Aula 11: “Hoxe de tranquis é o reflexo da xuventude, do instituto e da vida universitaria”

Con só dous Eps, Aula 11 preséntase como unha das grandes promesas do rock nacional. Letras que contan experiencias épicas e fugaces, guitarras incendiarias e ritmos que non deixan a ninguén cos pés no chan son algunhas das armas deste xovencísimo grupo formado por Guillerme, Eirín, Haime, Juan e Gabi. O seu estilo móvese cómodamente entre o garaxe, o punk-rock e o surf e son, posiblemente, a única banda nacional de garaxe con saxofonista! A primera data da súa xira galega será este xoves, 9 de novembro, na sala Moon de Compostela. Posteriormente visitarán Vigo e Pontevedra acompañados dos canarios Texxcoco, que están en Galicia para presentar o seu último traballo.

Este xoves, día 9, actuades na Sala Moon. Que nos espera nese directo?

Baile, sudor, calor humano, zapatilla, AULA 11 sexy pero vulnerable e moito amor do brutito. É a primeira vez que tocamos en Compostela, así que ídevos preparando!

Din de vós que nacestes para queimar escenarios. Sempre tivestes claro que queriades montar Aula 11? Como comezou a vosa historia?

Nacimos para esto. Todo comezou polo verán de 2014, cando vimos a uns colegas nosos rebentar o escenario do Festival Sereas e Piratas con barra libre. Decidimos que nós tamén o podíamos facer. Así que montamos o grupo como tapadeira, demos un par de bolos e ao ano seguinte queimamos o Sereas e Piratas (con barra libre).

Que agocha esa Aula 11 que vos dá nome?

Turbio, moi turbio, cada día descubrimos cousas novas; peixes de tres ollos, lagartos xigantes, tortugas mutantes e criaturas de diversas índoles.

Presentades o voso EP ‘Hoxe de tranquis’. Vendédeo un pouco! 😉 Por que paga a pena escoitalo?

‘Hoxe de tranquis’ é o reflexo da xuventude, do instituto e da vida universitaria. É o momento que estamos a vivir e que todo dios tamén pasou. É a presentación de todas esas tentacións que se nos presentan onde o  título é o resumo da mentira na que todos caemos ante estas.

As vosas letras están baseadas nas vosas propias experiencias? Que vos inspira?

Baseamonos nas experiencias que vivimos, ou que vemos que lles suceden a outras persoas no noso entorno. AULA 11 non crea un personaxe desligado da realidade dos artistas, ao que lle suceden historias e cuestións existenciais froito da imaxinación do artista. O que sucede é que en AULA 11 somos todos uns personaxes. En canto á inspiración dios lle de ás gracias ao diafragma, definitivamente sen él non existiría AULA 11.

En canto ao estilo músical, movédesvos entre o garaxe, o punk-rock e o surf, pero con saxofonista. Como inflúe no voso son?

Con Gabi todo soa máis sabrosón e espero que isto nos axude a soar nas discotecas de Palma.

Guillerme e Eirín acabades de chegar a estudar a Compostela, que vos parece a escena musical da cidade?

Non estamos moi metidos nesa movida, pero hai un par de grupos que nos flipan.

Cales son os vosos lugares de referencia para comer? Ten Compostela boas opcións para estudantes coma vós?

O rei do bocadillo e a tortilla da Tita sempre cunden pero ningún como a cantina da facultade de matemáticas. O único que lle falta a Compostela é un kebab como dios manda, como o Mama Istambul Döner Kebab de Carballo.