fbpx
CompostelaReportaxes

As fotos que van en busca dos fotógrafos…

Sandra Alonso en plena acción na Praza do Obradoiro. Foto: Iván Barreiro

As mellores fotos son aquelas que atopan aos fotógrafos. Son documentos, episodios, instantes, feitos reais, soños, logros; son felicidade, intriga, tristuras; son morte e ata o que hai detrás dela! Por iso, as de verdade son todas de fotógrafo(a) profesional. Perdemos moito tempo disparando flashes… E nesa perda de tempo a imaxe reflectida na pantalla perde valor. Durante esta reportaxe Sandra Alonso lamentou que “curiosamente nun momento no que tantas imaxes se fan, os fotógrafos semella que somos os que menos temos dereito a facelas”. Dá para reflexionar.

Denís E. F. díxome que metín pouco o dedo na chaga, que non preguntei polos egos, que non me metín no centro da cuestión. Pero coñecín un chisquiño máis ese universo que hai tralo seu obxectivo. Un escudo que lles protexe e separa do obxecto que retratan, da realidade da que falan, da estampa que constrúen. Conseguen que un momento irrepetible quede en papel para sempre. É maxia! Pero hai que pagalo! O seu é traballo tamén! E ten prezo.

Como empezou Denís? “Foi en Portugal, no 95, nunha excursión. Unha persoa deixoume unha cámara de carrete e fixen unha reportaxe da xornada. Anos despois caeu nas miñas mans unha cámara herdada do meu pai: unha Nikkormat! E aí empecei, indo a Tino Martínez a comprar os carretes, indo a revelar, investigando pola miña conta. Fun moi autodidacta e mal estudante”. (Sorrí!)

A carreira de Iván tamén comezou sen querer, querendo… “Sempre me gustaron as fotos de albumes familiares. Aquelas fotos dos meus tíos, de miña nai, en branco e negro… Botar horas mirando para elas, documentos da vida real… Tiña libros de fotografía. E cando tiven idade, nun aniversario pedín unha cámara compacta. Anos despois, un amigo desfíxose de todo un equipo e regaloumo, basicamente aí empezou todo! En Mestre Mateo coincidín con Denís”.

Considéranse fotógrafos de rúa. Denís fai fotografía técnica de urbanismo, de restauración. Di que de estudo ten pouco. Defíneo como un traballo moi metódico, traballa só, cuns tempos, pero con liberdade. Pero tamén ten parte de traballo artístico, que lle “alimenta a alma”. Que é ben diferente da parte que che dá de comer.

Iván di que hai rutinas, “por exemplo cando fago as fotos para Pincha, aclimátaste a unhas pautas. É mecánico, pero o escenario sempre cambia. –A luz cambia!, engade Denís-. O bonito deste traballo é iso”.

“Unha boa foto de rúa, require horas na rúa… Posturas raras, cargar, moverse moito, horas de estar pendente. A parte dura non está editando nunha pantalla, está no directo, en non perder o momento. Unha obra cambia a diario. Unha entrevista dura unha hora. Ten un punto de tensión este traballo. Tratar coa imaxe da xente é difícil… Tratar con xente é difícil. (Rimos!!!) Non temos unha base de cultura visual. Pero cando estudas imaxe: Ves cousas que antes non vías! O encadre, a composición, como están colocadas as imaxes, as cores, as letras… -É control mental!, sorprende Denís-. (Gargalladas limpas) Calquera foto do Instagramten máis reaccións, que unha foto ben composta que poidamos facer nós. O mundo da imaxe está subxugado ao éxito. A xente quere éxtase, pracer, estrés, con retentiva mínima… Non queremos ver. Só miramos. A imaxes son como drogas. Son disparos. Creo que non é necesario que o vexamos todo neste mundo…”.

