fbpx
CompostelaDe baresGastronomía

As penas cun bo bocadillo pasan moito mellor!

Dúas propostas de Corrosco. Foto: Iván Barreiro

Din por aí que as penas con pan son menos, pero se por riba no medio do pan lle metes sustancia, non che digo máis! Diante dun mal día, métolle un deses de gordura e sabor,  dos que che nubran o sentido, dos que acaban co enfado e por un instante, só un pequeno intre, mentres che dura na “panza”, a vida vese chea de fartura, feliz! Logo xa o esqueces… (hahaha) Sen dúbida: As penas cun bocadillo pasan moito mellor!

E como os primeiros meses do ano son un pouco de bosta (mollados, fríos, tristes, cheos de luns que duran ata o domingo, de crise económica e existencial e dun longo etcétera de merda)… Recomendámosvos abrir ben a boca e metervos entre peito e lombo un bocadillo dos bos! Dos que deixan K.O. Dos que che fan rir, por odre! E para elo imos falarvos de dúas opcións compostelás: unha nova e unha de sempre.

Pepa Fuertes abriu Corrosco na rúa de San Pedro o pasado agosto. Foto: Iván Barreiro

En Corrosco, na rúa de San Pedro, acaba de aterrar Pepa Fuertes. Ferrolá de nacemento, picheleira de adopción. Veu estudar á Barcia e xa quedou namorada desta cidade e logo de traballar e traballar, segue traballando… E por riba, lánzase á piscina de montar un negocio. Porque ademais de ser unha namorada da boa gastronomía, aínda que hoxe, ás veces, a gastronomía teña un punto de pretensiosa, di que “é ARTE suprema! Nutre, dáche vitaminas, minerais e todo o que necesitas para alimentarte. É arte que consumes no momento. E hai público para todo! A comida permíteche darche un bo momento, máis accesible, sen facer tanta inversión, coma nunha unha viaxe, por exemplo”.

Está convencida de que cada un de nós ten un local á medida, aí está o seu nicho de mercado. Ten unha frase elegante e diferencial, que lle gusta repetir: “A miña é unha cociña gourmet entre pans”. É unha gran entrada. Como a de Corrosco, con esa cortina aveludada, de cor ouro-mostaza, que che convida a probar un bocadillo de polo rebozado con nachos, guacamole e cebola acaramelada.

Leva xa seis meses cunha vida que transcorre a saltos. Porque Pepa é coma os seus bocadillos, especial, diferente, deliciosamente emprendedora, riquiña, como a vosa revista: Pincha! E abriu Corrosco no mes de agosto de 2022 porque lle vía presente e lle ve futuro.

“Hai unha tendencia a pedir comida caseira, accesible, para comer no día a día. Xa deixamos parte do noso presuposto para ter unha experiencia culinaria! Corrosco é un local cun deseño moi persoal. É un lugar informal, onde comer rápido e rico. Acolledor! Unha mestura de sabores, orixinais, nosas! Non facemos ningún bocadillo que a xente poida atopar noutro local. Situámonos nun punto medio, para a xente que se quere dar un premio, unha experiencia de comer algo bo, sen ter que deixarse moitos cartos. Para cando estás farto do mesmo. Nunca imos sacar bocadillos normais. Non me motiva! O bocadillo é a comida que ten máis posibilidades de remexedura de sabores novos. Temos un de escalivada. Hai opcións vexetarianas, sen glute. En Corrosco collemos un produto de referencia coñecido, como o lombo, o raxo, pero non facemos un bocadillo ao uso, mesturamos sabores típicos doutras rexións de España ou doutros países. O de lombo de porco leva sobrasada de Mallorca, mel de flores, ensalada agridoce… O de raxo leva crema de queixo afumado, marmelada de pementos fritidos e un macerado caseiro. Temos un bocadillo de pescada! E quen o proba, repite. É para xente con curiosidade. Ten un rebozado con cervexa e unha salsa tártara caseira e unhas conservas en vinagre feitas por nós!”.

– Entón, querida… -“Encántame a comida!!” Correto! (Sigo rindo).

“Quería ter un laboratorio gastronómico, onde poder probar cousas novas. Quería saber o que era ter a miña propia empresa. Gústame moito a hostalería, ver á xente gozar cunha experiencia. Teño carácter servizal. Vimos a necesidade no barrio de crear cun lugar onde pedir ou coller algo informal e levalo para a casa. E aínda que hai moita oferta moi boa, non había practicamente ningún local para coller comida e levar camiño da casa, dende Concheiros ata Cervantes”.

