públicos.

Lembrou o edil que o deste ano é un programa que «salvo cuestións de produción e algunha cuestión máis, estaba practicamente configurado polo anterior equipo de Goberno». En calquera caso, indicou, «é un programa con propostas diversas en canto a estilos e públicos, cos grandes concertos centrados na praza da Quintana, complementados con outras propostas cada día noutros espazos da cidade». Todas actividades serán de balde e tampouco faltarán os eventos tradicionais destas datas.

Luis Zahera, o pregoeiro
Muíños anunciou o pregoeiro co que arrincarán as festas o venres 19 de xullo. Será un compostelán, o actor Luís Zahera, do que recordou o seu salto á fama co personaxe de Petróleo na serie Mareas Vivas, pero tamén a súa prolixa carreira tanto na televisión como no cine, en Galicia e en España. Ademais, lembrou, «vén cun Goya debaixo do brazo, que obtivo como mellor actor de reparto polo filme El Reino«. De seguro, concluíu, «nos preparará un pregón cheo de humor e de compostelanismo e nos animará a vivir con intensidade as festas do Apóstolo.

Despois do pregón, a música, no mesmo Obradoiro, poñeraa Zalon Thompson, artista británico coñecido no seu día por ser a voz principal da banda da desaparecida Amy Winehouse e que agora presenta o seu primeiro disco.

Grandes concertos na Quintana
Repasando a programación, os grandes concertos celebraranse unha vez máis na praza da Quintana, comezando pola mesma noite do pregón, cando actuará Budiño. Outros nomes que pasarán pola Quintana son Xoel López (domingo 21), The Main Squeeze (luns 22), La Casa Azul (martes 23), La M.O.D.A (mércores 24), Leilía e Milladoiro (xoves 25) ou Chico César (domingo 28).

Ademais, o mércores 31 haberá un concerto dedicado ás bandas e artistas galegos, con Banda Crebynsky, Fredi Leis e Holywater; e a do sábado 20 será unha noite dedicada ao beat e a música electrónica.

Tampouco faltarán na Quintana dúas citas que xa son tradicionais: o concerto da Real Filharmonía de Galicia (martes 30) e o da Banda Municipal, que nesta ocasión estará acompañada pola Gallaecia Big Band nun concerto especial o luns 29. Para estes dous concertos haberá que retirar convites na billeteira do Teatro Principal.

Outras citas tradicionais serán o Festival Folk que organiza La Voz de Galicia o venres 26 e, ao día seguinte, as Xornadas de Folclore.

Concertos no Toural e propostas diversas
Para a Quintana quedan os concertos de gran formato, pero tamén haberá cada día música na praza do Toural. Por aí pasarán Jamila e Rey Montesinos, Kind of Soul, Nunatak, The Tune, Moon Cresta, The Soul Jacket, Phantom Club, Wöyza, Trilitrate, Puerta Sur, Basanta e Lulavai.

Non faltarán as citas tradicionais do Apóstolo, como o Día do Traxe Galego, o torneo de chave, o concurso de ciprínidos, as exhibicións de coches e de traxes de época, o Día de Padrón, as orquestras na Alameda ou as atraccións, que estarán na Alameda ata o 31 de xullo; e tamén outras propostas, en diversos espazos, de música, danza, teatro, deporte, espectáculos infantís, visitas guiadas, circo, etc.

Punto Lila
O concelleiro destacou que haberá un Punto Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais, a disposición de todas as mulleres que se acheguen á cidade ou participen nos festexos. Estará aberto todos os días dende o 20 ao 31 de xullo, en horario de 12:00 a 13:30 e de 21:00 a 01:30 horas. Ademais, a praza 8 de Marzo terá unha iluminación especial durante as festas, e nesa mesma praza, o luns 29, haberá un festival con Lúa Mosquetera, Dj Russinha e Papaya.

Jamila Purofilin, Rey Montesinos, Leilía e Milladoiro
Gonzalo Muíños estivo acompañado na rolda de prensa por catro dos protagonistas das festas: Jamila Purofilin e Rey Montesinos, que ofrecerán un concerto na praza do Toural o luns 22; e Montse Rivera, de Leilía, e Xosé V. Ferreirós, de Milladoiro, que estarán no escenario da Quintana o propio día do Apóstolo, o 25 de xullo.

Jamila Purofilin e Rey Montesinos están xirando co seu espectáculo Alma bohemia, no que interpretan pezas ben coñecidas do repertorio musical cubano. Queren celebrar así os 500 anos da cidade de La Habana.

Foi precisamente na capital cubana onde Jamila, residente en Santiago e xa habitual no panorama musical de Compostela, coñeceu a Rey Montesinos, arreglista de Buenavista Social club durante 13 anos e ex director da orquestra do Club Tropicana, e que leva colleitado premios e recoñecementos durante toda a súa carreira.

Pola súa parte, Leilía ofrecerá en Compostela o seu espectáculo CantarELAS, co que celebran o seu 30 aniversario e no que agasallan ao público cun repaso aos seus temas máis emblemáticos mesturándoos con algunhas novidades. Xunto a elas, estará no escenario da Quintana o grupo Milladoiro, que segue a xirar co seu último traballo, Atlántico, pero seguro que no seu concerto tampouco faltarán as súas composicións máis emblemáticas.