A foto favorita de Denís, a primeira que collería, para saír correndo da casa e deixar todo atrás é unha da súa muller. “Nin sequera me está mirando, non é un retrato, pero é ela. Esa cara despreocupada, que non está, un momento. É María. É insuperable”. Tamén describiu outra foto duns rapaces subindo por unha ponte abandonada de ferro, “moi alto, duns doce metros… É de hai moitos anos. Eles non me prestaron atención. Daquela non tiña ninguén necesidade de saír nas fotos, non é como agora. Antes estábamos máis na sombra”.

As de Iván son as familiares. “Estean ou non estean ben feitas, estean ou non estean ben enfocadas. Ou estean ou non estean ben expostas. Son as miñas favoritas. Son as que me vou quedar. Sobrevivirán a moitas xeracións”. Falou ademais dunha que fixo estando en Mestre Mateo, venres, 8:30 da mañá, clase de debuxo, inverno, non había ninguén na rúa. Chovía. “Eu estaba fumando un pitillo. Foi unha foto preto da cociña económica. Aí entendín o que é facer fotos. É simplemente unha fila de paraugas, todos veñen cara a cámara, menos un que cruza por enriba de dereita a esquerda… Imaxinei a foto. Foi como se me anticipara. Fixo clic algo na miña cabeza!”.

Eles din que foto hai que buscala, hai que saír a encontrala. Ás veces atópate. As fotos xorden. Facer fotos ten un punto de maxia. A cámara separa a parte emocional da persoa, para que o fotógrafo(a) profesional faga o seu traballo. Ver a través do obxectivo, protéxeos. Sálvaos do que ven, ás veces. Desvincúlaos e abstráeos do que están vendo. “É perigoso porque cando estás sacando fotos, ás veces, non ves o que hai ao teu redor, podes caer, chocar. Hai que moverse lentamente, como un gato, para evitar descalabrarte”...

Á venda

Amaia Roldán é de Pamplona e leva seis anos en Compostela. Traballaba na hostalería alí, tivo un negocio durante case 15 anos. Facendo un máster, coñeceu aos mozos do Abastos 2.0, cando daban clases alí, e ofrecéronlle vir en verán traballar e aquí quedou. Ten unha pequena tenda especializada en fotografías na rúa Ameas, nun dos postos da praza de abastos, chamada Cuarto Pexigo. “Cando se traspasou o posto nin mo pensei. Santiago é moi fotoxénico, é fotografía pura! E a foto é algo fácil de transportar, de almacenar e dende que cheguei á cidade, coñecín moitos fotógrafos e músicos (Risas)… Ás veces non sabes moi ben por que vas facendo as cousas. Pero foi moi fácil empezar a traballar, foi sinxelo ter material para vender. E ter un espazo de residencia axúdame a que poidan vir fotógrafos de fóra. A primeira foi Marisa Manchola, unha artista visual e fixo pequenas composicións. Veñen, desenvolven o seu proxecto aquí, inspíranse coa cidade! Intento que todo teña relación con Santiago. Deixan un traballo exclusivo”.

Ten traballos de ao redor de 15 fotógrafos. “Traballos que eses profesionais ao mellor nin se pensaron nunca levar a unha galería. Series limitadas, moi pequenas. Hai moita xente namorada de Santiago”.

Amaia, que na familia ten vena artística, é consumidora de fotografía, de libros de fotografía… Sempre lle gustou. “Pola tenda ven moita xente nova, estou moi contenta! Cada vez entenden máis de fotografía e preguntan moito, sobre todo mozas. Interésanse por como se fan as imaxes. Os collagespuxéronse moi de moda, teño traballos de Lara Lars que ten os seus afeccionados… Preguntan polas fotos en branco e negro, as analóxicas, cada estilo ten o seu público. Hai turistas tamén. Darlle valor á arte é complicado… Hai un abuso de imaxes, todos sacamos fotos, entón valorar o traballo dos fotógrafos, resulta difícil… Pero se ti explicas a historia da fotografía, como foi sacada, a traxectoria do autor… A xente valórao. Teño público local. Fago moito envío. A xente regálaas! Tento que as persoas poidan coleccionar series a prezos accesibles”. Ten uns paquetiños sorpresa, que levan unha fotografía dentro que descoñeces ata abrir o sobre na casa… A maxia das fotos.