Carlos, Víctor e Miguel, na barra de O Rei do Bocadillo. Foto: Iván Barreiro

O Rei do Bocadillo

E se agora e se falamos dun clásico? O Rei do Bocadillo! Non pode fallar. Pero hai alguén en Santiago que non comera un aí, ou? Vale, pode haber xente que vaiamos máis por polo asado, pero é que os seus bocadillos de tortilla, calamares, xamón asado, milanesa de polo… Levan 40 anos facéndoos, alimentando e coidando os nosos bandullos! Un negocio familiar, onde pai, nai, fillo e tío comparten apuros, anécdotas e malos tragos, como foi a pandemia.

Miguel Viaño é de Ames e o seu cuñado Carlos é de Negreira. Fixéronse socios no 1982 cando colleron este local. “O local era dun tío meu, tíñao alugado e non estaba contento e decidimos collelo. Xa se facían bocadillos e nós continuamos. Cos polos empezamos a finais dos 80. Este asador de gas que temos agora comprámolo no 92, en Madrid, e fíxate xa choveu algo! Xa me daba pánico daquela que nos cambiara o sabor… Pero saíu moi ben. Debeu de ser o primeiro asador deste tipo que chegou a Santiago”.

En O Rei do Bocadillo só podes coller o bocadillo para levar, coa pandemia quitaron as mesas, pero na cafetería Lembranza, de lado, podes comelo. Tamén teñen pratos combinados, para levar e para tomar. -Quen é a vosa clientela, Miguel? –“Haiche de todo: universitarios, amas de casa, traballadoras/es que non teñen tempo de cociñar, familias na fin de semana… Todos son fieis! E moi raro que non repitan. É unha vantaxe deste negocio. Hai xente que viña xa de estudante, hai 30 ou 35 anos, e agora veñen os fillos e, en breve, virán cos netos!”.

Víctor, o seu fillo, xa case leva 20 anos no negocio tamén! Cando chegamos facer a foto están ao lío. A dona de Miguel, Lucía, está acelerada na cociña. Son as dúas en punto. Haiche tráfico de bocadillos. Recibe unha chamada e explícalle que é mellor reservar o polo con antelación, porque a esa hora é raro que haxa xa!

“Non temos unha produción que se programe. Temos o que temos e cando se acaba, xa non temos. Non quedan polos dun día para outro. Hai días mellores, días peores. O mellor son os clientes, sempre! Son os que manteñen os negocios. E o peor é o horario e tes que estar presente, pendente… E abrimos todos os días. É difícil atopar un día frouxo para pechar… Somos cinco autónomos. Creo que estamos traballando máis agora que antes da pandemia. Aumentou a demanda de comida para levar para a casa, os nosos prezos non son elevados e facemos todo no momento. A verdade que pouco menos que me asombro co local e a cociña que temos, todo o que sae e como sae! Asómbrome da mecánica que conseguimos. O polo vén de Ribadulla. E a alma mater da cociña é a miña muller! Levamos coa mesma panadería dende sempre, traen o pan recen feito, no forno de leña. Como se me xubilen, a ver que fago!”.

-E cando te xubiles ti, Miguel? “Cando nos xubilemos… Eu xa fixen 70 anos… Coidar da horta! Quedarán os fillos, se queren seguir. Veu unha nai cun cativo e contábame que lle dicía o neno: Ten que ser polo con patacas fritidas e ten que ser de aquí! Porque se van a outro sitio, a verdade xa distinguen que non é de O Rei do Bocadillo… E non temos ningún segredo! Botámoslle unha salsa, que fai Lucía, para diferenciarnos”. -Non quedaremos sen bocadillos, ou? Parece que O Rei bo Bocadillo leva reinando 40 anos nin tan mal!  –“Pois, parece que gusta e que repiten, está claro!” .

Porque “é fácil de comer, rápido de facer, é cómodo e sacia!”. Porque “é unha boa solución cando tes fame e gañas de comer”. Porque é sumamente satisfactorio comer un bo bocadillo. Ñam! Dos que te agarima por dentro. Buah!! Que abres a boca ben grande… JAM!! E quedas ben cheo. Porque se o pan quita as penas, mételle un bocadillo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.