Jul
23
mar
Visita guiada da man de Castelao polas rúas de Compostela
Jul 23 a las 6:00 pm – 7:30 pm

O Concello de Santiago organiza en xullo un novo ciclo de visitas guiadas: ‘Visita guiada da man de Castelao polas rúas de Compostela’.

O enfoque das visitas está pensado para un público familiar, que non precise dun coñecemento profundo da obra e vida de Castelao. Poden participar tanto turistas como persoas que residen en Santiago e queren redescubrir a cidade a través da súa mirada.

As visitas, de balde, comezan ás 18:00 na Alameda, xunto a estatua de Valle-Inclán. Trátase dunha actividade aberta, polo que non é preciso facer reserva previa, pero é recomendable presentarse dez minutos antes no punto de saída.

O itinerario é: parque da Alameda, praza do Toural, rúa do Vilar, praza de Fonseca, praza do Obradoiro, praza da Quintana, Casa da Troia, Casas Reais, praza 8 de Marzo e San Domingos de Bonaval. Ten unha duración aproximada dunha hora e media. As visitas, pensadas no mes de xullo para complementar a programación das festas do Apóstolo, serán os días 7, 9, 16, 18, 21, 23, 25, 28 e 30.

Estas visitas, que contan co financiamento da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e de Abanca, continúan co traballo de posta en valor do atractivo da cidade a través das figuras de escritores e escritoras de relevancia que pasaron parte das súas vidas na cidade.

Jul
25
jue
Visita guiada da man de Castelao polas rúas de Compostela
Jul 25 a las 6:00 pm – 7:30 pm

O Concello de Santiago organiza en xullo un novo ciclo de visitas guiadas: ‘Visita guiada da man de Castelao polas rúas de Compostela’.

O enfoque das visitas está pensado para un público familiar, que non precise dun coñecemento profundo da obra e vida de Castelao. Poden participar tanto turistas como persoas que residen en Santiago e queren redescubrir a cidade a través da súa mirada.

As visitas, de balde, comezan ás 18:00 na Alameda, xunto a estatua de Valle-Inclán. Trátase dunha actividade aberta, polo que non é preciso facer reserva previa, pero é recomendable presentarse dez minutos antes no punto de saída.

O itinerario é: parque da Alameda, praza do Toural, rúa do Vilar, praza de Fonseca, praza do Obradoiro, praza da Quintana, Casa da Troia, Casas Reais, praza 8 de Marzo e San Domingos de Bonaval. Ten unha duración aproximada dunha hora e media. As visitas, pensadas no mes de xullo para complementar a programación das festas do Apóstolo, serán os días 7, 9, 16, 18, 21, 23, 25, 28 e 30.

Estas visitas, que contan co financiamento da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e de Abanca, continúan co traballo de posta en valor do atractivo da cidade a través das figuras de escritores e escritoras de relevancia que pasaron parte das súas vidas na cidade.

Jul
26
vie
Atardecer no Gaiás
Jul 26 a las 9:00 pm – 11:00 pm
De Vacas.

De Vacas.

Atardecer no Gaiás–o ciclo de concertos de balde e ao solpor da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura– vólvelle pór banda sonora ao verán con 20 actuacións ao aire libre todos os xoves, venres e sábados do 4 de xullo ao 17 de agosto.

O cartel deste ano é o fiel escaparate das tendencias musicais actuais. Así, nesas datas, ás 21,00 horas, vaise poder escoitar hip-hop, trap, dance, electrónica, flamenco-pop ou cumbia, que tanto éxito están a ter entre a xente máis nova, aínda que non faltará o pop, o reggae, o indie ou o rock. Ademais, esta edición consolida a aposta polas voces femininas nun abano amplo de rexistros, que vai desde o jazz-soul de Cecilia Krull, que abrirá o ciclo; ao rock das galegas Agoraphobia, hip-hop de Miss Boliva ou os ritmos tropipunkdas Kumbia Queers.

Patrocionada por Cervezas Alhambra e coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas (Inaem), Atardecer no Gaiásé unha das citas imprescindibles e consolidadas da programación de Verán no Gaiás, que conta este ano cun cento de actividades de entretemento cultural, pensadas para todos os públicos.

XULLO

Xoves 4 CECILIA KRULL (MADRID). O primeiro solpor musicado vén da autora e intérprete de My life is going on, coñecida canción da serie de éxito ‘La Casa de Papel’. As súas fermosas melodías entre o jazz e o soul valéronlle Discos de Ouro en Francia e de Platino en Italia.

Venres 5 KUMBIA BORUKA (MÉXICO). Colombia, México e Jamaica unidos polos ritmos desta formación que, tal e como anuncia o seu nome, vai armar a festa no Gaiás! Con cumbia, reggae e salsa cun son moderno e singular.

Sábado 6 LAURA LAMONTAGNE (GALICIA). Sons intimistas en galego e en inglés para deixarse arrolar mentres cae o sol no Gaiás. Unha voz cálida e prodixiosa, que nos fala do desexo, dos afectos e de espazos comúns, onde é difícil non sentirnos nalgún momento reflectidas e reflectidos.

