As pinturas de Ricardo de Barreiro, en Os Catro Gatos

Cheguei cedo e ata a cociña coma sempre! Aínda que sexa un espazo de arte, en Os Catro Gatos hai una cociña. Unha cociña chea de pinturas, que é obradoiro, laboratorio… Que é un espazo privado, pero aberto; íntimo, pero público. Nesta casiña haiche arte ata no baño. Eu fun porque inauguraban unha nova exposición, a primeira do ano. Os “Amores autodidactas”, de Ricardo de Barreiro.

Petri estaba enchendo pratos cunhas deliciosas filloas doces, Inés lavaba vasos e Delio facía un bodegón, non o pintaba, facíao! Diante dalgúns dos seus cadros, colocaba os aperitivos que agardaban aos que ata aquí viñeron a ver os debuxos de Ricardo, que é actor, pero primeiro artista porque pinta! Díxomo el.

Comezou a debuxar en 1997 e é nesta faceta artística onde atopa o seu mellor punto para actuar logo e en consecuencia, mellor! Porque di que é libre, porque ninguén manda nas súas liñas, nin na cor que enche os seus cadros ou na ausencia da mesma.

Nesta exposición atopamos distintos tipos de debuxos, en branco e negro, a ‘boli’ Bic, con frases  sobre un estado emocional, moitas veces insinuantes, emotivas… E lenzos máis grandes, de cores. Eu parei diante dunha pintura dunhas mulleres sen roupa, unhas “rubias de bote”… Non acabo a frase porque xa todos sabedes como acaba o dito… (jajajaja) Delio achegouse para rir comigo pola citada frase e explicoume que o nome do cadro é “As paxaras náuticas”. Ao seu autor gústalle debuxar caras, mans, corpos, sobre todo espidos.

Ricardo de Barreiro contoume que este traballo está dedicado ao seu amor, aos seus amores: a súa parella e ás persoas que levan tempo camiñando ao seu lado, aos que o abrazaron e rodearon nesta aventura. Explica que, sen dúbida, é máis fácil para un artista cuspir nun papel un desamor, que este sentimento, a rabia, a tristeza, o rancor, provocan centos de poemas, cadros, obras, quizás máis que cando o sentimento é positivo, pero que neste caso os debuxos representan a parte máxica dun amor que compara cun océano bravo, que ten altibaixos, que fai escuma, burbullas, que arrastra e envolve, pero que tamén manca e afoga. El tamén é actor, pero sobre todo é humano. A min pareceumo. E máis, podedes comprobalo! Porque fai visitas guiadas do seu traballo, os sábados. (Consultade na web e redes de Os Catro Gatos).

Guillermo, Inés, Delio e Ricardo.

Pola sala andaba o guitarrista Guillermo (o de De Vacas), colocando os seus aparellos para facer gozar coa súa música aos convidados. Nesta casa, insisto haiche moito arte! De todo tipo. Porque xa sabedes que aquí, ademais de amosar obras de distintos artistas e en distintos formatos, hai presentacións de libros, lese poesía e píntase, píntase moito! Porque os pintores que aquí mandan (chisco, chisco), querían un sitio onde poder facelo e onde convidar a outros a pintar.

Vouvos contar que unha vez fixen honor do meu apelido e atrevinme a presentarme temorosa a un dos cursos que nesta sala se fan… Porque en Santiago, temos a fortuna de poder ser libres se queremos, como Ricardo de Barreiro cando debuxa, e en Os Catro Gatos préstannos un sitiño onde facelo, onde selo. É unha sala chea de rebeldes (jajaja), porque ningún dos presentes se asemella ao do lado. Algúns fan trazos perfectos, limpos, outros mesturan moreas de salpicaduras que tinguen un conxunto excepcional, outros máis pintan xigantes, en toda a extensión da palabra…  Eu sempre repito, para que quen non me coñece escriba ben o meu apelido: De pintar, Pintor. A maiúscula neste caso vai para eles, para os pintores que abren a porta en Os Catro Gatos (Inés e Delio) e para Ricardo, polos seus “Amores autodidactas” debuxados e aquí expostos ata o 14 de febreiro.