fbpx
De baresGalicia

Arzúa cos seus queixos e as súas cousas!

Son unha supervivente de Arzúa e a súa Festa do queixo!! Non vos riades que é todo un mérito, tendo en conta que ía un airazo e facía un tempo ‘malírmo’. Pero aínda así, como cada ano, miles de crentes e fervorosos devotos do queixo Denominación de orixe Arzúa-Ulloa e asiduos dos bares, concentrámonos na feira deste concello veciño de Santiago e ‘rockeamos’, bailamos e cantamos ata quedar sen voz! E comemos e mercamos queixo, ou?!

Polo escenario da super carpa, habilitada para non mollar a cachola, pasaron No Craft, Ilegales, Sidonie, Rosa Cedrón, Son de seu, a banda de música arzuana e os ‘diyeis’ David van Bylen e Juan Reich, localmente coñecido como ‘Bambas’. Pero houbo moito máis! E é que hai un dito que se reproduce continuamente entre os arzuanos cada vez que hai una festa, cada vez que pasa algo, que xurde un acontecemento ou que hai algunha novidade na vila: “Arzúa cos seus queixos e as súas cousas!” Todo pasa aquí e ti perdíchelo, pero tranquilo: o fin de semana que ven é a Feira cabalar e en abril a Festa da gaita e logo xa ven a Semana Santa, o verán e estame doendo a cabeza só de pensalo!! (Jajajajaja)

Vouvos contar que en Arzúa hai moito que facer, é un concello propio para o turismo rural, pero agora mesmo voume concentrar na súa actividade hostaleira, nos bares vaia! Eu quedeime na pensión Domus gallery, porque sabedes que por aquí pasa o Camiño de Santiago e hai numerosos albergues e pensións. Este abriu o ano pasado, é una casa reformada con once habitacións, vestidas pola pedra das súas paredes e que, aínda que non ten as vigas orixinais no teito, conserva parte da estética das casas antigas galegas, cun toque moderno. Cóntovos isto, porque paga a pena que cando vaiades a Arzúa, botedes dous días polo menos!

Na estrada xeral dirección Lugo, atoparas numerosos bares. Despois da parada do Freire, tedes o Estanco, pedídelle a ‘Treisi’ (non me preguntedes porque lle din así, porque non son de alí, só fun á festa!) que vos faga un café. Din que é dos mellores que se serven na contorna! Pasando a alameda, parade no Praza, Pili fíxonos un pinchiño, o venres, con xamón, queixo e filloa, porque o petou coas tapas, (e que tamén houbo concurso de petiscos pola Festa do queixo. E por certo, gañou Casa Chelo, un sitio onde tamén se come ‘moi bien’!). Neste local hai numerosas actuacións ao longo do ano, eu xa escoitei alí mariachis e todo! Mola!! Máis adiante, cruzando a rúa a esquerda, tes o Mario, botan música moi rockeira e as hamburguesas son grandes, grandes! (Aínda que Jose máis eu aquel día, ben comíamos outra! Jajaja) Se segues por esa man, darás co Pedrito. Por favor, pregunta por Celsa, toma un chupito de licor café e mira de cando en vez que concerto fan, porque neste local tamén hai movida. Continuamente teñen pinchadiscos locais, poñendo a tope o ambiente ou grupos galegos tocando. Eu ata celebrei un cumpreanos con música e petiscos!! (‘Lo petan’! Chisco, chisco!). Volve cruzar a estrada xeral á esquerda e vai o Manolo (gracias Pili por aguantarnos), tómalle algo, bota unha conversa, coñece á xente de Arzúa e volverás. Ou se cadra xa quedas! O seguinte é o Luis, Mari e Julio moito nos agariman tamén! Ata lle puxeron a Cris outra tapa, porque non lle gusta o queixo. En fin, máis adiante o Encontro, o Chacala e na xeral, indo xa en coche -ou andando se ves que tal- logo dunhas curvas, hai un desvío á dereita que pon Ribadiso e vas dar a O Chiringuito de Pura (a nai de Patricia e Iván, de mote Chiringuito e Chiringuita, respectivamente! Jajajaja Son os meus ‘amijiños’), pero aínda non abriu. Xa vos avisarei!

Home, se ides, aínda que non sexa a Festa do queixo, non deixedes de mercalo, facede o favor! Eu este ano merquei o queixo fresco da Queixería Castelo de O Cebrerio (Lugo), super cremoso, e o Galmesano que está de morte súbita por lambona! Cousa rica. Pero o meu favoritísimo é o de Bama.

Pensaredes que é un absurdo toda esta descrición, pero o mellor que ten Arzúa é a súa xente. Eu teño primos e bos amigos. Xa é unha parada obrigada se vou cara Melide, Palas ou Lugo. E vou a propósito, porque a actividade hostaleira ‘éche mucho’!! E nas festas xuntámonos os de alí e os que imos á festa: veñen os Bilbao e Vitoria ou de máis ‘lonxírmo’ como Riotorto, A Pontenova e A Estrada (chiste local, non poido contalo todo!! Jajajaja).

Só un último apunte. É verdade que durmo máis na casa dos pais de Ángel (o marido de Eva, a miña mellor amiga) que en ningunha pensión, pero porque Arzúa ten moito queixo e moitas cousas!! Ide á festa e ao queixo!! Ou de bares. Eu apúntome, xa o sabedes. Coas de Pincha non hai fallo! 😉