Cuarto Pexigo. Foto: Iván Barreiro

En prensa

Antes de conseguir ver a Sandra Alonso vin a Mel Gibson! Alí estaba ela a quendas, cun compañeiro (Paco), diante do Hostal dos Reis Católicos. É fotógrafa de La Voz de Galicia. Logo seguina pola zona vella, ía facer fotos dun concerto do Feito a man.

Fixo Ciencias Políticas e despois fixo o máster de Medios de La Voz de Galicia. E foi un dos seus profesores o de fotografía, Xurxo Lobato, o que a animou a lanzarse de cheo neste universo.

Como é o traballo dunha fotógrafa de prensa? “A parte de imprevisible, de sen horarios, de complicado de organizar… (Ri) Porque a actualidade é como é. Hai partes do traballo que non me gustan, os sucesos, que vas só… Cando morre un neno, cando hai un asasinato, un accidente… Aínda que coa cámara non o ves igual, porque a cámara protéxete moito. Non estás no mesmo plano. Faime de parede. Mantente á marxe. Faite ser obxectivo. E eu que me involucro moito coas cousas… Hai momentos importantes para un fotógrafo, porque te enfrontas a unha situación moi dura, que tes que xestionar e xestionar posteriormente. Hai cousas que pasan no mundo que hai que ver e nós traballamos para que as vexan! Situacións de desesperación que teñen repercusión e alcanzan unha solución”.

De todas as fotos que tes, poderías escoller unha? “Son vinte anos facendo moitas fotos… Pero para escoller tería que pensalo moito. Unha non podería, sería limitarme moito! Cada vez que ves unha foto, aínda que pasara moito tempo acórdaste perfectamente do que estabas facendo, do que fixeches antes… Non son demasiado apegada as fotos do traballo, non lles collo demasiado agarimo. Tes etapas que che gustan moito, que che deixan de gustar, que as farías doutra maneira… Non teño ningunha foto na casa! Nin Álvaro o meu marido tampouco e é fotógrafo! (Risas) Aínda que hai unha foto do ano dos incendios, aquel agosto, un ano tan duro, un inferno. Non te dabas quitado o olor a fume… E fixen unha foto: Era unha moza mollando a parede da súa casa coa billa da ducha do baño… Que máis podía facer ela ante a situación!!”

Fas fotos na túa vida privada? “Procuro non levar a cámara no meu tempo libre, non é que non me apeteza facer fotos, porque sempre hai fotos para facer, pero necesitas descansar, vén ben parar. Mirar con perspectiva. Máis que buscar fotos, gústanme esas fotos que me encontran. Porque son fotógrafa, hai fotos que non poido evitar facer! Os fotógrafos de prensa local somos todoterreo. Fago fotografías de fochas, de partidos de fútbol, de cuestións políticas, cuestións sociais… E fágolle fotos aos meus fillos, claro que si. Pero as veces hai que parar”.

Non poido rematar estas letras sen escribir: Suso Rivas, Ramón Yosimura, Eutropio Rodríguez, Fernando Blanco, Tino Martínez, Alberto Novoa, Esteban de la Iglesia, Manu Suárez, Jesús Madriñán, Fuco Reyes, Valentín Varela Iglesias, Andrés Cisneros e Ksado, todos eles nomes propios da fotografía en Compostela.

As fotos extraen presenzas, non só obxectos. Transmiten a veracidade dun momento. Así que menos fotos e máis fotógrafos!

A meu irmán: Nunca deixes de premer o botón!

Denís e Iván na súa época de estudantes de imaxe na Escola Mestre Mateo.