fbpx

As festas do Entroido volven ás rúas tras un ano de parón co tradicional desfile do Meco, actuacións musicais, atranques e pasarrúas

Imaxe do Entroido 2022

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou este martes a programación do Entroido en Compostela que pouco a pouco volve á normalidade tras un ano de interrupción por mor da pandemia. Ademais das múltiples actividades que se desenvolverán polas rúas de Santiago, o Meco subirá ao Pazo de Bendaña este sábado para presidir unha celebración que se prolongará ata o mércores 2 de marzo, cando o boneco arderá na praza Roxa. Por contra, o tradicional desfile da tarde do martes de Entroido queda suspendido a consecuencia dos efectos da sexta vaga.

O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a presentación dun amplo programa de actividades que por segundo ano consecutivo prescinde do tradicional desfile do martes de Entroido xa que “se ben é certo que actualmente as cifras da sexta vaga xa foron descendendo, no momento no que tivemos que tomar a decisión, estabamos no peor da mesmo”, explicou o concelleiro de Festas, que tamén aclarou que “se falou con algunhas das asociacións que soen participar, que nos indicaron que non tiñan nada preparado e non o ían facer por mor da incerteza reinante nese momento”.

Entroido nas rúas

O programa de Entroido arrancará o sábado 26 de febreiro ás 20:00 h da tarde co desfile do Meco que percorrerá a rúa Nova e a rúa do Vilar ata a praza do Toural, onde o Meco quedará presidindo as festas ata o día 2 de marzo dende o Pazo de Bendaña. A subida o Meco ao pazo virá acompañada do pregón a cargo de Virus e Vacina (Lucho Penabade e Mónica García).

Ese mesmo sábado, pero pola mañá, terá lugar no Espazo Apego do Ensanche un obradoiro impartido pola Asociación Semente Compostela na que os máis pequenos poderán aprender a facer o seu propio chapeu de Xenerala. A actividade, que está pensada para crianzas de 3 a 8 anos, é de balde pero necesita de inscrición previa en delingua.santiagodecompostela.gal.

Tamén ás 18.30 h a Agrupación folclórica Colexiata de Sar pecorrerá as rúas de Santiago dende a praza Roxa ata a praza de Cervantes amenizando á veciñanza con músicas e cantares da comarca compostelá. Os pasarrúas continuarán o domingo o luns e o martes.

O domingo 27 a festa correrá a cargo de Os Conformistas de Conxo, que entre as 10.30 e as 15:00 h se deixarán ver e escoitar por Conxo, o Ensanche e a zona vella.

O mesmo día ás 12:00 h, os Títeres Cachirulo levarán “As Xeneralas da Ulla” á praza do Toural e a esa mesma hora terá lugar unha actuación de rúa a cargo de Latexo Percusión na praza Roxa e na Alameda. Ás 12.30 h o casco histórico recibirá a visita dos entroidos de Vilariño de Conso e de Santiago de Arriba (Chantada).

Xa pola tarde, ás 17.30 h, a parroquia do Eixo acollerá o desfile dos xenerais da Ulla e máis o coro de bonito, que rematará nos atranques dos correos e xenerais ás 19.00 h no Campo de Santa Lucía. Previamente, ás 6 da tarde, será o turno da Mekánika Rolling Band, que estará acompañada pola Asociación A Ruliña.

O luns terá lugar a actuación da charanga BB+ no Casco Histórico a partir das 6 da tarde, e o martes, da charanga OT e da comparsa Armatroulas de Laraño. Ás 19:00 h, Cantigas e Agarimos animará a rúa de Muros e Noia e a rúa Costa da Morte cos Bailes no Entroido.

O punto final a estas festas terá lugar o mércores 2 de marzo coa Queima do Meco, como sempre, na praza Roxa ás 9 de noite. Antes, o cortexo fúnebre acompañarao dende o Pazo de Bendaña, iso si, de rigoroso loito.

O concelleiro Gonzalo Muíños durante a rolda de prensa de presentación

Actividades nos Centros Socioculturais

O programa complétase coas actividades de Entroido que preparan os Centros Socioculturais e cunha última xornada festiva o día 5, o sábado de piñata. Ás 12:00 h terá lugar o atranque das xeneraliñas: as crianzas ataviadas como Xenerais da Ulla, cos seus cabaliños de pau percorrerán o casco vello dende Santa Clara ata a praza de Cervantes cun desafío rimado. Acompañará a comitiva a Choqueira.

Tamén ás 12:00 h pero en Conxo, as comparsas do barrio botarán regueifas e coplas na praza de Aurelio Aguirre, con entrega de premios aos mellores disfraces de sombreiros, concurso de filloas e orellas.

Por último, ás 19:00 da tarde poderase desfrutar dos entroidos rurais en Compostela, neste caso a cargo do Grupo de Baile e Música tradicional Brincadeira.

Toda a información do programa está disponible na páxina web municipal e nas redes sociais do Concello.