fbpx
CompostelaEntrevistasGastronomíaNovas

Arturo Salano, chef de A Lareira: “Para que un prato funcione inflúen os cinco sentidos”

Por Rebeca Munín 

Arturo Salano, no interior do seu restaurante en Compostela, A Lareira. Foto: Iván Barreiro

Arturo Salano é unha persoa valente. Vénlle quizais da súa familia, natural de Ortoño (Ames), que como tantos outros galegos e galegas do século pasado, decidiu emigrar a América buscando unha vida mellor. Alí, no Brasil, naceu el, formouse en hostalaría e forxou unha exitosa carreira como chef, poñendo en marcha varios establecementos e participando como cociñeiro en numerosos programas de televisión. 

Cando as cousas comezaron a ir mal debido á pandemia, non se amedrentou. Colleu as maletas e regresou ao país de orixe do seu avó para comezar unha nova etapa en Compostela. Arturo recoñece que a idea de volver sempre estivo na súa cabeza e, cando seu fillo maior, agora estudante no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, propuxo facelo, non o dubidou. Así, con cincuenta anos e toda unha carreira feita ao outro lado do Atlántico, chegou a un Santiago onde ninguén o coñecía en maio do 2021. Sen perder tempo, buscou un local e apenas fai sete meses, abriu A Lareira na rúa de San Clemente.

Que balance fas destes sete meses de traballo en A Lareira? Que tal vos recibiu a clientela?

Aínda estou un pouco ‘perdido’ no sentido de todas as cousas administrativas que hai que facer, pero teño un sentimento de felicidade, de estar ben, contento… Aquí hai moita seguridade. É moi distinto a Brasil.

En canto á clientela, tiña moito medo de non dar cos sabores que gustasen, que a xente non viñese ou, se o facía, que non volvese. Porque si, os turistas son moi importantes, pero están catro ou cinco meses. Eu entendía que o gran público de A Lareira tiña que ser o santiagués. 

Como definirías o teu estilo de cociña?

É un estilo nada complexo. Creo que as comidas máis sinxelas, máis rápidas, á grella… danche un frescor, unha viveza nos sabores… Consegues facer boas combinacións sen complicar a cociña.

Que é o que che ‘namorou’ desta profesión?

Ensinoume miña nai, que quixo que aprendera de todo da casa, a limpar, a pasar o ferro á roupa… Logo cando entrei a estudar na facultade de gastronomía, aprendín que cos pratos podémonos comunicar. Por exemplo, eu teño que estar ben para cociñar, porque se estou enfadado ou triste, a comida non sae igual. 

Es moi exixente co teu traballo entón?

Si, hai que selo. Pensa que gastronomía é a única actividade na que usamos os cinco sentidos. Todo inflúe en que un restaurante vaia ben. Ás veces estás nun sitio e non sabes por que, pero non estás ben. E podo ser a música, ou a iluminación, ou o olor… Aquí buscamos que se dea esa maxia, que o que facemos funcione para todos os sentidos. 

A Lareira

A Lareira abriu as súas portas na rúa de San Clemente, en Santiago, o pasado 28 de outubro de 2021. O seu propietario, Arturo Salano, era un coñecido chef en Brasil, onde rexentaba un gran restaurante e era un habitual dos programas de cociña da televisión do país. Mais coa chegada da pandemia, decidiu regresar a Galicia, de onde emigrara seu avó hai máis de medio século. 

Na páxina web de A Lareira defínense como un negocio familiar, un lugar de reunión e encontro. Por iso na súa carta todos os pratos pódense poñer para compartir. 

A base da súa cociña é a carne. Son especialistas en entrecostos, costeletas e picañas. Ofrecen, ademais, como prato estrela da casa o ‘Tomahawk’ de tenreira, que é un corte de aproximadamente 1,3 quilogramos, único en Santiago. Todas estas propostas van acompañadas de patacas rústicas, ensalada, vinagreta, farofa e pan.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.