Automatic City porá o punto e final ao Outono Códax 2019

Automatic City. Foto: Yann Charles

A banda francesa Automatic City será a encargada de pechar este mércores, 11 de decembro, a novena edición do Outono Códax 2019, o festival galego de música negra que se celebra como é habitual en Santiago de Compostela, un ano máis, baixo o patrocinio de Martín Códax e coa colaboración de Pousadas de Compostela.

Na que será a súa primeira actuación en España, os franceses inundarán a emblemática Sala Capitol co rhythm and blues psicodélico que os caracteriza e que os converte xa nunha das formacións emerxentes máis destacadas do xénero en Europa.

O concerto -de acceso gratuíto para as e os abonados do festival e cuxas entradas individuais xa están en venda anticipada nos puntos habituais- porá así punto final á novena edición do ciclo, que este ano contou tamén con figuras do talle de Kim Lenz, The Reverend Shawn Amos, Andrew Combs ou Gisele Jackson.

Automatic City selará pois mañá mércores esta novena edición de Outono Códax co que se agarda sexa un dos seus memorables directos. Porque se algo caracteriza aos galos é precisamente a súa incrible posta en escena na que, como a eles mesmos lles gusta dicir, «xogan á súa maneira».

Comezaron tocando versións de blues para ir desenvolvendo pouco a pouco un son tan propio como abraiante, electrificando o blues clásico dos anos 50 e 60 ata a experimentación: un blues emocionante, máxico e tan innovador como liberador (e liberado).

Deste xeito, os Automatic City cruzan liñas, límites e fronteiras incorporando ao seu xenuíno son o seu gusto polo exótico oriental, polo psicodélico, polas bandas sonoras de películas de ciencia ficción, polos ritmos africanos, polos latexos electrónicos.

Os franceses lanzaron o seu álbum debut «One batch Of Blues» en 2016. Ante a súa gran acollida, un ano despois chegou «Bongoes And Tremoloes» e ao Outono Códax chegan co seu terceiro traballo baixo o brazo, «Triple Ripple», co que se espera redondeen a última gran cita este ano co festival galego de música negra.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.