Asistimos ao lanzamento do libro ‘A cuatro voces’

Silvana Lameiro, Ruth Ríos, María Pérez Prol, Jun Fernández e Maria Joao Matos.

A libraría de mulleres Lila de Lilith acolleu a presentación do libro ‘A cuatro voces’, unha obra que recompila relatos curtos das autoras Silvana Lameiro Micciche, Maria João Matos, María Pérez Prol e Ruth Ríos, acompañados polas ilustracións de Jun Fernández. O acto foi conducido pola directora da revista Pincha, Rebeca Munín. 

As catro escritoras coñecéronse en 2014 durante un curso de escritura creativa na Universidade de Santiago de Compostela. Tras realizar diversos proxectos literarios por separado, decidiron unir as súas voces nesta obra. O resultado é un conxunto de narracións diferentes entre si; con temas que van desde o intimista ata o fantástico, a ciencia ficción ou o realismo sucio de personaxes nocturnos e rueiros.

Ao longo dos relatos descóbrense os persoais universos de cada unha: o lirismo con reminiscencias de Virginia Woolf da portuguesa afincada en Compostela Maria João Matogueiras; o mundo fantástico e escuro de María Pérez Prol; os personaxes ao límite e o humor surrealista de Silvana Lameiro Micciche; ou os seres solitarios das hiperconectadas cidades actuais de Ruth Ríos.

Sobre as ilustracións

As autoras quixeron enriquecer a obra con ilustracións para cada un dos relatos; ver como se interpretaban desde outra perspectiva. Foi así como decidiron contar con outra presenza feminina, a da ilustradora viguesa Jun Fernández (1992), formada na facultade de Belas Artes de Pontevedra e en Akademie für Illustration und Design de Berlín, e que actualmente reside en Valencia.

“Para min este libro foi un reto xa que supuxo traballar con catro voces creativas diferentes, pero agradezo moito a liberdade que me brindaron en todo momento”, comenta a ilustradora.

Durante o acto, descubriuse un póster cunha das ilustracións feitas para ‘A cuatro voces’.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.