Xoves 11 LABAQ (O BRASIL). Un dos nomes máis recorrentes cando se fala da musica alternativa/pop & indie do Brasil. Esta cantante, compositora, guitarrista e produtora ten a forza e a sensibilidade na súa voz e na súa guitarra eléctrica. Engaiola a súa electrónica envolvente para ouvidos refinados.

Venres 12 EUROPEJSKA ORKIESTRA (GALICIA). Viaxar polos sons da vella Europa desde a Praza central do Gaiás. Un máxico percorrido con música e fanfarria dos Balcáns mentres imos vendo paseniño o agocho do sol.

Sábado 13 SOULMACKLEIN (GALICIA). O que foi membro dun dos grupos máis importantes de hip hop en Galicia, Delahoja, dá o salto en solitario achegándose ao reggae con cancións positivas. Ritmos e letras das que presta escoitar e deixarse levar no verán.

Mércores 17 MISS BOLIVIA (A ARXENTINA). Esta cantante, compositora, psicóloga, produtora e DJ desprega cumbia, hip hop, dance e reggae para denunciar a sociedade patriarcal e promover o empoderamento das mulleres. Unha loita á que se nos convoca bailando!

Venres 19 LADILLA RUSA (CATALUÑA). Letras cargadas de ironía e retranca para radiografar a sociedade a ritmo de electropop costumista arrabaldeiro. Este dúo ten acadados fitos, como colocar algúns dos seus temas entre os máis virais de Spotifty a nivel nacional e superar as 800.000 reproducións do vídeo Macaulay Culkin.

Sábado 20 BETACAM (CANTABRIA). O hiperactivo Javier Carrasco (membro de bandas como Rusos Blancos, Templeton ou Tulsa) transportaranos á escena musical dos 80 con pequenas perlas de pop electrónico de autor, algunhas delas moi New Order.

Venres 26 FLORIDABLANCA (MADRID). Banda sonora que non pode faltar na fin de semana. Cancións de pop vitalista con retrousos pegañentos para dalo todo na pista de baile na que se
converterá a Praza Central do Gaiás para esquecer os malos momentos da semana.

Sábado 27 BERTA FRANKLIN (GALICIA). Chamada a ser a superbanda de Lugo, estes cinco músicos con bagaxe noutras formacións logran un son propio e coidado, que vai desde soul americano clásico aos novos estilos que despregarán para nós na Praza Central do Gaiás.

AGOSTO

Xoves 1 APARTAMENTOS ACAPULCO (GRANADA). Melodías coidadosamente sinxelas compactadas con guitarras e sons de sintetizadores ruidosos, nas que pode albiscarse influencias de Los Planetas. En todo caso, un estilo propio que non nos vai deixar indiferente.

Venres 2 MALRAIO (GALICIA). Coa tensión entre guitarras como fío condutor, as cancións de
Malraio axexan polas cunetas da contemporaneidade. O illamento disfrazado de éxito social ou a cuestionable xestión das crises persoais agroman entre cancións de post rock de amplo espectro. Levan bigote.

Sábado 3 MONTERROSA (MADRID). A canción pop como ferramenta política e artística. Esta é a carta de presentación deste dúo electropop que nos empurra dun xeito irrefreable ao baile e a cuestionar, cuestionarnos e revolucionarnos.

Xoves 8 AGORAPHOBIA (GALICIA). Efectiva mestura de garage, punk rock e indie desta banda de mozas de Boiro, que defenden con soltura nos directos. De aí que non falten en festivais e non paren de recibir eloxios da crítica polas súas cancións redondas, nas que sacan o mellor ruído que levan dentro.

Xoves 9 KUMBIA QUEERS (A ARXENTINA) As raíñas do tropipunk. Son arxentinas, rebeldes e un referente para a comunidade LGBTI con composicións que falan de aceptar o diferente con ritmos cálidos e pegañentos, con máis mensaxe sempre do que parece.

Sábado 10 LAS MIGAS (CATALUÑA). Tras unha xira internacional con Vente Conmigo, seleccionado aos Latin Grammy, esta banda feminina —da que formou parte Silvia Pérez Cruz— volve pisando forte con aires moi flamencos tinguidos de sons electrónicos.

Xoves 15 MARINAH (CATALUÑA). Cocteleira de flamenco, cumbia e trap para darlle ritmos de baile a esta voz feminina e feminista, quen reivindica “sen pausa, pero bailando” derrubar muros, clixés, prexuízos e censuras coas súas letras.

Venres 16 DE VACAS (GALICIA). As brillantes versións melódicas, e en galego, de hits de todos os estilos deste grupo fan imposible que non prefiramos a interpretación aceda e retranqueira das súas letras, antes cas orixinais. Non acompañalas nos retrousos, tamén vai ser imposible.

Sábado 17 BEST BOY (GALICIA). Soul, jazz, bluegrass… desde Tui. Melodías que transmiten boa onda, calma e repouso merecido para despedir os solpores musicados deste verán, tras un cartel no que só nos prestou bailar.