fbpx
CompostelaEntrevistas

Artur Trillo, director de Talía Teatro: “Necesitamos programacións estables nos teatros para atraer a máis público”

Por Rebeca Munín

Representando 'O Servidor de dous amos'. Foto: Iván Barreiro
Representando ‘O Servidor de dous amos’. Foto: Iván Barreiro

Talía Teatro cumpre neste 2018 trinta anos enriba dos escenarios. Naceron no 1988 como unha compañía afeccionada e foi no 1996 cando se converteron en profesionais. Para celebralo, están a xirar – despois da súa estrea en Santiago no mes de febreiro – cunha nova obra: ‘O Servidor de dous amos’. É unha revisión dun clásico da Comedia da Arte italiana, obra de Carlo Goldini, que dirixe Diego Rey. Ademais, teñen por diante organizar unha boa festa! Pero antes, virá a súa participación na gala dos XXII Premios de Teatro María Casares, o próximo 21 de marzo en A Coruña, e a conmemoración do quince aniversario da estrea de ‘Bicos con lingua’, a súa obra máis exitosa, que se representará o 25 de abril na nosa cidade.

Por que quixestes celebrar o voso trinta aniversario con esta obra, ‘O servidor de dous amos’?

Buscabamos un espectáculo cun elenco numeroso para que dalgunha maneira todos estiveramos involucrados no proceso. Canta máis participación tivera, era máis ‘autohomenaxe’. A idea de que fora ‘O servidor de dous amos’ parte de que hai unha vinculación coa comedia da arte moi directa. O que dirixe o espectáculo, Diego Rey, nos últimos anos formouse na comedia da arte dunha maneira moi exixente, sobre todo con moita vocación, foi a Italia a moitos cursos… Ademais a miña muller é italiana, estamos indo tres veces ao ano a Italia… Buscabamos un intercambio con propostas teatrais co norte dese país. Aínda que o texto orixinal fala de relacións amorosas, Diego Rey convérteas en relacións empresariais e coa Administración. Sempre desde un punto de vista non de denuncia, senón tamén de retrato da realidade. Presentamos unha serie de personaxes cun afán desmedido pola riqueza, pola posición. O que queda é un retrato en clave de comedia dalgo moi actual que é a corrupción. Eu penso que é unha versión moi acertada.

Cambiaron moito as cousas desde fai trinta anos ata agora?

Nós cando empezamos no 1988 foi dunha maneira moi afeccionada. Ata o 1996 non nos convertemos en profesionais. Aí foi cando empezamos a intentar vivir desto. A nosa actividade foi progresiva. Non tomamos a decisión seductora de querer vivir do teatro sen máis. Tiñamos unha especie de precaución, un dicir ‘Non vaia ser o demo’! Pero cada vez máis xente empezou a renunciar a outro tipo de posibilidades laborais e dedicarse de cheo a isto. A nosa intención nese momento pasou por xerar estabilidade ás persoas que participamos nos proxectos da compañía. Por iso temos un repertorio amplo, atendendo ao público infantil, xuvenil, adulto… Comedia, drama… Queremos ter unha oferta suficiente que nos permita vivir desto sen problema.

Artur Trillo. Foto: Iván Barreiro
Artur Trillo. Foto: Iván Barreiro

Porque a vosa é unha profesión moi bonita, pero tamén moi dura…

Dura por inestable. Dura por imprevisible. Dura porque non hai mecanismos de continuidade, non hai unhas redes de exhibición suficientes para que a actividade sexa permanente. Por iso dalgunha maneira nós, o que queremos é estabilizar desde un punto de vista económico ás persoas que forman parte da compañía. A maior parte da xente, ademais de estar en escea e actuando en espectáculos, damos clases de teatro en escolas municipais. Estamos en Cee, Vimianzo, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Rois, Ames, Carballo… Así podemos vivir exclusivamente do teatro. Pero tamén a cambio de dedicarlle moitas horas. As cousas como son!

É que moitos ven unha profesión divertida pero non todo o esforzo que hai detrás…

Si. Hai xente que se levaría moitas sorpresas se vise o que custan as cousas. Non só a nivel económico, senón a nivel tempo. Unha escena que dura un minuto, poden pensar que se fixo na última media hora e ao mellor levamos unha semana enteira facéndoa. Un deseño de luces ao mellor é un traballo das últimas tres semanas. Un espectáculo de máis ou menos unha hora e media leva ensaiar un mes e medio ou dous meses, todos os días, seis, sete ou oito horas diarias.

A pesar de todos os momentos difíciles que habería en trinta anos, por que continuar?

É unha cuestión de vocación, de paixón. Cando un menciona este tipo de palabras parece que quedan ben para a galería, pero a nós o que nos pasa é que hai moitos momentos nos que desfrutas, nos que é mais afección que profesión, sen deixar de lado a palabra profesión, claro!

E era máis difícil facer teatro en galego fai trinta anos que agora?

Igual. Unha das cousas das que realmente podemos estar orgullosos é que o teatro é das poucas actividades que se fan en Galicia normalizadas. O 99% da actividade faise en galego. Cal é o problema? Que non hai un público instaurado. Ás veces teño a sensación de que non somos relevantes como profesión. Si que hai compañías que teñen un público garantizado. Os Chévere, Mofa e Befa… sempre van a ter público. A outros cústanos máis porque non temos esa marca ou eses premios e recoñecementos que teñen outras compañías. O que temos que buscar é esa maneira de consolidar públicos. E para iso dependemos das Administracións: que as súas programacións axuden a fomentar públicos e non a despistalos, que haxa programacións estables, que haxa rigor nas programacións… Que unha compañía poida estar máis dun día por espazo, para que exista o boca a boca e que a xente poida dicir: “Ostras, onte fun ver un espectáculo marabilloso. Non o perdas!”. Porque moitas veces actúas nun sitio un día e xa marchas. Son estas cousas nas que temos que pelexar. E ás veces un ten a sensación de ser clandestino. Vas a actuar nun interior e parece que non estás exposto a esa vila. Por exemplo, o circo é moito máis evidente. Levan uns días montando as carpas! Necesitamos ter máis presenza.