fbpx
GaliciaNovas

Arzak, Martin Berasategui e Jordi Cruz, entre outros Estrela Michelin, apoiarán en Negreira a causa da Asociación Anxiños

Roguelio Rial con Martin Berasategui. Foto: Facebook Casa Barqueiro
Roguelio Rial con Martin Berasategui. Foto: Facebook Casa Barqueiro

Negreira converterase este maertes, 16 de abril, na capital española da gastronomía, ao reunir a cociñeiros con 29 Estrelas Michelín, nun xantar solidario organizado polo Restaurante Casa Barqueiro baixo o título ‘Estrelas Solidarias no Camiño de Santiago’.

Teñen prevista a súa asistencia, entre outros, Arzak, Martin Berasategui, Jordi Cruz, os irmáns Torres, Eneko Atxa, Paco Roncero, Nacho Manzano e Pedro Morán. No acto tamén participarán relevantes personalidades do mundo social e artístico. Será un día de festa no que na parte musical teñen comprometida a súa intervención a cantantes María Berasarte e Huecco.

Os beneficios do evento promovido polos irmáns Rial destinaranse a Anxiños, fundación integrada en FEAFES, Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia.

No acto poderán participar 300 persoas de forma presencial, abonando un entrada/menú/achega de 50 euros desde a plataforma de ATaquilla de ABANCA.

Tamén poderán contribuír cantos aínda non podendo acudir desexen facer a súa achega a través da conta bancaria habilitada para o efecto. Os ingresos á MESA CERO deberán facerse mediante transferencia bancaria á conta “ASOCIACIÓN ANXIÑOS”: ES77 0081 0499 6100 0197 5902

A Asociación Anxiños dispón na provincia da Coruña de dúas Escolas-Fogar para nenos e adolescentes con trastornos psiquiátricos, situadas en senllas Casas Reitorais, unha en San Mamede do Monte, no Concello da Baña, e outra en Santo Tomas de Cruxeiras ,no Concello de Ames, cedidas polo Arcebispado de Santiago.